4. ACTIVIDADES

Actividade de presentación e motivación

4.1. Introdúcese brevemente o tema: videoxogos e literatura. Nun lado do encerado poden quedar anotados os conceptos (de literatura) que se van a recordar e manexar: argumento, trama, intriga, espazo, tempo, etcétera. Despois pídese aos alumnos que digan en voz alta ou que escriban nun papel un, dous ou tres nomes de videoxogos que coñezan. Iranse escribindo no encerado, sen que se repitan, pero agrupándoos por tipos. Algúns tipos que se poderían manexar son os seguintes (aínda que esta lista pode reducirse ou ampliarse, convén que abarquen ben todos, pero sen crear unha taxonomía demasiado extensa):

  • acción
  • aventura gráfica
  • estratexia
  • rol
  • simulación
  • velocidade
  • deportes
  • quebracabezas e habilidade
  • naipes

Pedirase aos alumnos que identifiquen os xogos que deriven de novelas (hai moitos: O señor dos aneis, Harry Potter), de cómics (Spiderman) ou de películas e series (King Kong, A guerra das galaxias, O padriño, CSI), que sairán probablemente; e, se non, que os mencionen a continuación. Debe mirarse con atención, porque ás veces son os xogos os que deron lugar a películas (Resident Evil, Tomb Raider ou Doom, por exemplo).

4.2. Lectura da noticia e xogo das sete pistas. Seguindo a Guía do profesor A. A noticia, elíxese algunha ficha A1 para entresacar da noticia os que, quen, por que, como, onde, cando e canto.

Actividades para desenvolvemento dos obxectivos

4.3 Analizar un xogo cos criterios e factores con que se comenta un texto narrativo literario. Pódese facer cun xogo que coñezan todos (aínda que o profesor non o coñeza). Vanse facendo preguntas para ir descubrindo a historia que conta o xogo:

  • quen é o protagonista; outros personaxes (¿axudan ao protagonista ou lle dificultan o logro dos seus obxectivos?); ¿podemos describir ao protagonista física ou psicoloxicamente?, ¿é prototípico ou ten personalidade?, ¿ten isto algunha importancia para o xogo?, ¿evoluciona?;
  • que debe facer;
  • por que debe facelo (normalmente, por unha ameaza externa ou para lograr un obxectivo);
  • como pode facelo (habitualmente, facendo un percorrido que necesita apoiarse en algo, como enerxía ou obxectos, logrado antes con habilidade ou con forza);
  • cando se sitúa a acción (adoita ser unha cuestión de pouco relevo nos xogos, aínda que algúns se remontan ao futuro e outros se sitúan en períodos históricos concretos, como na Roma imperial, por exemplo), ¿hai saltos no tempo (cara a adiante ou cara atrás)?, ¿é un xogo en tempo real?, ¿o transcurso do tempo prexudica ou beneficia para alcanzar a meta?;
  • onde (algúns se sitúan en cidades coñecidas, outros en paraxes exóticas e remotas como selvas e desertos, moitos en naves espaciais, cidades futuristas ou planetas afastados);
  • ¿ten intriga o xogo?, ¿canto nos atrapa?;
  • ¿como acaba o xogo?

Se o xogo se basea nalgunha novela ou película coñecida poderían intentar compararse (procurando non facer valoracións).

4.4 Elixir un libro para un xogo. Cos criterios empregados para desenvolver a actividade 4.3 encárgase aos alumnos que pensen nun libro e que vaian xustificando por que o elixirían para crear a partir del un videoxogo. ¿Polas características do protagonista?, ¿pola intriga?, ¿polos lugares onde transcorre?, ¿polo final? ¿Que aspectos, en cambio, habería que modificar para que o xogo resulte entretido?

Trátase de dar outro repaso aos conceptos cos que nos achegamos criticamente á obra literaria.

Actividades de ampliación

4.5 ¿Serían capaces de facer un guión para desenvolver a partir del un videoxogo?

  • ¿Ten un bo argumento?
  • ¿Dispón de todos os elementos crave dunha narración?
  • ¿Ten gancho (intriga)?

Esta actividade pode facerse en equipo, encargando a cada xogador o desenvolvemento dalgún aspecto e a un director que unifique e presente o resultado. Pode ser unha boa experiencia para desenvolver, ademais das cuestións relativas á materia, dúas materias transversais:

  • o traballo colaborativo;
  • a capacidade de liderado do director de equipo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies