L. Cancela
Supoñíase que o xoves pasado un foguete ía facer historia. A empresa Space X, dese home multimillonario que seguro que coñeces chamado Elon Musk (que tamén é propietario de Twitter e de Tesla), lanzaba a nave Starship, pero non tardou máis de catro minutos en estoupar despois do que parecía un voo moi errático.
Que pasou?
Todo o mundo estaba atento ao esperado lanzamento do Starship, o foguete máis potente da historia. Non obstante, truncouse todo. Antes de despegar, a retransmisión da operación mostraba que tres dos 33 motores fallaban. Aínda así, os técnicos seguiron adiante e activaron a secuencia de ignición (despegue), que tardou uns seis segundos en funcionar.
Como estoupou?
Primeiro despegou ben, e a xente estaba encantada, pero catro minutos despois algo empezou a ir mal. O número de motores avariados elevouse a cinco e o superfoguete empezou a dar voltas sobre si mesmo. Acto seguido, os técnicos activaron o sistema de terminación de voo e a nave estoupou a 39 quilómetros de altura.
Cal foi a causa?
O foguete estaba composto por dúas partes. A primeira, un propulsor (Super Heavy Rocket) que serve para impulsar e poñer en órbita a segunda parte, a nave Starship. Lánzanse xuntos, pero a medida que avanzan deben separarse. Para iso, a Starship tiña que virar sobre si mesma como o tapón dunha botella para que a forza centrífuga do movemento os separase. Esta manobra fallou.
Por que o fixeron estoupar?
Na zona había moita xente congregada e se non o facían, a supernave caería enteira ao chan, co risco que isto suporía. Era algo que estaba previsto, por iso tiña un mecanismo que aseguraba a orde de destrución. Todas as naves adoitan ter un dispositivo parecido.
Por que é importante?
Os inicios de calquera avance na carreira espacial son difíciles e van lentamente. Os humanos non queremos xa dar voltas á Terra ou só ir á Lúa. Iso xa o fixemos hai moitos anos (máis de 50). O que queremos é construír naves con máis capacidade e o máis baratas posible para ir constantemente a Marte e á Lúa con persoas e material. Pero pousar en Marte esixe ter moito peso, pois non hai tanta gravidade como na Terra, e, se non, potencia para compensalo. Iso teno o Starship, que ademais pode ser reutilizado completamente, xa que non perde ningún módulo no despegue (a propulsión ou os tanques de combustible), como ocorría ata agora.
O autobús espacial de Elon Musk para levar a cen persoas
Con este tipo de nave, Elon Musk ten a intención de revolucionar a exploración espacial. Pois, en resumidas contas, Starship foi creado para levar a persoas á Lúa e a Marte. A idea futura é que sexa unha especie de autobús, que salga cada 15 días e que poida transportar a cen persoas nunha viaxe de seis a oito meses de ida e outros tantos de volta. Este obxectivo comezou no 2005, cando Space X empezou a traballar no plan de crear o foguete máis potente do mundo. A nave completa mide 120 metros e será capaz de mover unha carga de 150 toneladas. Isto é moi importante, pois ata agora, esta capacidade era impensable. Ademais, parte da nave será reutilizable, é dicir, volverá á Terra en perfecto estado para volver facer a viaxe unha e outra vez.
A primeira vez que unha muller e un afroamericano chegarán á Lúa
Este ano, a NASA anunciou os nomes do primeiros catro astronautas seleccionados para a misión Artemis 2, o primeiro ensaio tripulado co que a axencia quere levar humanos á Lúa e a Marte. Os elixidos son Christina Koch, Victor Glover e Reid Wiseman, dos Estados Unidos, e Jeremy Hansen, de Canadá. Esta ocasión será a primeira que tanto unha muller como un afroamericano pisen a Lúa. Así, esta misión será noticia por partida dobre. En primeiro lugar, polos seus tripulantes; e en segundo lugar, porque marcará a volta física do humano á Lúa, un feito que non se repite desde hai máis de 50 anos. Está previsto que se lance a finais do próximo ano. Será unha especie de simulacro no que os astronautas viaxen ata a Lúa, lle dean a volta e regresen á Terra nuns dez días.
ACTIVIDADE BÁSICA
A Lúa, tan cerca e tan lonxe
Seguro que tes algún familiar que lembra as primeiras aluaxes, alá polo ano 1969. Poderías montar unha reportaxe, escrita ou en vídeo, daquelas primeiras viaxes ao noso satélite baseándote nos seus relatos? Por outra banda, antes de chegar á Lúa nun foguete espacial, os humanos xa estiveramos alí coa nosa imaxinación. Liches algún libro ou viches algunha película que narre unha viaxe á Lúa imaxinaria? En que se diferencian da realidade?
——————-
As actividades están deseñadas por Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos da Coruña.
Ata o infinito e máis alá
A Lúa foi o único corpo celeste sobre o que un humano puxo o pé. Polo momento, resúltanos moi difícil chegar, fisicamente, a calquera dos sete planetas que orbitan ao redor do Sol. Existen varios factores para explicalo. En primeiro lugar está a distancia, que dificulta esta misión. Despois, están as condicións de cada lugar, que poden dificultar a estancia ou impedir a aterraxe. Isto non quere dicir que non os visitemos. Polo menos de forma telemática. Son varias as axencias espaciais que enviaron sondas ou naves sen tripulacións para investigar estes recónditos lugares. De feito, no 2015, coa chegada da nave New Horizons a Plutón, logrouse completar a exploración básica do sistema solar e abriuse un novo capítulo nas nosas andainas espaciais.
Para entender a importancia das sondas, podemos dicir que son como os nosos ollos no espazo. Están construídas para realizar experimentos científicos, non poden levar persoas e a maioría foron deseñadas para non volver á Terra. A súa misión principal é enviar información acerca do espazo máis próximo.
O ano pasado cumpríronse 60 anos desde que a primeira alcanzou un planeta. Foi a Mariner 2, de orixe estadounidense, que tivo un encontro con Venus. Este lle serviu para medir a temperatura da atmosfera do planeta e a da súa superficie. Este non é o único exemplo.
Fagamos un breve repaso polas primeiras veces. Chegamos a Marte en 1965 coa sonda Mariner 4, a Xúpiter en 1973 coa Pioneer 10, a Mercurio en 1974 coa Mariner 10, a Saturno en 1979 coa Pioneer 11, a Urano en 1986 grazas á Voyager 2, que tamén foi a primeira en aproximarse a Neptuno, no 1989. Finalmente, investigamos Plutón no 2015, aínda que entón xa non se consideraba un planeta. O seguinte obxectivo é volver a investigar Urano, elixido como planeta estrela da próxima década pola NASA. A misión ao xigante de xeo recibe o nome de UOP (Uranus Orbiter and Probe), estímase que durará uns 19 anos e que se lanzará entre o 2031 e o 2038. A intención deste traballo será estudar o planeta e as súas lúas en detalle.
A carreira cara á Lúa máis competida que nunca: xogan ricos e Estados
O home quere volver poñer un pé na Lúa. Aínda que se enviaron sondas e satélites para explorala, a última vez que unha persoa estivo sobre a súa superficie foi en 1972, coa misión Apolo 17, dos Estados Unidos. Agora, o satélite volveuse converter nun obxectivo tanto de países como de compañías multimillonarias. Por unha banda, atópanse as potencias espaciais emerxentes. China alcanzou a superficie lunar coas súas misións Chang’e 3, 4 e 5; e ten a intención de enviar unha misión tripulada (con astronautas) antes do 2030.
A India e Israel tamén o tentaron, aínda que fracasaron. Na actualidade, a conquista do espazo xa non é soamente asunto de Estados (debemos lembrar a carreira espacial durante a Guerra Fría entre os Estados Unidos e a Unión Soviética). As compañías privadas únense á exploración espacial con obxectivos tan ambiciosos como custosos. Xa vimos o caso da nave Starship de Elon Musk, pero tamén o intentou Jeff Bezos (o dono de Amazon) coa Blue Origin.
A NASA non ía ser menos nesta tolemia lunar. No 2017, cando Donald Trump era aínda presidente, instou á axencia espacial a regresar á Lúa. A NASA datou a volta para o 2028, pero a Administración presidencial puxo o 2024 como límite. Se isto se cumpre, será un momento moi emocionante, porque poderedes ver como se fai historia.
ACTIVIDADE MEDIA
Un traballo das máquinas?
Elaborade unha lista de proles e contras das misións tripuladas e robotizadas. Por que as sondas poden alcanzar Plutón e os humanos teñen dificultades para chegar á Lúa? Establecede un debate incluíndo principios, datos e feitos.
ENTENDER
O satélite, patrimonio con liberdade de acceso
■ Algunha vez vos preguntastes a quen pertence a Lúa? Podemos ser propietarios dos corpos celestes? O certo é que non lle pertencen a ninguén en concreto, senón a todos en xeral.
■ En 1967, os Estados Unidos, a Unión Soviética e outras nacións involucradas na exploración espacial asinaron o Tratado sobre o Espazo Exterior. No acordo, as dúas superpotencias coincidiron en non repetir na Lúa os erros cometidos na colonización terrestre. Así, dous anos antes da primeira chegada de tripulantes o satélite converteuse nun patrimonio mundial ao que todos os países poderían acceder legalmente.
■ O mesmo ocorre con outros corpos celestes, como os asteroides. Nin un nin outro se poden converter en territorio dun Estado soberano. Se vos interesa este tema e vos parece interesante de cara ao futuro, debedes saber que xa existe unha rama xurídica coñecida como Dereito Espacial.
ACTIVIDADE AVANZADA
O negocio é o negocio
Dende hai pouco tempo, as compañías privadas uníronse á carreira espacial. Tendo en conta que acostuman perseguir algún tipo de beneficio, buscade información sobre as posibilidades de negocio que ofrece a exploración espacial.
PROFUNDAR
Onde estarán os humanos cando o Sol engula o planeta Terra? A teoría do xigante vermello
■ As estrelas seguen un ciclo de vida, o que supón que chega un momento no que morren. Cando estas se atopan nas últimas etapas da súa evolución estelar, se as coñece como xigantes vermellos, o que quere dicir que unha estrela está apagándose lentamente.
■ É probable que isto lle ocorra ao Sol, xa que, como sabedes, tamén é unha estrela. Cando isto suceda, pode que se expanda e engula numerosos planetas, a Terra entre eles con case toda seguridade. Temos os humanos a obriga de buscar xa unha nova casa para o futuro remoto?
■ Os científicos calcularon, con variacións entre uns grupos e outros, que isto sucederá dentro duns 5.000 millóns de anos. O sistema solar formouse hai uns 4.500 millóns, así que estamos máis ou menos no punto intermedio da vida do Sol. Onde estará a nosa especie? É unha pregunta difícil de contestar. «Os seres humanos apareceron hai uns 300.000 anos e os seus antepasados homínidos, hai uns cinco millóns», explica Marcos Maldonado. Así, ninguén saberá o que ocorrerá dentro de 5.000 millóns por moito que nos esforcemos. Agora ben, sospéitase que a humnidade extinguirase moito antes, aínda que só sexa porque así funciona a evolución das especies, apunta o científico.
■ Por outra banda, ao poñer encima da mesa a posibilidade de visitar a Lúa, tamén teriamos que preguntarnos. Quen poderá facelo?, será un luxo só permitido para os ricos máis ricos?