SARA CARREIRA

Seguro que coñeces a unha persoa á que todo lle sae mal, pero que aínda así non perde o bo humor e a súa xenerosidade, verdade? Pois así foi Miguel de Cervantes, o escritor máis importante en castelán. Non penses que como viviu hai 450 anos era un señor aburrido: quedou manco aos 24 anos, estivo no cárcere, pasaba as noites de bares, foi secuestrado por piratas e exerceu de espía. E todo antes dos 58 anos, cando deu o pelotazo: escribiu o Quixote e foi un boom de vendas. Pero ata iso lle saíu regular, xa o verás.

Infancia itinerante

Tivo unha infancia moi viaxeira, porque o seu pai, un cirurxián (un practicante), non paraba nun lugar moito tempo, ás veces porque tiña débedas e debía escapar. Aínda que Miguel, o noso heroe, naceu en Alcalá de Henares (Madrid), vese que viviu moito tempo en Andalucía. Imaxinas a Cervantes con acento sevillano ou cordobés?

Sen estudos superiores

Unha cousa que seguro que non pensas de Miguel é que non estudara. Unha familia con sete fillos non te levaba a Salamanca, onde estaba a universidade. Por non estudar, moitos escritores da época o criticaban e non o valoraban. Pero Miguel adoraba ler, mesmo os papeis rotos que atopaba polas rúas. Así que a falta de clases el compensábaa con paixón, e cando tiña 20 anos foi alumno dun gramático famoso: López de Hoyos, hoxe coñecido por ensinar a Cervantes máis que polos seus escritos.

Xunto coa lectura, a Miguel gustáballe moitísimo o teatro, que era o cine da época. Pero diso non se comía, así que Miguel, con pouco máis de 20 anos apuntouse como secretario, ou escribente, no séquito dun cardeal (que tiña a súa mesma idade) e con el coñeceu media Italia.

Manco ao buscar a gloria

Eran tempos duros, e Miguel buscaba a gloria. Só había dous xeitos de conseguila se un non nacía príncipe: loitando contra os musulmáns ou indo a América (daquela chamábase As Indias). Así que o mozo decide, con 24 anos, pelexar contra o turco (os musulmáns) nunha batalla histórica, a de Lepanto. Como cabía esperar na vida do pobre Miguel, foi ferido e perdeu a mobilidade da man esquerda, de aí que o chamaran o manco de Lepanto, aínda que perder, a man non a perdeu. De feito, seguiu indo a batallas e pasou dous anos en Nápoles.

Secuestrado por piratas 

Cando regresaba co seu irmán Rodrigo á casa, e xa vendo Cataluña, o seu barco foi secuestrado por piratas e levado a Alxer. Como Cervantes era daquela poeta e tiña moito xeito, coñecía a todo o mundo, e no peto levaba unha carta de recomendación de xente moi importante para atopar emprego en España, os piratas pensaron que era un home poderoso e pediron por el un rescate de 500 ducados de ouro (para que vos fagades unha idea, uns 100.000 euros de hoxe).

Catro intentos de fuga 

Miguel non tiña cartos, e pasou cinco anos na cadea, aínda que tentou escapar ata en catro ocasións. Nelas mostrouse como o que era, un líder xeneroso, propio dunha película: cando o pillaban facíase responsable para que non castigaran aos seus compañeiros.

A nai moveuse para atopar cartos, pero non xuntou suficiente para ambos fillos, e Miguel deixou marchar a Rodrigo primeiro. Si: o personaxe do Quixote, defensor dos desvalidos, é o mesmo Cervantes! Finalmente, uns frades que chegaron a Alxer traballaron arreo para reunir os cartos para liberalo. Para entón tiña só 33 anos e mirade o que xa vivira!

Espía en Orán

Pero a vida segue e Miguel necesitaba cartos para pagar as débedas do rescate, e entón foi de espía a Orán (Alxeria), e quixo viaxar ás Indias, pero non lle deixaron.

Pelexas de bar

Cervantes era, como case todos os escritores da época, un pouco tarambaina. Metíase en partidas de cartas e pelexas de bar e tivo cunha muller casada unha filla, que recoñeceu pero coa que nunca tivo boa relación. Aos 37 anos casou cunha rapaza de 20, Catalina, pero (a ninguén lle sorprende) separouse aos dous anos. Cervantes falou en varias obras do divorcio, unha figura legal moi rara daquela (fixeron falta máis de 300 anos para aprobalo!).

Recadador de impostos, excomuñón e cárcere

Cervantes seguía roldando pola Corte, onde viña sendo como un funcionario interino. Foi recadador de taxas e alimentos para a Armada Invencible, e de débedas co Estado. Así percorría Andalucía, non sen pasar as mil e unha: como embargou aceite da Igrexa para a Armada, o Arcebispado de Sevilla excomungouno. E foi ao cárcere porque o banco onde deixaba o diñeiro recadado quebrou.
Foi no cárcere onde Cervantes pensou a historia de don Quixote. Tiña 58 anos. A primeira edición estaba moi mal escrita, mesturadas as cousas, con repeticións, esquecendo historias… Ninguén lle botara unha ollada despois de que a escribira e era unha chapuza, pero foi un best-séller. Daquela pouca xente sabía ler, e iso de contar historias era unha actividade social: na casa ou nunha taberna, alguén lía un libro e o resto escoitaban.

O «Quixote» é humor

Como é o Quixote? Imaxinade unha película de Santiago Segura e Leo Harlem, ou un Resacón en Las Vegas… A xente choraba da risa léndoo, caían das cadeiras das gargalladas e todos aplaudían as grazas de don Quixote e Sancho. Hoxe é difícil lelo sen sentir pena por ese home medio tolo, pero entón a xente non tiña tanta pena de rir dos demais.

Co éxito do libro, pensades que xa estaba todo feito? Pois non! Andaba Cervantes contento cando saíu unha segunda parte do libro que non era súa: fixéronlle unha imitación fake! Este novo Quixote era como o primeiro, moita risa e golpes. E don Miguel non daba creto: quen lle estaba a roubar a fama e os cartos? Hai quen di que fora Lope de Vega ou un encargo seu. Lope era outro escritor, máis coñecido ca Cervantes e cunha vida diferente: trouleiro e mullereiro, sempre metido en liortas, pero era un dramaturgo célebre, admirado polos reis, como hoxe sería un actor famoso. Entre Lope e Miguel había verdadeira hostilidade, e o primeiro non tiña límites para vingarse, porque non tiña a bondade natural de Miguel.

En 1615 chegou a segunda parte escrita por Cervantes. Foi unha revelación, e se na primeira o público toleaba coas historias dos persoeiros, na segunda chegou a admiración e o Quixote fíxose eterno. Ao ano seguinte morría Cervantes e nacía o mito.

«Paciencia e barallar»

Da vida de Cervantes pódese aprender moito, pero o máis importante, ademais de a ser boa persoa, é a ser persistente. Como din no Quixote, «paciencia e barallar», e dicir, aguantar o malo e intentalo unha e outra vez.

As leccións do Quixote

Posiblemente aínda non tendes idade para ler o Quixote, pero se vos animades, recomendámosvos a versión de Andrés Trapiello que adoptou o libro ao español moderno, ou algunha versión xuvenil do clásico. Non todo o mundo leu o Quixote, entre outras cousas porque está escrito nunha linguaxe antiga que ao principio é difícil. É algo curioso, porque precisamente unha das virtudes de Cervantes é que fixo a primeira novela moderna no español que falaba a xente. Pero, claro, era o español de hai 400 anos!

Moita xente pregúntase por que o Quixote é tan importante, e unha resposta rápida é que porque o ten todo. Estas son algunhas das súas características:

Fala das cousas da vida da época, non de santos nin de heroes antigos, como era habitual ata ese momento.

Cada personaxe usa a linguaxe que lle corresponde: un home do campo non pode falar coma o rei, algo típico noutras novelas.

Os seus personaxes son marabillosos, por variados e reais. Párase moito en describilos, en contarnos cousas sobre eles (e déixanos con ganas de máis: queremos un spin-off!). Son complexos, contraditorios e van evolucionando: están vivos. Non son estereotipos: non hai grandes malos nin xente boa en toda ocasión (o propio don Quixote non ten sentimentos puros todo o tempo). Pensade que moitas películas teñen personaxes planos: o malo é malísimo sempre, e o bo, marabilloso, e iso non é real.

E falando de películas, pensade nesa na que o heroe comeza unha viaxe cun compañeiro que é un desastre, o que se chama unha road movie. Pois esa é a historia do Quixote, fixádevos se non.

Non hai un tema do que non fale. Cousas de onte e de hoxe, problemas que teñen as persoas: medicina, leis, literatura, relixión, diñeiro, poder, saúde (física e mental), bondade, amizades, vicios, amor, comida… De cada un destes temas hai decenas de libros que analizan o que conta o Quixote.

A súa empatía. Sempre entende aos demais, non os xulga. Podemos dicir que a filosofía do Quixote é vive e deixa vivir, algo que nin sequera hoxe pode dicir todo o mundo. Nótase que lles ten cariño aos personaxes, que os acepta como son. Non se ri deles.

Nun aspecto máis profundo, fala dos opostos: o ben e o mal, a riqueza e a pobreza, o idealismo e o realismo, o verdadeiro e o falso, a beleza e a fealdade…

Mil historias. É como unha cebola: as historias van agochadas unhas noutras, pero cando remata unha recordas onde estabas.

A segunda parte é unha tolería: a ficción dentro da ficción, unha cousa nunca vista, porque don Quixote e Sancho van aos sitios e atopan xente que lera o Quixote falso e os recoñece. Un xogo de espellos novelísticos divertido e moi moderno. Mesmo fala co lector directamente, rompendo o que no teatro se chama a cuarta parede.

O papel vital do conde de Lemos, o virrei de Nápoles que pagaba ao autor

Vivir da escritura é moi difícil hoxe, así que imaxinade no século XVII. Agora hai premios e axudas de fundacións, e contratos das editoriais para que os escritores poidan facer o seu, escribir; na época de Cervantes eran os ricos e poderosos os que o facían, moitos por postureo, pero algúns porque sabían que non podía haber creación sen xente que lle dedicara tempo. Un deles era Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos, cun pazo en Monforte (hoxe é o Parador) e moitas terras por toda Galicia. A el dedica Cervantes a segunda parte do Quixote nunha deliciosa dedicatoria que vos animamos a ler, e da que aquí tendes un anaco.

Fala neste texto de que na China souberon da primeira parte do Quixote, o que era un invento, unha chanza: «En lengua chinesca habrá un mes que me escribió una carta con un propio [mensaxeiro], pidiéndome o por mejor decir suplicándome» que fose para alí, ao que o escritor lle preguntou se «le había dado alguna ayuda de costa [diñeiro para a viaxe]», e contestoulle que nin de broma («ni por pensamiento»). Non hai dúbida do que lle contestou o pobretón de Cervantes: «Pues, hermano, vos os podéis volver a vuestra China a las diez o a las veinte, porque estoy muy sin dineros, y, emperador por emperador y monarca por monarca, en Nápoles tengo al grande conde de Lemos, que me sustenta, me ampara y hace más merced que la que yo acierto a desear».

Coñecedes casos de mecenas hoxe (xente rica que apoia aos artistas)? Que vos parece? Debería dar o Estado subvencións?

ACTIVIDADE

Monólogo feminista

«Eu nacín libre». Así de moderno é o monólogo (un discurso dun único persoeiro) da pastora Marcela. Un pastor estaba namorado dela e como non lle facía caso, matouse; os amigos del a criticaban por non terlle dado unha oportunidade. Cervantes fai unha reivindicación da liberdade da muller que, aínda con lóxicos matices, hoxe seguiría a ser moderna. Botarlle unha ollada e facer un debate: en que credes que é moderno e en que non?

ENTENDER

Ler cómics ou fíos nas redes sociais; todo é ler

Ler non é patrimonio de ninguén, nin de ningún formato. Xa dicía Cervantes del mesmo que lía «ata os papeis rotos das rúas», porque toda lectura pode ser boa. Que non gozas cos libros? Pensa nos cómics! Ou nas redes sociais: hai moitos fíos de X (antes Twitter) que teñen cousas moi interesantes.

Non hai temas bos ou malos: novela romántica, ciencia ficción, dramas, comedias… Todo vale!

Hai xente a quen non lle apetece ler historias inventadas. Ou sexa, que prefiren aprender algo. Iso chámase ensaio e non penses que ten que ser aburrido: pode falar de fútbol, de libros, de saúde, de historia… Hai de todo.

PROFUNDAR

Pódese falar de todo nos libros? Mesmo das cousas terribles, ou é dar ideas?

Nos libros podes atopar todo tipo de historias, algunhas terribles. Cres que está ben? A liberdade de pensamento debe chegar aos textos escritos ou é demasiado? Cres que o que conta unha novela se pode converter en algo real, un asasinato, por exemplo? Ou pensas que non ten que ver unha cousa coa outra?

Hai quen quere deixar de dar cartos públicos a compañías de teatro que, por exemplo, poñan en escena obras con personaxe do colectivo LGTBI+. Está claro que se prohibisen a súa emisión iso sería censura, pero, deixar de subvencionalas… tamén o é? Deben as Administracións (concellos, comunidades autónomas, deputacións) decidir se axudan a un grupo de teatro que non fala das cousas que aos gobernantes lles interesan? Onde está o límite? Unha revista satírica, que se burle dos gobernantes, debería recibir axudas públicas?

Moitas veces os actores que fan de personaxes terribles no cine (asasinos, pederastas…) din que hai xente que os insulta pola rúa, como se eles fosen as persoas que interpretan. Cres que pasa así con autores polémicos? Ao escritor Salman Rushdie un fanático relixioso deixouno torto hai un ano por un libro de 1988 inspirado na vida do profeta Mahoma. Coñecedes máis casos de autores que levanten moitas críticas? Credes que deben aceptar o risco de ser atacados?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies