O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica de Informática (Cpetig) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentaron a pasada semana o documental Marxe de erro, no que se amosa o perfil profesional de cinco mulleres tecnólogas. A iniciativa forma parte do Plan DigiTalent para promover as vocacións tecnolóxicas femininas. Na reportaxe saen Berta Candendo, Susana Ladra, Susana Gómez, Verónica Bolón e Silvia Piñeiro, todas profesionais que contan as súas experiencias e retos como mulleres no seu campo.
Que é o nesgo de xénero que hai na ciencia?
Ás veces pensamos que o machismo é algo propio de xente con pouco nivel educativo ou coa violencia machista, pero non hai tal. O machismo está na sociedade dun xeito tan natural que ata quen pensa que non o é se equivoca.
Por iso, o Ministerio de Ciencia sacou un pequeno vídeo explicando que no seu mundo, tan lóxico e amante dos datos, hai nesgo de xénero: repartiron o mesmo currículo (exactamente igual) en varias universidades para un posto en investigación, pero nun levaba firma de home e noutro de muller. A ela valorárona menos (tamén as mulleres) e del destacaban as súas posibilidades de liderado (as dela nin as mencionaban).