Adrián Aira (Vigo, 1994) licenciouse en Publicidade e Relacións Públicas. Durante a carreira xa se interesou polo mundo dixital. Actualmente dirixe a empresa Marketing4eCommerce Academy, do grupo Viko, que oferta formación continua en materia de comercio electrónico e marketing dixital a particulares, profesionais e empresas.
—A que te dedicas?
—Agora mesmo dirixo a empresa Marketing4eCommerce Academy, do grupo Viko, no que levo dende o 2017. O que facemos nesta empresa é ofertar formación continua en materia de comercio electrónico e márketing dixital, tanto para particulares como para profesionais e empresas. Eu son a persoa que dirixe o proxecto, encárgome de contactar profesores, buscar clientes, organizar o equipo, os presupostos, etcétera…
—Querías dedicarte a isto?
—Sempre conto que xa estaba nas redes sociais dende moi moi cativo. Na miña casa houbo Internet moi cedo, eu xa tiña foros, páxinas web… Sempre estaba creando cousas novas vinculadas a Internet. Tiña claro que se chegaba á universidade, quería facer o grao de Publicidade Relacións Públicas, que é o que cursei en Pontevedra. E cando entrei na carreira xa estaba investigando sobre temas de márketing dixital e tiña claro que quería dedicarme a este sector.
—Que bacharelato fixeches para chegar aí?
—Fixen o de Ciencias Sociais, con Matemáticas e Economía, porque o tema de empresa sempre foi algo que me gustou. O bacharelato custoume un pouco. Incluso repetín segundo. E hoxe, que dou clases en universidades e escolas privadas sempre conto que quizais as miñas mellores habilidades non encaixaban nese momento. Nunca tiven un gran expediente académico, porén logo na carreira xa non me custaba sacar boas notas, algunha matrícula de honra incluso, porque me interesaba o que estudaba. Tiven que pagar esa pequena peaxe e logo xa puiden desfrutar máis da aprendizaxe.
—E xa na universidade tiñas claro que querías ir cara o sector do márketing dixital?
—Si. Así que empecei a participar en todas as actividades que había vinculadas a iso: foros, charlas, empecei a coñecer a xente… Todo iso do que se fala hoxe en día de facer networking, ou traballar a marca persoal, eu estábao facendo sen querer. Aínda hoxe me atopo con xente que me asocia con este sector ou me coñece por esas cousas nas que participaba. Mirando atrás creo que é fundamental aproveitar toda esa experiencia colateral que che dá a universidade, esas posibilidades de facer contactos.
—Como entraches na túa actual empresa?
—Eu xa empecei a facer prácticas en segundo de carreira, unhas voluntarias nunha axencia en Vigo. E en cuarto tiñamos as prácticas obrigatorias. Eu podía convalidalas coas de segundo, pero decidín aproveitar esa oportunidade de facer máis prácticas. Fíxenas en Elogia, que é a axencia aquí en Vigo do grupo Viko. Realmente non tiñan vacante aberta de prácticas, pero eu insistín, insistín e insistín. Coñecía ata tres persoas que traballaban en Elogia por eventos da universidade. Ao final conseguín que me aceptasen. Empecei en xaneiro de 2017 e ata hoxe que estou no mesmo grupo de empresas.
—O relacionado co comercio electrónico é un sector de traballo con futuro?
—Si, porque o consumidor hoxe en día compra nunha tenda, e non lle preocupa se esa tenda ten un establecemento físico ou non, se ten unha tenda en liña ou non. Calquera consumidor dá por feito que pode comprar tanto por Internet como nun punto de venta físico, en función da súa conveniencia. Por iso para calquera marca ou empresa que venda cousas é fundamental estar no mundo online. É un sector que para 2030 se estima que seguirá medrando a un ritmo moi acelerado. Ademais abre un mercado de traballo potencial global. Dende o teu pobo podes contactar cunha audiencia de calquera lugar do mundo grazas a Internet, ás redes sociais, ás escasas barreiras loxísticas… Viuse moi ben na pandemia, que acelerou moitísimo todo. Ata as tendas máis pequenas de barrio, carnicerías, froiteirías… habilitaron a posibilidade de facer encargos por WhatsApp ou vía web. Todo isto vai ir en aumento. Paréceme un sector no que se pode apostar por facer carreira no futuro. Hai moitos sectores que aínda están nacendo, e se chegas cedo, e te especializas nun destes sectores que está medrando vai ser complicado que no futuro non che vaia medianamente ben.
—É un traballo que, ademais, dá opcións para traballar dende Galicia…
—Si. Eu tiven unha experiencia fóra, estiven dous anos Barcelona, e iso abre os ollos e amplía a túa rede de contactos. Pero logo, co tema do teletraballo, abríronse un montón de oportunidades vinculadas a todos estes sectores dixitais, e xa non é que podas traballar dende Galicia, e que podes facelo dende onde ti queiras, en moitos casos podes traballar dende o lugar que a ti mellor che conveña.
—É un sector interesente a nivel de condicións laborais?
—A día de hoxe prometerlle a alguén que se vai facer rico nun posto de traballo é difícil, pero si hai condicións de traballo interesantes, como a tendencia a cada vez traballar máis por obxectivos e menos por horas, a ter certa flexibilidade horaria de entrada e saída, ter a posibilidade de teletraballo, se non de forma xeral si ofrecendo a posibilidade de pasar unha semana fóra e seguir traballando, sen ter que consumir días de vacacións… E tamén hai posibilidades de conciliar, e isto é fundamental cando vas tendo cargas familiares, responsabilidades… Despois, a nivel de horarios, é moi habitual no sector ter xornada intensiva nos meses de verán, os venres libres. E tamén que che oferten plans formativos na túa empresa. Un montón de beneficios que non só son o salario.
—A formación continua é imprescindible neste campo?
—Si, é unha mentalidade que calquera persoa debe ter: hai que seguir formándose continuamente. Nós traballamos xusto niso, en ofrecer a empresas e profesionais a posibilidade de seguir formándose de xeito continuo en novas materias. Porque este mundo está cambiando sempre. En 2022 todo o mundo falaba do metaverso. En cambio, agora en 2023 todo o mundo fala da intelixencia artificial, de ChatGPT… Non temos que pensar en qué ou quén nos vai quitar o traballo, senón en qué vou facer eu para que non me quiten o traballo. E iso pasa por seguir aprendendo continuamente. Iso xera un certo nivel de estrés, porque cada día temos que estar dedicando máis tempo a seguir aprendendo, a seguir atentos ás novidades, pero é fundamental para seguir sendo competitivos nun sector que cambia constantemente. Cinco anos nun sector dixital son unha revolución.
—Que idiomas convén dominar?
—Eu a día de hoxe falo inglés con relativa fluidez, podo ter reunións laborais sen complicación. E iso para min foi un gran salto cualitativo, o primeiro por autoestima, por quitarme medos e complexos, pero tamén me custou, porque non saes da formación básica coas competencias necesarias. Pero o inglés a día de hoxe é imprescindible, porque é o idioma de Internet, é a lingua do sector dixital. Incluso no día a día do traballo de calquera empresa do sector é bastante gracioso a cantidade de palabros en inglés que se utilizan, incluso falando en castelán. É un tópico, pero o inglés é fundamental.
—Que habilidades cómpre ter para encaixar neste sector?
—Eu creo que unha fundamental é a capacidade de seguir aprendendo. Hai estudantes brillantes que unha vez que rematan o seu grao, o seu master, deixan de aprender, de seguir formándose. Neste sector iso non é posible, ti tes que estar constantemente aprendendo. Esa capacidade de aprendizaxe continua é unha habilidade fundamental. Despois precísase unha habilidade de comunicación, porque ante todo é importante saber comunicarse de forma adecuada, saber trasladar a túa mensaxe, tanto para aos compañeiros como aos clientes. E despois fai falta capacidade analítica, porque imos cara un mundo no que os números, os datos, teñen cada vez máis importancia. Necesitas saber manexar datos, fórmulas, follas de cálculos, estruturar información, e interpretar todos eses datos para sacar conclusións.