SARA CARREIRA

Manuel Amil (Merza, Vila de Cruces, 1957) é exemplo dun tipo habitual de profesor: matemático de formación, estivo 12 anos como xefe de estudos do instituto no que foi director outros cinco, o IES N.º 1 do Carballiño. Compaxinou este labor co de político, nas filas do BNG, que o levou a ser concelleiro e, durante un lustro, director das residenciais estudantís da provincia. Xubilado da docencia dende o 2017, anda loitando por unha residencia de Aspadisi (asociación de familias de persoas con discapacidade psíquica na comarca do Carballiño), un traballo que compaxina coa dirección dun xornal dixital, Badalnovas.com. Non se pode dicir que o retiro o sexa moito para el.

—O IES N.º 1 do Carballiño sempre acada bos resultados na selectividade. Cal é o seu segredo?

—Non sei se hai unha clave do éxito, creo que son varias cousas: un equipo directivo forte, porque un só non chega; un claustro estable, e o noso tiña un 90 % de fixos; unha comunidade educativa implicada, e para iso abrimos o centro á sociedade; e moito diálogo, porque non hai que impoñer, hai que razoar.

—Iso é certo? Non vai contra a disciplina?

—Os alumnos dun instituto teñen un sentido moi estrito da xustiza e, se es quen de explicarlles as cousas, enténdenas e respéctanas. Pero tamén hai normas, ten que habelas e hai que cumprilas. O primeiro, eu.

—Por exemplo?

—Eu era o primeiro en chegar ao centro e o último que marchaba era alguén do equipo directivo. Quen manda ten que dar exemplo.

—En 36 anos, 17 no equipo directivo, terá visto de todo. Algunha historia poderá contar.

—Moitas, claro. Recordo que no primeiro ano, en 1981, unha catedrática preguntoume por que daba clase en galego [ri], ou recordo a un rapaz de 12 anos que viña doutra comunidade, expulsado de non sei cantos centros, e que o primeiro día case se bota a mín.

—E conseguiu que fora un bo alumno.

—Conseguín que rematara a ESO, era case o meu axudante. Tiña un pacto cos profesores: cando armaba un lea, viña onda min. Eu sabía calmalo. Dá gusto sacar adiante xente con menos capacidade. Non hai neno que se me resista, eu creo que tiña que estar nunha escola infantil.

—Cambiaron moito os rapaces nestes case 40 anos?

—Moito. Antes, cando tiñamos BUP, os rapaces saían do instituto sen problema no recreo, pero cando nos puxeron a ESO, convertémonos un pouco en garderías. Os país dos pequenos teñen medo dos maiores, pero ás veces son peores os pequenos, que non teñen cabeza.

—E as familias…

—A educación é dos pais na casa; nos centros temos que darlles coñecementos e valores universais. Hai que aprenderlles aos alumnos para que manexen a súa liberdade, sobre todo aos de bacharelato. Iso era moi importante para nós: reuniámolos e lles diciamos que eran exemplo para os pequenos, que foran colaboradores. E o certo é que funcionaba moi ben. Víano no patio.

—Ía moito polo patio? Non é o común para un director

—Moito. Non é o mesmo a relación que hai nunha clase que no recreo. É unha fonte de información: quen anda con quen, quen é líder, quen acosa. Nós perseguiamos con dureza o acoso e actuabamos.

—As familias reaccionaban ben?

—Si, o certo é que si. Sempre que chamamos aos pais dos acosadores responderon ben. Pero a maioría das veces non chegabamos a tanto, porque moitos destes comportamentos non son feitos como acoso, non eran conscientes do dano que facían.

—Bota de menos o día a día do colexio?

—Dispoño do meu tempo, non teño horario, e iso non hai cartos que o paguen, pero síntome moi realizado de ser docente e sigo colaborando co instituto. Por exemplo, fixen unha historia do BUP no Carballiño, dende 1976 ao 2001: fotos de todos os rapaces, cos seus nomes, e de case todos os profesores. Todo ese material está a disposición da dirección.

—Que cousas facía na clase que poden ser diferentes do habitual?

—Nada moi especial: chamaba aos rapaces polo nome, non polo apelido; sempre lles entregaba o exame logo de corrixilo, por se tiña fallos; a nota do exame é importante, pero a vida é máis que matemática.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies