Tema: A Lúa.
Destinatarios: Primaria e Secundaria.
Materia: Ciencias da Natureza, Bioloxía e Xeoloxía, Cultura Científica
Autora: Bibiana García Visos.

Introdución

Como un flexo natural, a Lúa aluméanos polas noites e sorpréndenos acendida no ceo do día. Case sempre que miramos ao firmamento aí está, vixiante. A súa presenza suxeriu poemas, películas, libros, cancións… e ata un baile, o popular Moonwalk de Michael Jackson. Máis aló de inspirarnos, tamén se coa no noso día a día coa súa influencia sobre as mareas. Ao observala xórdennos múltiples preguntas: ¿por que sempre nos mira coa mesma cara?, ¿que hai no lado que non vemos?, ¿por que ten fases?, ¿como se formou? Nos últimos meses, a nosa compañeira de viaxe ao redor do Sol ademais foi noticia, destacando que en xullo de 2019 se cumpriu medio século dende que o astronauta estadounidense Neil Armstrong puxo un pé na súa superficie, en nome de toda a humanidade.

Noticias

10/07/2019
Así chegamos á Lúa: O día no que a humanidade deu o salto

11/10/2019
A chegada á Lúa planificouse en español

09/01/2020
O primeiro eclipse penumbral de lúa do 2020

Ademais destas noticias, o ano pasado a Administración Espacial Nacional Chinesa (CNSA, polas súas siglas en inglés) volveu facer historia ao lograr aterrar na cara oculta da Lúa, coa súa expedición Chang’e 4. Un fito tecnolóxico que nos permitiu corroborar que ese lado é moi distinto do que vemos: mentres o visible amosa mares de basalto e poucos cráteres, o agochado está cheo de buratos e a súa composición mineral é diferente. Ademais de estudar a superficie, a misión chinesa tamén inclúe experimentos científicos, como monitorizar o medre e a respiración de plantas e insectos en condicións de pouca gravidade (a Lúa ten unha capacidade de atracción seis veces menor ca da Terra).

Máis recentemente puidemos ler sobre o proxecto da Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas siglas en inglés) de colocar unha estación espacial permanente na órbita lunar. A chamada Deep Space Gateway será unha especie de parada de autobús dende a que se poderá descender á superficie lunar ou seguir nunha misión espacial máis afastada. Os astronautas poderán permanecer alí ata noventa días, realizando probas sobre misións humanas de longa duración. Un paso máis cara ao obxectivo de chegar a Marte.

Contido

Aquí atoparás varios vídeos que tratan as grandes cuestións sobre a Lúa.

Na páxina da NASA dedicada á Lúa hai abundante información e recursos sobre o noso satélite.

Radio Televisión Española fixo un especial interactivo sobre os 50 anos da chegada á Lúa, onde podes descubrir todo sobre ese fito histórico.

Orixe da Lúa

A idea máis aceptada sobre a orixe da Lúa é a hipótese do gran impacto, que defende que o noso satélite se formou fai 4.500 millóns de anos debido á colisión dun corpo astronómico do tamaño de Marte (chamado Thea) coa Terra.

Aínda que esta hipótese é a máis estendida, hai outras. Por exemplo, a da captura, que afirma que a Lúa se formou cando un fragmento doutro planeta, por exemplo Venus, desprendeuse e foi capturado pola atracción gravitacional da Terra. Aquí podes consultar máis teorías sobre a formación do noso satélite, e organizar unha clase de debate na que, por grupos, os alumnos deban defender unha das hipóteses.

A cara visible

Cando miramos cara á Lúa sempre vemos a mesma cara, por iso falamos do seu lado visible e do seu lado agochado (na imaxe a esquerda e dereita, respectivamente). Isto ocorre porque a Lúa tarda o mesmo en rotar unha vez sobre si mesma que en dar unha volta ao redor da Terra. Non é un movemento doado de imaxinar, pero o resultado é que sempre apunta cara a nós a mesma cara lunar, como é posible entender nesta animación.

Para profundar na morfoloxía do noso satélite é interesante facer unha descrición das dúas caras da Lúa e enumerar as diferenzas que se observan entre ambas. Ademais aquí é posible comparar o seu aspecto co dos outros satélites do Sistema Solar (en total hai corenta), e verificar se se parece a algún.

Fases lunares

Non todas as noites vemos a Lúa do mesmo xeito. As fases lunares son os cambios da porción visible do satélite que observamos dende a Terra, debido ás distintas posicións da Lúa respecto da Terra e do Sol. O ciclo completo, denominado luación, pasa por lúa chea, lúa minguante, lúa nova (cando non se ve) e lúa crecente, para chegar de novo a chea. Este ciclo dura 29,53 días. Neste interactivo hai unha recreación de como se producen as distintas fases lunares.

Unha actividade ao aire libre é saír e intentar recoñecer a fase na que se atopa a Lúa. Para isto hai un vello truco que di que «a lúa é mentireira», porque cando presenta forma de «C» non está medrando, senón minguando. Pola contra, cando parece unha «D» non decrece, está crecente. Unha actividade que axuda a entender as distintas fases é reproducilas sobre unha caixa de luz ou unha fiestra, usando cartón negro.

Eclipse de Lúa

Un eclipse luar prodúcese cando a Terra se interpón entre o Sol e a Lúa, tapándoa coa súa sombra. Pódea ocultar por completo ou só parcialmente. No caso dun eclipse total, ao contrario do que ocorre nos de Sol, a Lúa non desaparece cando se alcanza o máximo. O que sucede entón é que a Lúa se torna avermellada, o que se coñece popularmente como lúa de sangue. Isto é debido a que a capa que recubre a Terra filtra a luz que lle chega dende o Sol, deixando pasar só os tons avermellados, que alcanzan o satélite. A cor que adopte a Lúa dependerá das condicións da atmosfera nese momento. Se a coloración é máis ben escura significa que hai moita contaminación, mentres que se é clara, indica pouca. Nesta páxina marcan cando terán lugar os vindeiros eclipses de Lúa, para intentar observalos.

Superlúa

En ocasións parécenos ver unha Lúa máis grande e brillante no firmamento, o que denominamos superlúa. Este fenómeno ten lugar porque a súa órbita ao redor da Terra non é exactamente circular, senón elíptica. Así, a distancia entre a Terra e o seu satélite varía dende o punto máis próximo, chamado perixeo, ata o máis afastado, o apoxeo. Cando a Lúa se observa en fase chea, totalmente alumeada polo Sol, e ademais coincide coa súa posición en perixeo, pode percibirse ata un 14% máis grande e un 30% máis brillante que cando sucede o mesmo pero en apoxeo. As lúas cheas próximas ao perixeo e ao apoxeo reciben os nomes de superlúas e microlúas, respectivamente. Así de diferentes as vemos dende a Terra.

As mareas

Hai moitos mitos sobre a Lúa que non teñen ningunha base científica, como que actúa no crecemento do pelo ou no día no que as mulleres dan a luz. Aquí podes revisar algunhas desas lendas. O que si fai a Lúa é influír nas mareas. A atracción que a Lúa e, en menor medida, o Sol exercen sobre a Terra move a auga dos océanos, o que provoca as mareas. Nas fases crecente e minguante da Lúa as mareas son máis pequenas e reciben o nome de mareas mortas. Pola contra, cando hai lúa nova ou chea, que é cando o Sol, a Lúa e a Terra se aliñan (cando a gravidade da Lúa e do Sol tiran na mesma dirección), as mareas son maiores, chámanse mareas vivas. Neste interactivo podes ver como se suceden as mareas.

Chegada á Lúa

A misión Apollo 11 da NASA puxo os primeiros astronautas sobre a superficie da Lúa o 21 de xullo de 1969. Dende entón, só cinco misións máis levaron a outros: as do Apollo 12 (1969), 14 (1971), 15 (1971), 16 (1972) e 17 (1972). En total, doce homes pisaron o satélite da Terra, tras unha longa viaxe espacial de entre catro e cinco días. Foron Neil Armstrong, Buzz Aldrin, Pete Conrad, Alan Bean, Alan Shepard, Edgar Mitchell, David Scott, Jim Irwin, John Young, Charlie Duke, Harrison Schmitt e Eugene Cernan. Coñece máis deles nesta lista. Grazas ás descricións que estes astronautas fixeron en entrevistas e declaracións podemos saber de primeira man o que se sente sobre a superficie lunar. Aldrin asegura que o noso satélite parece estar cuberto de po de talco gris. Aquí na Terra podemos intentar reproducir esa area lunar mesturando fariña, aceite e purpurina. Para fabricala podes seguir estes pasos.

Dende decembro de 1972 ningún ser humano volveu á Lúa, aínda que coa expedición chinesa Chang’e 4 parece que volvemos estar máis cerca. ¿Quen será a próxima persoa en alcanzala? ¿Quizais ti?

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies