Levar a noticia á aula esixe unha planificación do que imos facer con ela. E o primeiro paso é, e convén practicar antes de pasar a seguintes obxectivos, entendela. Hai moitas estratexias para facer a análise, e unha delas, sinxela de aplicar e moi efectiva, é extraer as claves da noticia. Como esta semana, que nos baseamos en catro páxinas de La Voz de Galicia do 22 de marzo do 2023.
Quen. «O primeiro exoesqueleto infantil chegará a familias con fillos con parálise infantil de toda España». «Os ganglios linfáticos poderían potenciar o efecto da inmunoterapia».
Que. «Inditex inviste 15 millóns de euros para rexenerar un millón de hectáreas. Este investimento axudará a impulsar a sostibilidade da industria da moda, que actualmente depende da agricultura para obter materias primas como o algodón, a la ou o coiro».
Onde. «Homenaxe ás campioas de Europa en Las Rozas, que recibiron onte unha calorosa homenaxe tras conquistar a súa terceira Copa europea consecutiva de Eurosala».
Por que. «Recomendan comer carne cada dúas semanas para protexer o clima e a saúde». «Quitan a custodia a unha parella antes de que o bebé naza pola súa falta de habilidades para a crianza».
Como. «As mostras dun asteroide inciden na orixe extraterrestre da vida. O po traído de Ryugu contén un compoñente do ARN e vitamina B3».
Cando. «A primavera galega no ano 2100: comeza en xaneiro e remata en maio. A finais de século o verán boreal durará seis meses e remata en maio».
A data
A existencia da noticia adoita ter data. Con todo, o traballo coa noticia na escola mídese polo seu interese e oportunidade para lograr unha aprendizaxe conectada coa vida. Ánimo, pois! Nunca é tarde!