Fernando Pariente.

O Día das Letras Galegas dedícase este ano a lembrar a un estudoso da terra galega máis ca un creador literario. Antón Fraguas colaborou dende moi novo nos principais cenáculos da investigación galega, dende as Irmandades da Fala ata o Seminario de Estudos Galegos, investigando e publicando artigos sobre a xeografía, a historia, a etnografía e o folclore do pobo galego. Prevaleceu sempre nel a súa faceta de profesor e mestre, tarefa á que dedicou a súa vida malia a persecución padecida nos primeiros tempos da ditadura franquista pola súa implicación galeguista, a cal lle custou ser desposuído da súa cátedra de instituto. Recuperaríaa anos máis tarde e continuou exercendo a docencia en Lugo e en Santiago. Quizais o que deixou unha pegada máis fonda na sociedade galega sexa o seu labor como fundador e director do Museo do Pobo Galego. Primeiro recibiu o encargo do Concello de Santiago de dirixir o seu museo municipal en Santo Domingos de Bonaval e el, a partires dese núcleo, creou o que hoxe é o Museo do Pobo galego.