SARA CARREIRA

Unha iniciativa dos alumnos do IES Perdouro, de Burela, gañou estes días o premio estatal de Aprendizaxe-Servizo na categoría de solidariedade e dereitos humanos. A sexta edición dos galardóns —organizada dende a Red Española Aprendizaje-Servicio, a editorial Edebé, o Ministerio de Educación y Formación Profesional e este ano polo Concello de Cáceres— destacou un traballo que combina unha serie televisiva de moito tirón entre os mozos, as materias do curso e a atención ás persoas que o necesitan; e fixérono, ademais, durante toda a pandemia.

A aprendizaxe-servizo é unha maneira práctica de aprender o currículo, e ten como fundamento o traballo dos alumnos fóra do centro educativo: pode ser cunha asociación de maiores, facendo campañas para doazóns ou, como neste caso, axudando directamente ás persoas golpeadas pola crise derivada da pandemia.

«Na casa de papel»

O proxecto titulouse Na casa de papel, e facía mención á serie de televisión tan seguida polos mozos, pero tamén ao feito de teren que estar na casa. Os 60 alumnos de 4.º de ESO do IES Perdouro —coa axuda puntual dos seus compañeiros de segundo de ESO— organizáronse en grupos, cada un cuns obxectivos, fixeron un listado dos seus puntos fortes e comezaron o traballo dividíndoo en catro tempadas cun total de dez semanas.

Cada día, os estudantes dedicaron unha hora e media á realización das tarefas e retos das seis materias implicadas, coordinándose e organizando tamén a comunicación coas asociacións e institucións colaboradoras.

Coa entrega dos seus deberes semanais conseguían puntos que cambiaron por máscaras protectoras, o que lles permitiu poder axudar os seus veciños, e fixérono de moitos xeitos ao longo de varias semanas: colocaron carros na maioría dos supermercados de Burela e os produtos foron para o Banco de Alimentos da Mariña (que pasou de atender a 390 familias a 765); falaron cos armadores e conseguiron a doazón de 250 quilos de peixe fresco; coa axuda dos compañeiros de segundo, escribiron cartas aos 58 maiores da localidade que viven sós e reciben algunha axuda da Cruz Vermella; entregaron a esta oenegué 23 lotes de material escolar para o curso que agora temos; elaboraron un vídeo de agradecemento aos profesionais que permitiron á poboación quedar segura na casa; doaron tamén 20 paquetes de produtos de hixiene e comida para bebés que lle deron ao Concello de Burela; e organizaron unha recollida de roupa para varias entidades, como Cáritas.

 

AS CHAVES

MOTIVADOS

Un dos principais éxitos da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS) é motivar aos estudantes, porque o seu traballo afecta directamente á vida doutras persoas. Iso permítelles coñecer de preto realidades que ás veces son moi diferentes ás súas e sentir que son parte dunha colectividade que se axuda mutuamente. Todo o contaron no blog do equipo de normalización lingüística

ADAPTACIÓN

Calquera materia da clase pode servir para traballar na aprendizaxe-servizo, aínda que o habitual é fusionar o contido de varias materias para darlles forma aos proxectos. No caso do IES Perdouro, os rapaces traballaron en seis materias, e conforme pasaban os retos de cada unha ían desbloqueando produtos para repartir. A entrega destes fíxose nun acto público no patio do instituto xa no mes de xuño

A ESTRADA 

O IES García Barros activa un plan pioneiro contra o sedentarismo

ROCÍO GARCÍA 
O IES Manuel García Barros declara a guerra ao sedentarismo escolar. Dúas clases de Educación Física á semana son moi pouco en comparación coas seis horas diarias que os alumnos pasan sentados.E máis en tempos de covid. «Los jóvenes tienen que moverse más, no solo en la hora de Educación Física», afirma Alejandra Pérez, profesora de Educación Física e coordinadora do proxecto de promoción da actividade física en horario escolar que implantou o instituto estradense coas chamadas «gardas activas». Consisten en aproveitar para facer exercicio as horas mortas que quedan cando un profesor falta de xeito puntual: ese tempo cóbreo o profesor de garda, que se limita a supervisar aos alumnos que permanecen na clase facendo tarefas ou debatendo algún asunto.

Agora o centro propuxo aos docentes que contribúan «a que los alumnos se muevan un poco más» sacando aos estudantes do centro e acompañándoos a unha ruta circular pola zona, de tal xeito que para regresar de novo ao instituto andarían unha milla (1,6 quilómetros). Dende novembro xa participan dous terzos do profesorado, que conta coa colaboración da Policía Local para garantir a seguridade dos rapaces.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies