MARÍA BALLESTEROS
A montaña máis alta do mundo, que é lendaria como unha superheroína, está chea de grandes e pequenas historias; de fazañas e de dramas; de luces, sombras e matices. Celebrámola esta semana porque o 29 de maio de 1953, hai xusto 70 anos, dous homes —un apicultor de Nova Zelandia e un guía montañeiro nepalí, o que tamén coñecemos como sherpa, a etnia máis habitual dos guías— pousaron por primeira vez os pés no cumio deste xigante de 8.848 metros, que nós chamamos Everest, pero que desde sempre foi coñecido doutro xeito.
Os habitantes da súa aba chamáronlle e chámanlle a Fronte do ceo ou a Nai do universo, nomes, sen dúbida, máis bonitos e acaídos, segundo pensaba tamén o propio señor Everest, un xeógrafo e topógrafo británico que se encargou de facer no século XIX o mapa da India ata Nepal, o país onde está a cordilleira do Himalaia.
Edmund Hillary e Tenzing Norgay, os pioneiros en subir a ese cumio, chegaron ao punto máis alto da montaña as 11.30 horas da mañá daquel 29 de maio, estreitáronse as mans —«segundo os bos costumes anglosaxóns», escribiu despois Hillary— e entón o nepalí abriu os brazos e deulle unha aperta ao seu compañeiro porque logo daquela fazaña non ían andar con melindres. Estiveron só 15 minutos na cima e pensaron que, unha vez completado o reto, ninguén querería seguir os seus pasos. «Non poderíamos estar máis equivocados», dixo anos despois o neocelandés.
Moitos intentárono logo e moitos tamén o conseguiron —a primeira muller, a xaponesa Junko Tabei, en 1975—, pero non todos se sentiron afortunados por coroar a montaña. No Himalaia e na vida, chegar ao cumio ou ficar no val non nos fai mellores nin peores. Ou como dicía un poeta portugués chamado Fernando Pessoa: «Não somos mais altos no alto do que a nossa altura». Con certeza outro célebre montañeiro de Nepal, Apa Sherpa, subscribiríao. «Escalei o Everest 21 veces, pero non llo desexaría a ninguén», dixo este home que naceu no val de Khumbu, ao pé deses cumes que non quería escalar… porque el o que quería era ser doutor.
Apa Sherpa, igual que o Everest, foi bautizado e rebautizado. Conta que cando naceu, o seu pai, que era tamén sherpa, chamouno como mandaba a tradición: como o día seguinte ao do nacemento. Puxéronlle logo Lhakpa, mércores, e así seguiu ata que tivo tres meses e foi tragado xunto a súa nai por unha avalancha de neve. Buscárono sen esperanza durante horas e cando o atoparon milagrosamente con vida foron ao templo budista da súa comunidade para dar as grazas. Alí o lama —que é como un mestre ou un cura desa relixión— bautizouno Apa, que significa Amado por todos.
Durante un tempo, Apa seguiu tendo sorte e foi a primeira persoa da súa familia en ir á escola, pero aos 12 anos o seu pai morreu na montaña e todo mudou. «Como moitos nenos de Khumbu, eu non tiven elección». Para axudar á súa familia, Apa tivo que facerse sherpa, un traballo que leva diñeiro ao seu país, pero que tamén obriga aos montañeiros nepalís a poñer en risco a súa vida. Ademais de ao seu pai, Apa perdeu moitos amigos no Everest.
Apa Sherpa creou unha fundación para que os cativos do Himalaia poidan estudar e teñan a elección que a el se lle negou. Neste pequeno documental podes coñecer máis da súa historia.