L. CANCELA
O 24 de febreiro fará un ano que comezou a guerra en Ucraína. O país segue resistindo os ataques de Rusia, cuxa estratexia se está baseando en premer física e psicoloxicamente aos ucraínos, así como en atacar as zonas máis importantes de determinadas cidades. En plena onda de bombardeos procedentes do exército de Putin, a OTAN (a organización defensiva formada por varios países europeos, Turquía e os Estados Unidos) anunciou a semana pasada o envío de decenas de tanques para axudar a Ucraína.
Por que o decidiron?
O presidente do país, Volodímir Zelenski, xa pedira en numerosas ocasións que os membros da OTAN e os seus aliados apoiasen o seu bando enviando carros de combate para defenderse dos ataques que Rusia prevé facer na primavera e, ademais, poder contraatacar. A diferenza do que sucedeu no verán, os de Putin reforzaron moito as súas liñas de defensa con muros de formigón, metralladoras, refuxios, trincheiras e outro tipo de barreiras. Por iso Ucraína sabe que, de non ter algún tipo de medio blindado, non poderá avanzar.
Que países participarán?
O envío de tanques Leopard é un aspecto moi importante e simbólico nesta guerra. Son varios os países que contribuirán á causa: Alemaña, España, Italia, Portugal, Polonia, Finlandia, Países Baixos e Noruega. Os Estados Unidos, o Reino Unido e Francia tamén participarán, só que enviarán outras marcas de carros: o Abrams M1, o Challenger 2 e o AMX56, respectivamente.
Cando e cantos se enviarán?
Ningún país deu unha data concreta, pero o fabricante dos Leopard, Alemaña, cuxo permiso debían ter todos os países para enviar os tanques, dixo que sería rápido. Estímase que poden chegar na primavera. O número de tanques tampouco se concretou. Sábese que, en total, os países europeos teñen uns 2.000, pero non todos están en funcionamento.
Que tanques enviarán?
Os países europeos, con excepción de Francia e o Reino Unido, entregarán os tanques Leopard 2. E que teñen de especial? Son os carros de combate máis presentes nas forzas armadas dos membros da Unión Europea. Este tipo de tanque pesa 55 toneladas, alcanza unha velocidade de 70 quilómetros por hora e conta con varias armas: un dos canóns máis grandes do mundo, dúas metralladoras, navegación GPS (exacto, como a dos coches) e sistemas de defensa contra as explosións e os incendios. Outro dos seus elementos de valor é o equilibrio que teñen todas as súas pezas: nin pesa demasiado para ser moi lento nin é moi lixeiro para que calquera ataque o esnaquice.
De onde vén a súa fama?
O Leopard 2 é de orixe alemá, por iso era importante que o país accedese a envialos. O seu desenvolvemento comezou a principios da década de 1970 para o Exército alemán de por aquel entón, pero non empezou a funcionar ata 1979, cando desbancou o seu predecesor, o Leopard 1. A partir de entón, formou parte das forzas armadas de ata 14 países, entre eles, España.
Os Leopard españois piden mantemento e actualizacións
Trala confirmación, España xa prepara os seus Leopard 2. O envío, con todo, vai para longo. Teñen que poñerse a punto, pois levan moito tempo sen utilizarse. De aquí a primavera, terán que pasar revisións, actualizacións e mesmo cambiar algunhas pezas. Mentres tanto, está previsto que comece a formación do manexo e mantemento para os soldados ucraínos. España posúe, en total, 347 Leopard 2. De toda a frota, 108 son do modelo 2A4 e a metade destes atópanse en servizo en Ceuta e Melilla. Os restantes, por outra banda, non funcionan. Segundo dixo a ministra de Defensa, Margarita Robles, están «lamentables». Os 239 restantes son Leopard 2E, fabricados en Sevilla e inspirados no modelo alemán, pero non serán os que acaben en Ucraína.
Cautela ante o conflito: a razón pola que Scholz retrasou a súa decisión
A decisión de Alemaña fíxose esperar. O chanceler alemán, Olaf Scholz, acabou cedendo ás presións europeas, aínda que a súa posición sempre fora a de defender a cautela. A negativa do Goberno alemán explícase por varias razóns. En primeiro lugar, moitos cidadáns non están de acordo en que o seu país sexa o principal provedor de carros de combate a Ucraína, polo papel que tivo Alemaña na primeira e na segunda guerras mundiais. Alemaña tampouco quere tensar máis a situación entre a OTAN e Rusia e, ademais, non quere ser o único país en facelo. De feito, cedeu o mesmo día que Estados Unidos anunciou que participaría cos Abrams M1. O máis paradoxal é que Alemaña é considerado un dos principais doantes individuais de armamento e axuda humanitaria a Ucraína.
ACTIVIDADE BÁSICA
Preguntas?
Tedes dúbidas sobre a guerra de Ucraína? Agora é o momento de que, por parellas, las digades ao voso compañeiro. Ao día seguinte, cada un terá que traer a resposta e explicarlla a toda a clase.
As actividades están deseñadas por L. Cancela
O apoio a Ucraína non cesa
Enviar tanques é a forma correcta de parar a guerra? É unha pregunta moi difícil de contestar. Hai uns meses, Rusia cambiou a súa estratexia de ataque. Na actualidade ten como obxectivo destruír infraestruturas de peso, á vez que resistir. Ucraína comezou a gañarlle terreo e os de Putin tiveron que apostar por unha liña defensiva baseada nun sistema de trincheiras e muros de formigón situados nas fronteiras dos territorios máis importantes. Ante a máis que posible escalada de ataques que se prevén para primavera, as democracias occidentais vían inevitable quedar á marxe.
De feito, para algúns analistas o envío de tanques evita que Ucraína acabe perdendo a guerra a medio prazo. O exército de Zelenski necesita algo que lle axude non só a resistir, senón tamén a contraatacar. Teñen que conseguir estar en vantaxe para retomar as negociacións de paz favorables. Cal é a vía máis factible para conseguilo?
Parece boa a opción dos Leopard 2, que non só son mellores que os dos rusos, senón que requiren un adestramento curto e de fácil acceso, xa que se atopan en Europa. O compromiso dos países membros da OTAN non se mostra só cos tanques, senón tamén co adestramento dos soldados, e co apoio á forza blindada. Poñamos, por exemplo, que algúns dos tanques necesiten pezas novas nun futuro. Europa tería que enviarllas. Isto que quere dicir? Que se a guerra continúa, o noso país e os seus veciños formarán parte da cadea loxística do Exército ucraíno. Unha implicación moito maior da que Europa mostrara ata agora. É isto unha desvantaxe? En realidade, só é o principio, pois Zelenski xa rexistrou novas peticións. O mércores pasado pediu os avións F-16 Fighting Falcon, un cazabombardeiro multiuso bastante sofisticado. Así, o papel de Europa empeza a definirse e, para moitos, os tanques son un punto de inflexión. A paz parece afastada dunha Ucraína que pretende recuperar todos os territorios arrebatados desde 2014 e unha Rusia que, ademais de necesitar volver demostrar a súa superioridade, pensa que os territorios ocupados non garanten a súa seguridade.
A reacción de Rusia: fixarse no que ve como unha división de opinións
O envío dos tanques a terras ucraínas é mostra do esforzo que está a facer Occidente para apoiar a Kiev contra as forzas invasoras rusas. Alemaña atrasara a decisión de dar permiso ao envío dos Leopard 2 polo temor de que se producise unha confrontación entre a OTAN e Rusia. Un enfrontamento moito máis directo que o actual.
A reacción do Goberno de Putin ao anuncio dos tanques non se fixo esperar. É máis, aproveitouse da situación. En primeiro lugar, o Kremlin quitoulle importancia á chegada dos Leopard 2 e Abrams dicindo que serán destruídos e «arderán como o resto» en Ucraína. Ao contrario, si destacou o tempo que tardaron Europa e os Estados Unidos en poñerse de acordo. Algo que, segundo eles, mostra as divisións que hai dentro do grupo dos aliados. Así o manifestaba Dmitri Peskov, portavoz de Putin: «Hai moitas declaracións mutuamente excluíntes, noticias e filtracións. Está claro que non todo vai ben por alí. Nin todo vai ben dentro da OTAN en si nin pola presenza de tanques [en Ucraína]».
Por iso, para algúns analistas políticos o envío dos tanques chega con atraso. Moitos dos carros precisan unha posta a punto que podería levar tempo e, ademais, trasladalos non será tarefa fácil aínda que estean en territorio europeo. Pensas que Europa tería que seguir apoiando a Kiev ou manterse á marxe?
ACTIVIDADE MEDIA
O Kremlin e a manipulación
Nos países non democráticos, os medios de comunicación poden estar manipulados polos Gobernos. Vexamos como Rusia controla a información. Busca de que maneira está a alterar as noticias que lles chegan aos seus cidadáns.
ENTENDER
Galicia tamén fabricou fusís e pezas de tanques
■ Sabedes que A Coruña tiña unha fábrica de armas? Pechou no 2013, aínda que por aquel entón pertencía a unha empresa estadounidense. Na cidade chegáronse a fabricar fusís, obuses, pezas de tanques e ata pequenos mísiles.
■ Por aquel entón, a cidade non estaba de acordo co peche. De feito, o alcalde defendía esta fábrica: «Estamos a asistir ao desarmamento da industria armamentística española», dicía. Agora, o espazo no que se situaba albergará A Cidade das TIC, un parque tecnolóxico que será sede de varias empresas. Credes que hoxe sería posible ter unha postura a favor da súa continuidade?
■ Pódese ser pacifista neste conflito? O papa Francisco dixo en xaneiro: «Non á guerra, non ao rearmamento». Ademais, pediu que se poña fin á «insensata» situación, a cal chegou a describir como a terceira guerra mundial. Como pensades que debería actuar a Igrexa en conflitos como este?
ACTIVIDADE AVANZADA
Os motivos de cada país
Por grupos en clase, representade a un país membro da OTAN. Actuade coma se estivésedes no medio dun cume decidindo se ides ou non ides axudar a Ucraína. Que argumentos tedes a favor e en contra? Debatédeos.
PROFUNDAR
As ameazas no século XXI: pode a diplomacia ocultar a violencia? Pode haber paz sen forza?
■ A guerra de Ucraína é o exemplo perfecto para ver como a forza e o poder das armas se usan como elemento disuasorio. A finais de xaneiro, un dos membros do Goberno de Putin asegurou que entregar armas a Kiev conducirá a unha «catástrofe global». Está disposto a cumprilo? Probablemente non, pero deixa ler entre liñas que a posibilidade existe.
■ Rusia tamén quixo deixar claro que ten armas nucleares. En decembro, Putin dixo que o risco de guerra nuclear estaba a crecer, pero que eles non se volveran tolos e que non iniciarían esta ofensiva de primeiros. Ten a suficiente diplomacia para dicilo en público, pero as súas palabras están cargadas de ameazas.
■ Por que a OTAN non intervén directamente no conflito? O principal é que Ucraína é socio da organización, non membro. Se isto ocorrese, podería apelar ao artigo 5 do Tratado de Washington.
■ E se a guerra estivese ás portas dalgunha das grandes potencias? En outubro de 1962 o mundo estivo máis preto que nunca dunha guerra mundial. Rusia mandara mísiles a Cuba, armas que podían chegar perfectamente aos Estados Unidos (Cuba está a 150 quilómetros de Florida) e os Estados Unidos (daquela gobernaba John F. Kennedy) non querían tal. Decidiu cercar Cuba con barcos para atacala se lanzaba un mísil. Ao final a cordura impúxose: Moscú retirou os mísiles, Washington os barcos. E comprometíase a non intentar derrocar o réxime castrista.