SARA CARREIRA
Xa hai gañadores do certame Xornalismo na Escola, o premio organizado por La Voz de Galicia e Norvento para fomentar os valores xornalísticos nas aulas galegas. Finalmente, foron 21 as reportaxes que se publicaron baixo este concurso, que gañou, na modalidade xeral, o instituto Eusebio da Guarda (A Coruña) por un traballo sobre as enfermidades mentais nos mozos galegos; e, na categoría Norvento, dedicada ao medio ambiente, o equipo do CPR Obradoiro (A Coruña) por unha reportaxe sobre o auxe e estancamento do desenvolvemento eólico en Galicia.
Deliberación moi rifada
O xurado deste certame tivo moi complicado elixir gañador, xa que eran varias as reportaxes que foron consideradas para o premio. Finalmente, foi a suma dos votos o que decidiu. Cada membro do xurado tiña que votar por tres reportaxes con 1, 3 e 5 votos para o terceiro, o segundo e o primeiro clasificado segundo o seu criterio.
O xurado estaba formado por Rafael Sanguino, director de Márketing e Vendas de La Voz de Galicia; as xornalistas do diario María del Carmen González (subdirectora) e Sara Carreira (coordinadora de La Voz de la Escuela); o profesor de Filosofía do IES Dionisio Gamallo, de Ribadeo, Manel Yáñez Dablanca; e María Ruíz, do departamento de Comunicación de Norvento.
Na fase xeral chegaron moi preto no reconto de votos a reportaxe do Eusebio sobre enfermidades mentais, que tivo 20 votos, e o traballo sobre o deporte como elemento de axuda persoal, do CPI Julia Becerra, de Ribadumia, que sumou 17 votos. Na categoría Norvento, con 16 votos a reportaxe do colexio Obradoiro gañou por pouco á da enerxía hidráulica do IES Francisco Aguiar de Betanzos (14 votos) e ao traballo sobre os eólicos na Costa da Morte do IES Pedra da Aguia (Camariñas), que sumou 13.

Categoría xeral: As enfermidades mentais en primeira persoa
A reportaxe de 2.º de ESO do IES Eusebio da Guarda (A Coruña) estivo dirixida por Sabela Prieto, e fala nada menos que das enfermidades mentais nos mozos. O xurado valorou a actualidade do asunto, que o é todo no xornalismo, pero tamén a valentía de falar dun tema tan complexo e de escoitar aos rapaces. Estes opinaron con liberdade ante os seus iguais, facendo do texto unha serie de declaracións impresionantes. É certo que resulta un pouco longo, pero é difícil prescindir de testemuñas tan potentes. Ademais, conseguen contextualizar o problema, nun diálogo honesto cunha realidade que se agocha.

Categoría Norvento: Análise sobre a evolución do sector eólico galego
Por que Galicia foi un referente na enerxía eólica hai uns 25 anos e hoxe vive un estancamento? Esta reflexión é a que fixeron os rapaces do taller de xornalismo do CPR Obradoiro (A Coruña) baixo a dirección do seu profesor Fiz Cabanas, e serviulles para gañar o premio Norvento. O xurado destacou o bo nivel do texto, cun ritmo moi xornalístico.
Tamén valorou o que significa para uns rapaces investigar unha evolución económica ao longo do tempo, que lles permite entender que os diagnósticos da actualidade non se poden facer sen entender o contexto e o pasado.

Premio Pontevedra, para Ribadumia: Orixinal, oportuno e moi ben trabado
Protagonizou unha final moi rifada co gañador, e os seus 17 votos dan fe diso. A reportaxe dos alumnos de 3.º de ESO do CPI Julia Becerra, de Ribadumia, ten todo o que necesita un traballo xornalístico: oportunidade, orixinalidade, fío condutor e voces expertas. Silvia López, a profesora, mobilizou a 31 alumnos con eficacia e coherencia.

Premio Lugo: Da música galega sen caer nos tópicos
Falar da música de Galicia pode acabar sendo un rosario de tópicos, pero os alumnos de 4.º de ESO do IES Muralla Romana (Lugo), dirixidos por María Xesús Adán, conseguírono. Quedou terceiro de Galicia cos seus 5 votos do xurado, que destacou o ambicioso da reportaxe e as moitas voces consultadas, dende o máis tradicional da música aos novos movementos.

Premio Ourense: Estudo do propio comportamento
Da provincia de Ourense recibirá o premio a reportaxe de Franciscanas. O equipo de Ecovixiantes, con rapaces de tres cursos liderados polo docente Gonzalo Sánchez Busons, fixo un traballo de fondo sobre o seu comportamento como peóns. Investigaron moitos datos e contaron con moitos expertos de diferentes ámbitos. O traballo tivo un punto do xurado.