3.1. Coñecementos (e actitudes) previos

Este e-studio está máis ben pensado para reforzar o aprendido nas unidades do currículo correspondentes ao estudo da Morfoloxía, non como actividade introdutora ou de presentación de contidos. Por este motivo, suponse que os alumnos coñecen xa os conceptos de derivación e composición, distinguen os sufixos dos prefixos e entenden o seu funcionamento, recoñecen os sufixos e os prefixos nunha palabra, son capaces de dividir unha palabra nos seus formantes e, en cursos máis avanzados, son capaces de atribuír un significado aos afixos.

3.2. Conceptos

-Derivación, palabra derivada, prefixo, sufixo, composición, palabra composta, raíz, base, lexema.

-«Naturalidade» coa que se forman as palabras, dependente do tipo de formación empregada.

a) En contextos científicos e especializados, o emprego de formantes de orixe grega ou latina é facilmente aceptada. Non é fácil a interpretación para o profano, pero si adoita selo para quen está iniciado na área de coñecemento. Por exemplo, «intrarraquídea».

b) Nestes mesmo contextos xorden en xeral máis facilmente todo tipo de recursos, normalmente para expresar conceptos moi definidos (por exemplo, «transcategorizar»).

c) A aplicación de prefixos como «anti-», «semi-», «mini-» e similares é tamén frecuente e probablemente practicado por case calquera falante de forma irreflexiva («*multitubular»). É un recurso que asoma con facilidade.

d) A sufixación ten na maior parte dos casos un efecto transcategorizador (provoca un cambio de categoría gramatical da base, é dicir, serve para nominalizar, verbalizar ou adxectivar palabras doutras categorías), o que adoita facer máis difícil a creación do neoloxismo e, sobre todo, a definición do significado que achega o recurso, que adoita ser moi abstracto (por exemplo, «resultismo»).

e) A composición pode ter lugar en textos máis coloquiais, dentro dos cales asume efectos humorísticos (é o caso de «rompepistas»).

3.3. Procedementos

-Identificación e segmentación dos formantes das palabras.

-Clasificación das devanditas unidades.

-Atribución de significado.

3.4. Actitudes

-Valoración da actividade creativa na linguaxe.

-Comprender que a linguaxe é unha realidade que está en constante proceso evolutivo.

-Buscar alternativas existentes a solucións ás veces fáciles.

-Valorar a conveniencia de empregar unha palabra xa existente fronte ao neoloxismo fácil.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies