0. INTRODUCIÓN

No artigo «Lo público y lo privado», do 10 de maio do 2008 (La Voz, páxina 15), fala Ernesto S. Pombo de «todos los que durante años se dedicaron a empetar». Sorpréndeme o achado e busco no Diccionario de la Real Academia e ¡nada! «¿Pero esa palabra existe?». «Si, claro». «¿E se non está no dicionario?». «Bueno, con que a teña expresado alguén e outro a entendera, xa existe, ¿non? Serviu para comunicarse». De feito xa tiñamos lido algunha vez esta palabra, se non erramos, de pluma de Luis Ventoso, probablemente o seu inventor. O que chamou a nosa atención esta vez foi que alguén se apropiara dela, que empece a formar parte da competencia activa de outros falantes, co cal haberá que prestar atención á súa futura difusión. ¿Chegará algún día a compartir páxina con «empestillarse» e «empetro»?

Ademais, a súa morfoloxía é rechamante. O seu lexema en realidade non é voz patrimonial do castelán, senón préstamo tomado do galego, lingua na que «peto» significa «hucha» (en castelán esta palabra existe con outros significados, ningún dos cales xustifica o do derivado «empetar»). En cambio, o morfema derivativo descontinuo en- -ar (aquí baixo a variante em- -ar) si é castelán. Serve para formar verbos a partir de substantivos ou adxectivos. A Academia dinos que significa «sobre» ou «dentro de» (é o caso), e dá exemplos: en-lat-ar, em-botell-ar, em-past-ar%u2026 Non obstante a súa estraña orixe, o seu significado compréndese sen dificultade, especialmente en canto a contextualizamos.

Exemplos de palabras como esta, que se obteñen manexando os mecanismos produtivos da lingua, aparecen nos xornais con máis frecuencia da que imaxinamos. É síntoma da vitalidade do idioma, e da forza creativa do escritor. Case sempre oportunas -tanto que nos pasan desapercibidas, porque as interpretamos sen dificultade-, nalgunha ocasión son innecesarias, pois o que as fai verdadeiros neoloxismos útiles é que non haxa outra forma de dicir o mesmo con menos recursos. Aquí, quizais, un matiz coloquial que serve para descualificar a acción.

Nesta unidade partiremos dalgúns exemplos que fomos recompilando durante uns meses para propoñer algunhas actividades relacionadas coa morfoloxía do castelán e os seus mecanismos derivativos. Despois de explicar qué se pode facer con este material, engadiremos algúns outros exemplos que se poidan aplicar na aula.

NOTICIA

Nesta unidade didáctica non empregaremos unha noticia, senón varias. Pero como non interesan en tanto noticias, senón que imos atender ao uso da linguaxe que nelas se fai, chegará abondo coa oración ou parágrafo que contextualice a palabra que imos analizar. Aquí presentamos algúns exemplos do que podemos atopar e máis adiante proporemos outros para realizar con eles as actividades.

1.

Se trata de un álbum [un disco] con constantes evocaciones a la era disco, con más de un rompepistas en su listado.

(Suplemento Fugas, 14 de marzo do 2008)

2.

Lo cierto es que el discurso del buen fútbol se ha diluido un poco en el resultadismo, pero Lotina insiste: «Jugamos con cinco defensas, pero no rifamos el balón. Siempre sacamos la pelota tocándola. Se puede jugar así y mantener el gusto por el fútbol», dice.

(La Voz, 18 de marzo do 2008, p. 31)

3.

Es ligera [habla de una motocicleta] para tratarse de una trail, 199 kilos, tiene un manillar amplio, un centro de gravedad bajo y un chasis multitubular estrecho que la hacen muy manejable.

(Suplemento Domingos, 2 de marzo do 2008)

4.

A aliteración e a onomatopea eran absolutamente empregadas polo autor. O son non era un xogo verbal ou malabarismo vocabular, ou unha serie de palabras sabiamente compostas para deleitar ao auditorio.

(Suplemento Culturas, 14 de marzo do 2008)

En cada un dos parágrafos ou oracións extraídos subliñamos unha palabra: rompepistas, resultadismo, multitubular e vocabular (esta, en galego). Ningunha delas se atopa no Diccionario da Real Academia (nin sequera na máis avanzada edición, a que se pode consultar en liña); a cuarta non a atopamos nos dicionarios de galego que consultamos habitualmente. Non obstante, interpretamos o seu significado -como esperamos que poida facer calquera lector sen maiores dificultades e sen ningún tipo de dúbidas.

A primeira é unha palabra composta que segue un esquema verbo-obxecto, do tipo sacacorchos; aquí supón unha opción excelente para sintetizar unha idea que, para dicilo doutro xeito, requiriría unha construción moi elaborada e moito menos expresiva, algo así como %u201Ccanción ideal para bailar en las discotecas%u201D.

Resultadismo é un derivado dun derivado (de resultar, result-ado e despois, mediante sufixación, resultad-ismo). Está claro o seu significado: refírese á preferencia dos equipos de fútbol por obter un resultado bo que por practicar un xogo vistoso. ¿Podería condensar mellor esta idea? Unha pequena digresión: atención ao avance da alternativa resultismo, que xa se pode ver nalgúns medios; non tan ben formada, é non obstante inequívoca e ¡máis curta!

A palabra multitubular fórmase por prefixación (multi-tubular) sobre o derivado de tubo que si podemos atopar no DRAE (Diccionario de la Real Academia Española). Probablemente este sexa o tipo de neoloxismos máis frecuentes e que menos estrañeza causan, xa que estes formantes prefixais grecolatinos son moi produtivos e a súa interpretación, se se coñece a base, non ten dificultade.

O último caso lémbranos que o galego non é alleo a este fenómeno. O sufixo -ar únese ao substantivo vocábulo para formar un adxectivo do tipo «relativo a». Tamén neste caso aforra ao escritor unha longa perífrase.

Coa probable excepción de resultadismo, os demais son casos que, salvo que se estea atento a descubrilos, pasan completamente desapercibidos nunha lectura rápida, sobre todo cando xa nos temos atopado con eles en varias ocasións. Iso fala da naturalidade con que se van introducindo no idioma, facéndoo evolucionar. Veremos outros casos na proposta de actividades e disporemos outros para exercitalos na aula.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies