L. Cancela
O 1 de xullo, España asumirá, por quinta vez, a presidencia do Consello da Unión Europea durante seis meses. A última vez que o fixo foi no 2010, e non se volverá repetir ata dentro de 14 anos, no 2037. Por iso é importante saber que significa e cal será o papel do noso país como cabeza deste organismo, un dos sete que ten a Unión Europea (UE), e un dos catro máis importantes, xunto á Comisión e o Parlamento.

Que é o Consello da UE?
É unha institución que representa os Gobernos dos Estados que forman parte da Unión Europea, que son 27 en total. Correspóndelle facer que todos cooperen para adoptar unha lexislación común, é dicir, un conxunto de leis para compartir.

Que é a presidencia?
A presidencia do Consello supón estar encargado del. En primeiro lugar, terá que planificar e organizar as reunións dos ministros e os distintos grupos de traballo que examinan as leis da Unión Europea. Tamén preside diversas reunións para debater sobre temas concretos entre países. E, ademais, España terase que facer cargo das relacións con outras institucións da Unión Europea, como a Comisión Europea e o Parlamento Europeo. Por dicilo dalgunha forma, España será como a delegada de clase, quen representa a todos.

Participan todos os Estados?
Así é, a cada un chégalle a súa quenda. Non importa que sexa grande ou pequeno. Por exemplo, agora e ata o 30 de xuño é Suecia, que ten poucos máis de dez millóns de habitantes.

Como se elixe aos países?
As quendas son rotativas e é obrigatorio exercer a presidencia. Seguen unha orde determinada: organízanse nunha especie de tríos, que son grupos de tres presidencias que se agrupan e coordinan entre si para dar continuidade aos traballos que fan ao longo de 18 meses.
O seguinte será Bélxica, que lle toca de xaneiro a xuño do 2024, e despois virá Hungría, de xullo a decembro do mesmo ano. Eles son os compañeiros do trío de España.

Quen traballará no Consello?
A presidencia non só supón que o presidente do Goberno de España sexa tamén o do Consello da Unión Europea, senón tamén que cada ministro debe ocuparse dunha especie de ministerio. Aínda máis, teñen que prepararse para o que farán no seu ámbito dende dous anos antes de comezar.

Cal é a súa importancia?
Hai cen anos, moitos dos países que hoxe sentan neste consello estaban en guerra. Eran inimigos, pero lograron superar as súas diferenzas e conseguir avances para mellorar a vida de todos os cidadáns. Que a presidencia sexa rotatoria permite que todos se involucren.

Que fará España?
O trío que comeza España vai ter que deixar resoltas moitas cuestións que aínda están no aire, como a transformación dixital dos países, é dicir, pasar de métodos manuais de traballo aos dixitais, así como moitas cuestións sociais.

 

As xerais non entorpecen o labor comunitario

Hai algo máis dunha semana, o presidente de Goberno de España, Pedro Sánchez, convocou eleccións xerais para o 23 de xullo. Isto significa que ese domingo haberá que escoller novos deputados, que elixirán un novo Goberno.
Con todo, isto non entra en conflito con presidir o Consello da Unión Europea, pois un Goberno en funcións (que se mantén no cargo mentres non se elixe outro) está en pleno dereito de exercela. Se os españois volven elixir a Pedro Sánchez e o seu Goberno, seguirá coa presidencia que comezará o 1 de xullo, mentres que, se outros partidos saen gañadores, eles pasarán a levar o mando. Iso si, en todo caso, o papel de España como membro da Unión Europea segue sendo igual de relevante.

Dúas reunións do Consello da Ue celebraranse en Santiago e Vigo

Cada mandato esixe que haxa varias reunións dos ministros de cada ámbito. Os ministros son persoas que o presidente do Goberno elixe para que lle axuden a coordinar certas áreas. Por exemplo, en España temos ministerios de Agricultura, Infraestruturas, Traballo ou Asuntos Económicos, entre outros. Cada un destes órganos encárganse de examinar e representar a materia que se lle asigna. Esta estrutura está presente en todos os países. Parte destes encontros realízanse en España, e en concreto, dous deles serán en Santiago de Compostela e en Vigo. Isto é moi importante, porque, habitualmente, todas as reunións de gran escala teñen lugar en Madrid, que é a capital. Con todo, España ten moitos outros lugares importantes para a súa economía que tamén se deben destacar.

ACTIVIDADE BÁSICA

Os veciños

Cada alumno debe escoller un país membro e explicar na clase os seguintes puntos: localización, capital e algo propio desa rexión (pode ser un baile, unha comida o un monumento).
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Un pacto que evitou a guerra

Corría o ano 1950 e Europa aínda estaba a sufrir os estragos que causara a Segunda Guerra Mundial, que finalizara había un lustro. Os dirixentes das distintas nacións, que eran conscientes de que se algo así se repetía sería unha ruína para todos, chegaron á conclusión de que un interese económico, como era a produción de carbón e o aceiro, podería poñer fin á rivalidade existente entre Francia e Alemaña, os países máis ricos e poderosos do continente xunto con Gran Bretaña. Con ese fin creouse a Comunidade Europea do Carbón e Aceiro (CECA). O acordo pechouse coa Declaración de Schuman —Robert Schuman era o ministro francés de Asuntos Exteriores que se encargou de pronunciala— e deu lugar á primeira institución supranacional, que sentaría as bases para a Unión Europea. En 1958, a CECA contaba con Alemaña, Francia, Italia, os Países Baixos, Bélxica e Luxemburgo, que ampliaron a súa cooperación a outros sectores, e naceu a Comunidade Económica Europea (CEE).
Desde entón, uníronse outros Estados, como España, que o fixo en 1986, e creouse un mercado único que permite a libre circulación entre países tanto de mercadorías como de persoas. A Unión Europea chegaría en 1992, co Tratado de Maastricht.
A Unión Europea é unha asociación económica e política integrada por 27 países de Europa, que delegaron parte da súa soberanía en institucións comúns para que as decisións, que deben ser tomadas de forma democrática, sexan as mesmas. Hai moitos exemplos, desde o ámbito do medio ambiente ata o da saúde e as relacións exteriores ou de seguridade con outros países, como os Estados Unidos. O nivel de vida dos habitantes creceu á vez que o estado de benestar de cada un dos membros.
Un dos maiores fitos foi o euro, que empezou a estar nos moedeiros dos españois no 2002. É a moeda comunitaria de 20 dos membros. Esta divisa facilita o comercio e a economía é máis forte, pois, ao ser común, ten máis influencia na contorna internacional.

 

Erasmus+, o éxito da mobilidade educativa no espazo comunitario

Coñecedes a alguén que realizase un Erasmus+ noutro país da Unión Europea? Son moitas as experiencias de coñecidos que tiveron esta oportunidade, e a maioría non se arrepinten. Trátase dun programa de mobilidade con máis de 30 anos de historia, que fomenta que os estudantes poidan vivir noutros países membros durante un tempo mentres continúan estudando. Isto deriva nunha visión do mundo intercultural, permite coñecer outros territorios, aprender idiomas e vivir moi boas experiencias. Ademais, ten bolsa, o que significa que a Unión Europea se fai cargo dunha gran parte dos gastos. España é un dos líderes en cantidade de participantes, como país de orixe e tamén como destino.
Este programa nace da idea, que apoiou a firma do Tratado de Maastricht en 1992, de que estudantes e investigadores poidan circular libremente por toda Europa, pois a mobilidade é unha das bases na creación dun Espazo Europeo de Educación Superior.
O Erasmus foi pensado para a universidade, pero tamén se pode participar durante a ESO, a FP e o bacharelato. Consiste nun intercambio educativo de entre 5 e 21 días que está financiado pola UE. E mesmo en primaria hai intercambios Erasmus+, especialmente de profesores. Isto permite coñecer outros países e outras culturas. Gustaríache participar nalgún?

 

ACTIVIDADE MEDIA

As outras institucións

A Unión Europea ten sete institucións. Formade grupos, repartilas e explicade a que se dedica cada unha delas. Ademais, respondede ás seguintes cuestións: cales son as máis importantes? E as máis lonxevas? En que se diferencian?

ENTENDER 

O papel de Europa nun mundo cambiante

■ Europa comparte unha longa historia cos Estados Unidos. Moitos europeos emigraron alí. E o país americano axudou á reconstrución europea despois da Segunda Guerra Mundial. Xuntos formaron a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), unha asociación militar de defensa moi activa durante a Guerra Fría (fronte á antiga URSS). Por outra banda, China, pese ao seu desenvolvemento económico, non avanzou cara á democracia. Hoxe é unha potencia moi poderosa, pero en medio de grandes tensións cos EE.UU.

■ Así as cousas, cal é o papel de Europa hoxe? A nosa comunidade ten interese por colaborar co xigante asiático, aínda que moitas veces é difícil. Despois da covid, a crise de subministración e da guerra de Ucraína, altos dirixentes da UE reclaman unha redución da nosa dependencia de China, á que lle compra tres veces máis cousas das que lles vende. Debe mediar entre os EE.UU. e China, ou seguir sendo aliado dos estadounidenses?

ACTIVIDADE AVANZADA

O euro, querido e denostado

O euro foi un dos grandes fitos da Unión Europea, pero é probable que escoitásedes críticas ao respecto. Investigade, e enumerádeas, sobre cales credes que poden ser as principais vantaxes e desvantaxes da moeda para o noso país.

PROFUNDAR

Defíneste como galego-español-europeo? O sentimento de pertenza na nosa comunidade

■ A identidade é un sentimento de pertenza a unha comunidade que forma parte do que somos. Determina a relación que mantemos con outras persoas dese mesmo grupo. Non é o mesmo que cidadanía, que é a pertenza a un Estado asignado e non sempre coincide co que sentimos.

■ Como vos definiriades en termos de pertenza?, alguén sitúa o concepto de ser europeo por encima de ser español ou galego?

■ A vosa resposta pódevos sorprender. Aínda que a Unión Europea pareza un órgano de poder afastado, que pouco inflúe sobre o noso día a día, a percepción xeral en España é todo o contrario. Segundo o último Eurobarómetro (unha enquisa que mide distintos temas a nivel europeo), tres de cada catro españois están a favor de que se tomen máis decisións na UE, e nove de cada dez séntense cidadáns europeos. Isto mostra unha clara confianza na identidade europea, que se viu moi menoscabada na crise económica do 2012 e se recuperou coa do covid, cunha resposta común á pandemia.

■ Con todo, que pode significar sentirse europeo?, é o mesmo para un español que para un finlandés? Por unha banda, sentirse europeo podería supoñer a mesma cultura, algo que é difícil na UE, pois a riqueza e variedade é un dos seus puntos fortes. Por outra, sentirse europeo» tamén pode estar alimentado pola conveniencia. Pensas que ser galego é o teu xeito de ser español e europeo?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies