L. Cancela
Unha das definicións de publicidade do dicionario recolle que é a divulgación de noticias ou anuncios de carácter comercial para atraer a posibles compradores, espectadores ou usuarios. Está presente na nosa vida de moitas formas: na televisión, nas marquesiñas dos autobuses, nas revistas e, tamén, na figura dos influencers. Estes canalizan unha das vías de publicidade máis efectivas na actualidade, e o Goberno de España creou unha norma para regulala.

Como fan publicidade e cal é o obxectivo?
Seguro que todos tedes un influencer ou varios que seguides ou coñecedes. Estas persoas logran establecer relacións próximas cos seus seguidores a través do contido que publican. O usuario ve as súas stories ou publicacións todos os días, o que produce certa confianza. Así, cando eles recomendan un produto, moitas persoas confían na súa palabra e séntense tentadas a compralo. Pero esta recomendación adoita ter detrás unha colaboración cunha marca.

Por que se regula?
A intención desta norma é dar maior protección aos consumidores, especialmente aos menores de idade, xa que limita a actividade dos influencers nalgúns sentidos, pero tamén quere darlles máis seguridade xurídica a eles, para que teñan claro que poden facer e que non. En suma, regular as súas accións porque o seu traballo move moito diñeiro.

Cal é a intención?
Estas novas medidas, que se establecen conforme á Ley General de Comunicación Audiovisual do 2022, queren que este tipo de actividade cumpra as mesmas normas, en materia de promoción, que ten que seguir unha película. De feito, non lles chama influencers, senón «usuarios de especial relevancia». Pero non inclúe a todos.

Por que?
Só terán que cumprir con esta lei aqueles que teñan varias características. En materia económica, deben ter uns ingresos anuais superiores a 300.000 euros derivados do conxunto da súa actividade audiovisual; en materia de audiencia, deben superar o millón de seguidores nunha plataforma ou dous millóns no conxunto da súa actividade; e deben publicar ou compartir 24 ou máis vídeos ao ano.

Cando entra en vigor?
Os influencers deben inscribirse, no prazo de dous meses, no Registro Estatal de Prestadores de Servicios de Comunicación Audiovisual.

Cales son as obrigas?
Varias. Terán que identificar claramente os contidos como publicidade. Non poderán facer publicidade de tabaco, nin de cigarros electrónicos, de herbas para fumar nin das empresas que os producen, e tampouco de medicamentos. Só poderán dar promoción de produtos que superen os 20 graos de alcol durante a madrugada, entre a unha e as cinco, e doutros tipos de alcol entre as oito e media da noite e as cinco da mañá. A publicidade de xogos de azar, como as apostas, prohíbese cando estea destinada a menores de idade.

 

Que significa a aprobación mediante un real decreto?

A lei de influencers aprobouna nun real decreto o Consello de Ministros, despois de que o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a propuxera. Que significa isto? Un real decreto é unha norma, con rango de lei, que aproba o Goberno en casos de urxente necesidade. En lugar do que sucede cunha lei ordinaria, que debe debaterse e aprobarse no Congreso dos Deputados, o real decreto apróbao o Consello de Ministros, que é órgano formado polo presidente do Goberno, os vicepresidentes e os ministros. Que un real decreto sexa urxente non sempre corresponde a que detrás haxa algo con moitísima urxencia, senón que a intención da norma forma parte dos obxectivos do Goberno que requiren unha tramitación máis rápida.

España, o segundo país europeo en regular esta actividade

España é o segundo país da Unión Europea que regula a actividade dos influencers. Antes xa o fixo Francia. O país galo lanzou, en xuño do ano pasado, unha lei pioneira co obxectivo de controlar mellor a influencia comercial destas figuras e combater os abusos nos que puidesen caer. Fixo obrigatoria a transparencia nas fotografías, nos vídeos retocados ou nas siluetas, así como nos rostros producidos por intelixencia artificial. Tamén prohibiu a promoción de determinados bens, servizos ou causas como os produtos de saúde, medicina, cirurxía estética, nicotina, abstención terapéutica ou animais salvaxes. Para aqueles que non cumpran co establecido, impuxo unha serie de multas con contías económicas que poden chegar ata os 300.000 euros e penas de dous anos de cadea.

ACTIVIDADE BÁSICA

A influencia

Todos podemos buscar o protagonismo nalgunha materia. Pensa nunha persoa que destaque nalgún campo. Deseña un perfil que poida convertela nun «influencer» grazas ás súas habelencias.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

A publicidade encuberta

Se tedes un perfil en redes sociais, de seguro que algunha vez atopastes publicacións que parecían publicidade, aínda que non o indicasen. Segundo unha investigación elaborada polo Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, sete de cada dez influencers españois non indican correctamente cando un dos seus posts é pagado por unha marca co obxectivo de facer publicidade dela ou dun dos seus produtos. Este feito incumpre a normativa europea sobre prácticas comerciais desleais, que leva en vigor en España desde o 2022.
Pero non só isto, senón que a análise tamén comprobou que, mesmo entre aquelas persoas que avisan de que o contido é un patrocinio, a maioría non utiliza a etiqueta que dan as plataformas, por exemplo, a de colaboración pagada, e simplemente utilizan palabras como ad, publi (diminutivo de publicidade en inglés ou español) ou inclúen un agradecemento («grazas a») xenérico á marca, condutas que dificultan que un usuario saiba que está ante publicidade.
Credes todo o que vos contan os creadores de contido?, moléstavos que teñan este tipo de prácticas que, aínda que non enganan, non son claras coa súa audiencia?, por que pensades que o fan?
Moitos usuarios, conscientes do poder que teñen os influencers na opinión dos seus seguidores, critican prácticas cuestionables. En máis dunha ocasión, deuse a coñecer o caso dalgún creador de contido que fixo vídeos falando de medicamentos. Cando isto sucede, as mensaxes negativas en redes doutros usuarios non tardan en chegar. De feito, no 2020, o Ministerio de Sanidad pediu a YouTube que retirase os vídeos de influencers que daban publicidade a fármacos. Probablemente estes creadores non o fagan con mala intención, senón que os recomenden como farían cun amigo. O problema e que a súa mensaxe chega a miles de persoas e o risco é moi alto.
Non obstante, os consumidores tamén temos unha responsabilidade. Que sentido ten facerlle caso a calquera persoa en materia de saúde? Non sería mellor que levemos as nosas consultas aos médicos e aos farmacéuticos?

Os perfís en redes sociais de menores, un debate aberto entre usuarios

Nas redes sociais hai moitos nenos que protagonizan perfís que son xestionados polos seus pais. Son contas con miles de seguidores que xeran un beneficio económico independentemente da idade do menor. No sector do contido dixital chámanlles kidinfluencers (o termo en inglés para referirse a nenos influencers), un fenómeno que non está exento de críticas.
Hai moita xente que opina que este tipo de actividades expoñen aos pequenos a un risco, xa que poderían derivar nunha sobreexposición da súa vida ou en ciberacoso. A decisión corresponde, en última instancia, aos pais, e é posible que o menor queira participar. Con todo, e se se arrepinte no futuro de usar a súa imaxe en redes sociais?, credes que existe algún traballo no que este tipo de contido podería prexudicarlles?
Outra tendencia que creceu nos últimos meses é a dos Sephora kids, nenas e adolescentes con miles de seguidores que comparten as súas rutinas de coidado facial e de maquillaxe. Un contido que está dirixido a outros menores e que emprega, publicidade mediante, toda unha serie de produtos que non só non necesitan a estas idades, senón que poden carrexar problemas, dun lado, dermatolóxicos (como dermatites, irritacións ou brotes de acne) e, doutro, psicolóxicos, como unha obsesión exacerbada polo físico e superficial.

ACTIVIDADE MEDIA

Outras formas de propaganda

Estar atentos ao que poida suceder nas redes sociais é importante, pero non é a única vía de publicidade. Ao longo dun día, presta atención ao mundo que te rodea e apunta, sempre que che deas conta, a publicidade que recibes en distintos contextos.

ENTENDER

Influír en positivo: cuestión de idiomas

■ Agora ben, a pesar dos perigos coñecidos das redes sociais, existen moitos ámbitos nos que poden ter un impacto positivo. Por exemplo, o Goberno de Cataluña dará unha bolsa de 312.000 euros a «influencers» que fagan vídeos en catalán. Con isto queren profesionalizar os creadores de contido que utilicen este idioma e asegurar que esta lingua estea presente en todos os ámbitos.

■ Na nosa comunidade, tamén existen moitos creadores de contido que utilizan o galego nos seus vídeos e mostran a realidade de Galicia. Ocórresevos algún?

■ Pero máis aló de fomentar o uso dun idioma, as redes sociais tamén son un grande escaparate para outras causas. Por exemplo, as profesións. Moitos especialistas nos seus campos (mecánicos, perruqueiros, avogados, etcétera) mostran o seu día a día no traballo e permiten que outros o coñezan. Ocórrensevos outros casos?

ACTIVIDADE AVANZADA

Sen formación específia

Ser creador de contido é unha nova profesión. Esta realidade é innegable. Non existen uns estudos específicos, pero hai formación que pode axudar. Pensade que grao ou FP sería útil neste mundo. Alguén quere seguir este camiño?

PROFUNDAR

O uso de dispositivos electrónicos precisa de límites, incluso para os adultos

■ Segundo a Asociación Española de Pediatría, só un 36 % dos menores cumpren coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde respecto ao uso de pantallas e o tempo destinado. Durante a fin de semana esta cifra redúcese a un 16 %.

■ Isto leva a que moitos pediatras pregunten, na consulta, se o neno ou adolescente ten unha boa relación cos dispositivos electrónicos. Un uso inadecuado é un factor de risco para a obesidade ou o sobrepeso, o illamento, a depresión, a alteración dos patróns de soño, as condutas aditivas ou o consumo de pornografía. Para previlos, existen uns límites de tempo recomendados.

■ Os abanos de uso son moi fáciles de seguir. A partir dos 5 anos, os menores non deberían empregar máis de dúas horas ao día de lecer dixital. Isto é un máximo. Cantas horas pasades ante unha pantalla?, por que outra actividade poderiades substituír parte do tempo que pasades co móbil?

■ Con todo, ao falar dun uso responsable dos dispositivos electrónicos, non só debemos fixarnos en nenos e adolescentes. Tamén nos adultos. Os coidadores, as familias, deben predicar co exemplo e reducir o consumo dixital.

■ As familias son o espello no que moitos mozos se miran. Se os referentes non coidan o que fan, por que deberían facelo os nenos? Coñecedes algún adulto que claramente abuse do móbil ou as pantallas?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies