Antonio Sandoval Rey
«Eran unha vez un micobionte e un fotobionte que decidiron formar unha simbiose con base permanente en certo recuncho dun centro escolar». Por extravagante que pareza, este conto é absolutamente real. Aínda máis: case seguro que se ten repetido en todos e cada un dos centros escolares de Galicia. Convén, polo tanto, presentar mellor os seus protagonistas.
O micobionte é unha especie de fungo. A súa parte do acordo consiste en obter substancias nutritivas do lugar no que ambos se establecen. O fotobionte é unha alga. O que ela achega é a súa habilidade para realizar a fotosíntese. É dicir, para metabolizar (converter en enerxía) para os dous eses nutrientes. O micobionte consegue auga e protexe o conxunto das condicións atmosféricas máis extremas. O que forman ambos, esa simbiose, é o lique.
Ao principio aquel lique apenas era unha manchiña. Co tempo, foi crecendo e formou unha rechamante placa de cor amarela alaranxada que, vista de preto, resultaba moi sorprendente.
Foi así como un grupo de escolares moi curiosos se achegaron a observalo cunha lupa e cunha cámara de fotos. A continuación, investigaron. E deron co seu nome científico: Xanthoria parietina. Entón publicaron o seu achado nunha rede social, e sorprendeulles o número de likes que obtiveron!
Os liques son das asociacións naturais máis fascinantes que existen. É máis que probable que no teu centro educativo, e na súa contorna, vivan diferentes especies. Unhas prefiren os muros e pedras, outras as cortizas das árbores, outras as súas ramas…
Proba a ver cantos tipos de liques atopas. Ao principio, limítate a apuntar onde están e a fotografalos. Busca despois o seu nome nunha guía de campo (por exemplo, na excelente Guía de campo de los liques de Galicia editada por Baía Verde) e atopa nela máis información acerca de cada un. E cando termines, non deixes de buscar: quizá aínda haxa máis especies por descubrir!
Estímase que na Terra existen máis de 14.000 especies de liques. E que forman o principal substrato vivo de preto do 8 % da superficie do planeta. É o que sucede nos ambientes máis extremos, nos que non prospera apenas vexetación e aos que só eles parecen capaces de adaptarse: desertos, altos cumes rochosos, zonas árticas… As súas formas chegan a ser moi diferentes: uns son ramificados e con lóbulos semellantes a follas, outros lembran diminutas árbores, outros unhas barbas, outros parecen musgos, outros, como a Xanthoria, a manchas secas de pintura…

Investiga este organismo

1 | A abundancia de liques nun determinado lugar é un bo indicio da súa calidade ambiental. Son organismos moi resistentes… Iso si, salvo fronte á contaminación atmosférica.

2 | Se o teu colexio está no centro urbano dunha cidade ou dunha vila, e ao mesmo tempo non lonxe dunha zona rural, proba a facer sucesivos censos de liques a distancias regulares no camiño entre un e outro lugar. Atopas diferenzas?

3 | Para saber máis podes consultar a web da Sociedade Galega de Historia Natural, onde poderás atopar unha ficha sobre a Xanthoria parietina. Podes teclear este enlace: https://sghn.org/liques-de-galicia-xanthoria-parietina/

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies