Pregunta: Paula Dacobo, 14 anos, Monforte de Lemos.
Responde: Cristóbal Ramírez Gómez.
Pois si e non, Paula. Considérase que o primeiro xornal foron as Acta Diurna que se facían en Roma no século II a. C. Por suposto, non en papel, senón en arxila, e de aí sacábanse copias en pergameo que se levaban por todo o Imperio Romano. Como ademais a maioría da xente non sabía ler, esas táboas de arxila colocábanse en determinados puntos concorridos de Roma e un praeco, un pregoeiro, líaas unha e outra vez en voz alta. Pero tes razón en que o primeiro xornal moderno, tal e como entendemos hoxe os xornais, foi un inglés. Chamábase The Norwich Post, que saíu á rúa en 1701, case ao mesmo tempo que The Daily Courant, en 1702. O curioso é que en determinado momento foron editados por mulleres e ambas se chamaban igual: Elizabeth.