L. CANCELA

Este mes os servizos policiais españois detectaron o segundo narcosubmarino que chega a augas galegas. Neste caso tiña un nome mítico: El Poseidón. Imos ver de que se trata.

Que é un narcosubmarino?

É unha embarcación de entreaugas, é dicir, non é un submarino coma os das películas, nin moito menos. Pódese chamar semisomerxible tamén. De feito, algúns chámano tanque. O certo é que o narcosubmarino é unha embarcación de fibra de vidro de non moita lonxitude —o primeiro detectado en Galicia era de 11 metros de eslora, e o atopado este mes, de máis de 21— e mínima anchura. Aínda que ten a estética dun submarino, realmente non pode soportar a presión da inmersión, pero cando navega case sobresae da superficie, e iso é unha vantaxe para esquivar aos axentes policiais. Tampouco é un compartimento estanco.

Que cualidades ten?

Está deseñado para navegar coa meirande parte do casco somerxido. Só sobresae 30 centímetros, e iso fai que sexa moi difícil de distinguir. Tampouco pode ser detectado polas cámaras térmicas. É un sistema moi eficiente: viaxa a algo máis de vinte quilómetros por hora, unha velocidade aceptable.

Quen o usa?

Claramente, delincuentes. Nós coñecemos estes artefactos polo tráfico de drogas, pero poden transportar outras mercadorías, aínda que polo seu tamaño teñen que ser cousas pequenas e valiosas. No caso das drogas, aínda que levan miles de quilos, os paquetes ocupan un espazo bastante reducido.

É perigoso?

Moitísimo. Pensade que poden ir varias persoas nun espazo onde apenas poden moverse, sen ser vistos polos gardas, pero tampouco polos outros barcos. De feito pasan moitos perigos, e non o sabemos, pero é posible que algún afundira se chocou con el un mercante. Quen vai dentro xoga a vida en cada travesía, e ademais ten que vivir nun espazo claustrofóbico e compartindo habitáculo con outras persoas. Por non haber non hai nin sitio para facer as necesidades.

Canto costa?

Non hai cifras exactas, porque entenderedes que é un traballo ilegal. Pero calcúlase que pode custar polo menos uns 700.000 euros, e sempre co risco de que se descubra a operación. Pero se tendes en conta que pode transportar 10.000 quilos de droga, máis de 300 millóns de euros no mercado, pois é fácil ver por que tanto empeño en usalos. De feito, cando remata a viaxe, afunden a embarcación.

Dende cando existen?

No ano 2006, as autoridades policiais galegas atoparon un destes aparatos a medio construír, e alertoulles do que se lles viña enriba. Na mesma época as autoridades dos Estados Unidos capturaron outro nas súas augas; de feito, nese mesmo 2006 dixeron que rexistraran tres narcosubmarinos. Para o 2008, nos Estados Unidos sabían que entraban no país dez por mes. Xa antes, no ano 2000, empezaron a verse somerxibles de casco metálico en Colombia para atravesar os ríos.

 

Mariñeiros cun curso acelerado e un pago de ata 100.000 euros

Quen pode atreverse a cruzar o Atlántico, 6.000 quilómetros de augas sen fondo, neses ataúdes flotantes? Normalmente trátase de mariñeiros con certa experiencia e vinculados aos clans do narcotráfico. Poden ir tres nun destes semisomerxibles e o xefe pode cobrar ata 100.000 euros.

A travesía non é doada. Teñen que pasar case un mes nese submarino nunhas condiciones infrahumanas: compartindo espazo entre varios, coa carga e o combustible, sen posibilidade de ter un momento de tranquilidade. As aventuras que despois contan poñen os pelos de punta: entrada permanente de auga, medo ás colisións, imposibilidade de arranxar avarías e preocupación de ser detectados finalmente polas autoridades, como ás veces ocorre.

 

De «mulas» en avións a barcos e contedores

Os narcotraficantes latinoamericanos foron cambiando o xeito de achegar a droga a Europa, e parece que nisto hai modas. Pode ser a través de persoas, as chamadas mulas, que tragan a droga e embarcan nun avión; é unha actividade moi perigosa (as bolsas de droga poden romper e matar á persoa) e facilmente detectable nos aeroportos. Noutras épocas aparecían máis as drogas en cargamentos de comida ou en envases fraudulentos. Tamén de cando en vez aproveitan a parada dun contedor perfectamente legal para deixar uns fardos. E, por suposto, barcos cargados de droga que quedan nas augas das Canarias ou das Azores como naves subministradoras, e ata elas achéganse pequenas embarcacións pesqueiras para recoller parte ou todo o alixo, que despois levan a terra en planadoras moi potentes, que seguen a operar nas costas galegas menos escarpadas.

ACTIVIDADE BÁSICA

A medida

Comparade as medidas dun narcosubmarino coas doutras embarcacións: un veleiro, un barco de pesca, un mercante, un petroleiro e, por suposto, un submarino. Que vos parece?

—————————————-

As actividades están deseñadas por L. Cancela

AS RUTAS DA DROGA

A posición estratéxica de Galicia no mapa

A rede creada polo contrabando de tabaco situou a comunidade nun enclave predilecto para o tráfico de estupefacientes como porta de entrada a Europa

A policía deu moitos golpes e sacou adiante numerosas operacións contra o narcotráfico. Con todo, Galicia segue sendo unha das principais portas da droga cara a Europa. De todo o territorio galego, as Rías Baixas son o enclave predilecto. Non existe un só factor que o explique, son varios e cada un deles súmase ao anterior. Para entendelo, hai que recorrer á historia. Antes da chegada da cocaína procedente de Colombia a Europa, en Galicia había un forte enclave de contrabando de tabaco. Estaba formado por clans familiares que década tras década foron montando un imperio. Aproveitábanse en parte da cultura mariñeira de Galicia. Os traballadores do mar eran xente dura, que coñecía as augas, e podía introducir o tabaco de contrabando.

O problema inicial parte de que era unha actividade ilegal socialmente tolerada. O tabaco é e era legal en España, só que o de contrabando era mellor e máis barato, porque non pagaba taxas. É dicir, esta actividade non deixaba de ser unha fraude á Facenda pública, e as sancións eran multas.

A estrutura foise fortalecendo e a situación cobrou unha magnitude radicalmente diferente cando nos anos oitenta o tráfico de estupefacientes comezou a chegar a España. Galicia contaba con dúas vantaxes que chamaron a atención dos narcotraficantes de Colombia. Por unha banda, a orografía do litoral: sinuoso, con moitas zonas escondidas que permiten unha incursión máis desapercibida; por outra, e, se cadra, unha razón de maior valor, os fortes clans do territorio dedicados ao contrabando de tabaco.

Estas familias deron prioridade á oportunidade económica da cocaína, que desprazou o tabaco. Cal foi o resultado? Calcúlase que o 80 % da droga que circulaba por Europa nos oitenta entraba por Galicia.

Na actualidade, o mar segue sendo (do mesmo xeito que o foi nos oitenta e noventa) a principal vía de entrada á costa galega. Os expertos explican que existen dous sistemas principais. Os narcos poden recorrer a embarcacións que trasladan os alixos ata preto do litoral. Alí acoden varias planadoras que recollen o cargamento e realizan o último tramo acuático. Ou ben poden empregar contedores que chegan aos grandes portos. Na actualidade, o negocio da cocaína parece estar a vivir os seus anos máis salvaxes. En Colombia existe unha sobreprodución e os narcotrafiantes de hoxe en día son moito máis escorregadizos que aqueles que asentaron o negocio na nosa comunidade. Fronte a eles, Policía Nacional e Garda Civil poñen todos os seus medios para paralo.

 

ENTENDER

A policía reclama máis tecnoloxía

A Policía Nacional e a Garda Civil tentan atallar o narcotráfico e varias institucións internacionais poñen o ollo en Galicia. Por exemplo, a Administración para o Control de Drogas dos Estados Unidos (a DEA, polas súas siglas en inglés) xa avisou no 2018 de que a nosa comunidade sería un dos territorios obxectivos dos narcotraficantes.

Co descubrimento do último narcosubmarino, fontes do Ministerio de Interior, que é o encargado da Policía Nacional, dixeron a La Voz que non se reforzaría a loita contra o narcotráfico na comunidade, pero as unidades especializadas din que lles faltan funcionarios e tecnoloxía.

ACTIVIDADE AVANZADA

A tolerancia cos contrabandistas facilitou unha praga que arrasou vidas e familias

O negocio do contrabando de tabaco parecía beneficiar a todos, salvo ao Estado. Os contrabandistas gañaban diñeiro, así como os pequenos retallistas que se dedicaban a vender paquetes. Os consumidores tamén o compraban máis barato. Parécevos xusto que se beneficiasen dunha actividade ilegal?

Cando a droga chegou a España, o noso país apenas sabía nada sobre ela. Era algo totalmente novo. Foise apropiando das rúas. Por unha banda, prexudicaba á poboación. Por outra, engraxaba un sistema de corrupción no que os narcos operaban con impunidade e contaban con colaboradores dentro das forzas de seguridade.

Parecían intocables ata que un grupo de nais de fillos toxicómanos creou a Fundación Érguete, presidida por Carmen Avendaño, a cara máis coñecida da loita. Lograron o inicio da operación Nécora, que supuxo un gran golpe ao narcotráfico.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies