CINTHYA MARTÍNEZ

Non os ves nin chegas a aprecialos, pero os minerais están moi presentes na túa vida diaria. Pensa por un momento no que fas ao levantarte todos os días. Seguro que optas por lavar a túa cara para espertarte en condicións, darte unha ducha, lavar os dentes e botar desodorizante. Pois en todas estas accións que levas a cabo, están presentes os minerais.

Os minerais considéranse compoñentes activos capaces de aportar aos produtos en cuestión unha serie de propiedades en función do elemento que se utiliza.

Aínda que non formen parte da nosa pel, algúns deles son moi importantes porque nos protexen de axentes externos e tamén axudan a reparar posibles danos que pode sufrir a órgano externo do noso corpo (e tamén o máis grande en canto a superficie).

Seguramente te preguntes de que produtos da nosa rutina diaria falabamos antes. Un exemplo son as pastas de dentes. «Nelas úsase como aditivo con propiedades abrasivas compostos como o hidróxido de aluminio, carbonato de calcio, fosfato de calcio, sílice, ceolita e hidroxiapatito. Todos estes compostos obtéñense a partir de minerais de aluminio, rocha calcaria (que é de onde se obtén o carbonato de calcio e que está composta fundamentalmente polo mineral calcita), outras rochas metamórficas e sedimentarias», explica Teresa Rivas Brea, doutora en Ciencias Biolóxicas, profesora na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME) e membro do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo.

Ademais, a experta tamén comenta que o flúor que contén a pasta para evitar o deterioro do esmalte dos nosos dentes procede principalmente dun mineral denominado fluorita. Este obtense a partir de rochas formadas en ambientes hidrotermais.

Fai uns meses seguro que tamén utilizabas cremas solares para protexer a túa pel do sol e así non queimarte. Pois que saibas que nelas utilízanse o óxido de zinc e o dióxido de titanio como protectores físicos fronte a radiación ultravioleta. Rivas comenta que «o óxido de zinc obtense por diferentes procesos químicos usando como materia prima o zinc metálico. E para obter o zinc metálico necesítanse minerais nos que este elemento aparece de maneira natural, como son a esfalerita e a smithsonita».

¿E que hai dos desodorizantes? Pois neles utilízanse sales de aluminio como compostos antitranspirantes. De seguro que che soa por escoitalo nalgún anuncio da televisión. «Unha destas sales é o sulfato de aluminio e de potasio hidratado ou alumbre. Este último obtense dunha rocha denominada alunita, formada en ambientes volcánicos», sinala Rivas.

Este brillo tamén é natural!

Aínda que non o utilices ti (que pode ser), seguro que coñeces a algunha persoa que si o fai. Fáloche da maquillaxe, ese conxunto de produtos que dunha forma ou outra conseguen que aínda que non durmiras ben a noite anterior, os demais non o noten. E si, estás no certo, neste tipo de produtos tamén hai minerais.

«Polo seu gran poder de cubrición e brillo característico, a moscovita ou mica branca é outro mineral de uso moi común en cosmética», declara Rivas. Trátase dun mineral principal do granito e outras rochas ígneas de cor clara. «Ao ser un mineral moi resistente á meteorización, encóntrase en depósitos sedimentarios e é frecuente obtela como subproduto na explotación de xacementos de caolín e areas feldespáticas», engade.

Estaraste a preguntar que é iso de caolín… Trátase dunha arxila usada para producir cerámica (a porcelana chinesa tan famosa), papel, aditivos alimentarios, lámpadas incandescentes e cosméticos. E volvendo aos produtos da túa rutina diaria, sabes en qué outro cosmético pode estar presente a arxila? Nos limpadores do rostro, que limpan en profundidade e delicadamente a túa pel. Seguindo coa maquillaxe, outros produtos como o pos compactos están compostos de talco (silicato de magnesio). E as barras de labios, por carbonato de calcio e tamén por talco.

¿Qué aportan estes minerais?

É normal que a túa última reflexión sexa esta. A doutora en ciencias biolóxicas asegura que «os minerais e os seus derivados poden actuar como principios activos ou como excipientes en función das súas propiedades físico-químicas». Así, como excipientes (sustancias inertes que facilitan a elaboración e a administración do principio activo), os minerais utilízanse polas súas «propiedades abrasivas, como o carbonato de calcio ou calcita, e tamén como emulxentes e bases inertes para a cosmética, como poden ser o talco ou o caolín».

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies