C. MARTÍNEZ, S. CARREIRA

Esta semana, no concurso de reportaxes Xornalismo na Escola, que organiza La Voz de Galicia coa empresa ENCE, hai dous traballos moi diferentes: por unha banda, o colexio San Xosé de Lugo aposta pola categoría ENCE e presentou un traballo que aborda o esforzo dun pequeno concello, Pedrafita do Cebreiro, por impulsar un desenvolvemento sostible e riqueza económica no seu territorio; por outra, o colexio San José de Cluny, de Vigo, participa cunha reportaxe sobre a fenda salarial das mulleres.

Ambos traballos indican que os intereses dos alumnos son moi diferentes pero que en definitiva todo pode ser obxecto dunha reportaxe, que non é outra cousa que unha investigación. No caso das rapazas lucenses, a súa profesora, Laura Balboa, fai unha reflexión de principio: «Penso que o máis destacado foi o contacto co mundo rural. As rapazas que fixeron a reportaxe non coñecían nada dese mundo e creo que foi un descubrimento para elas».

As autoras sufriron moitos dos problemas con que se atopan os xornalistas cada día: «Pensaban que ían relacionar as entrevistas sen problemas, pero non foi tan doado atopar o nexo de unión, e unha das persoas que querían contactar non lles respondeu». Hai que sumar os nervios do primeiro encontro (virtual) e as dificultades para resumir as charlas, pero a pesar diso a reportaxe chegou en tempo e forma. Para Laura Balboa, a profesora, a experiencia foi todo un reto: «Dinme conta do difícil que é facer unha reportaxe!».

«Por onde empezo?». Esa foi a primeira inquietude que tiveron os rapaces de 3.º da ESO do Colexio San José de Cluny de Vigo. Así o confesa a súa profesora, Susana Martínez. «Eles nunca tiveran feito unha reportaxe, polo que existiron moitas dúbidas». Repartíronse en grupos e elixiron os temas que máis lles interesaban. Unha vez feito iso, comezaron ca documentación, realizaron entrevistas e foron preparando a redacción. «Algúns non sabían que idea poñer primeiro e outros facían preguntas referentes ao estilo: directo ou indirecto? Dúbidas de todo tipo», confirma. Unha vez presentadas as diferentes reportaxes, a elixida para participar no concurso foi A evolución na brecha salarial.

COLEXIO SAN XOSÉ (LUGO)

A reportaxe das alumnas do colexio San Xosé de Lugo leva por título «Pedrafita quere ser sede de empresas sostibles», e supón un percorrido por como a iniciativa privada mira a este concello do interior de Galicia como unha alternativa para o desenrolo sostible, e como o propio concello traballa para potencialo. As autoras da reportaxe falaron co alcalde de Pedrafita, que foi ao centro, e con o impulsor dunha planta de biomasa no concello. Tamén intentaron contactar coa impulsora dunha firma de coworking, sen éxito.

Prema aquí para ir á reportaxe

 

O alumnado de 3.º da ESO do Colexio San José de Cluny (Vigo) elixiu a fenda salarial que existe entre mulleres e homes para a súa reportaxe. Despois de documentarse para facer un repaso da situación ao longo da historia do noso país, abordaron as posibles causas que explican por que moitas das mulleres non poden alcanzar o nivel salarial dos seus compañeiros; así como o teito de cristal que moitas loitan por derribar. Entrevistaron a unha enxeñeira, unha científica do CSIC, unha traballadora xubilada duns grandes almacéns e un empregado en activo nese mesmo posto, analizando a realidade dende diferentes voces.

Prema aquí para ler a reportaxe

Xornada en Betanzos sobre a contaminación froito dunha reportaxe

O xornalismo cambia o mundo. Esta é unha frase típica que dicimos nos xornais e que ademais é certa, porque a liberdade de prensa fomenta a evolución na forma de pensar dun pobo, mellora os coñecementos da xente e fai de contrapoder nos excesos. Cantas cousas non soubemos grazas aos xornais! A isto hai que sumar agora o que poden facer as novas xeracións, como os rapaces do IES Francisco Aguiar, de Betanzos.

O instituto participou no concurso de La Voz Xornalismo na Escola e o fixo cunha pregunta-reflexión, ¿canto contaminamos? A partir disto, os rapaces calcularon a súa pegada de carbono, a primeira vez que se facía algo así, e conseguiron involucrar á dirección do centro para facer melloras nel. Tamén mobilizaron ao concello, que lles prometeu espazo onde plantar árbores que mitiguen a contaminación do centro. E agora deron un paso máis: acaban de celebrar a I Xornadas de Sostibilidade, na que contaron con poñentes tanto do instituto coma expertos na materia e ata un eurodeputado. Polas charlas pasaron expertos da industria como a directora de márketing de Audi Arrojo ou o director técnico de Termatec Innovación, o enxeñeiro químico Carlos Vales, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares, así como a alcaldesa, María Barral, e o concelleiro Andrés Teijo Hermida.

A vicedirectora do centro, Laura Rodríguez Manso, destacou o esforzo dos rapaces para desenrolas estas xornadas e mesmo das profesoras Elvira Castro e María José Pardo, quen tamén estiveron cos alumnos na realización da reportaxe. Nas xornadas se falou da pegada de carbono, ao cambio climático, á industria sostible, aos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU e á relación entre a agricultura e o medio ambiente; e, pensando no futuro, do Pacto Verde Europeo como un pacto interxeracional.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies