S. PÉREZ

Foi a auditoría a que se lle cruzou no camiño a Cristina García (Toques, A Coruña, 1997), e non ao revés. A conversa é directa dende un principio, o que deixa ao descuberto un dos seus principais trazos. «Supoño que quererás saber por que estudei ADE…», di.

—Por que?

—Non te vou enganar. Fíxeno porque non tiña moi clara a miña vocación e era unha carreira con múltiples saídas laborais, coa que se pode tirar para todos os lados.

—Ou sexa, que non o tiñas claro e apostaches polo máis seguro.

—A miña irmá fixo Medicina. Os meus pais sempre me animaron a estudar, porque aquí na vila igual non hai tanta xente que teña estudos. Eu era boa estudante e gustábanme os números.

—Ás veces espérase dos bos estudantes que se decidan por Medicina. Pasóuseche pola cabeza?

—Si, por influencia de profesores. Dicíanme: «Ai, e non queres facer o mesmo que a túa irmá?». Fixen o bacharelato de ciencias da saúde, pero iso non era o meu.

—Rematas a carreira e…

—Non chego a facelo. En febreiro, a empresa Deloitte veu dar unha charla á facultade para explicar en que consistía a auditoría e como podiamos presentar a nosa candidatura. Nese momento eu estaba de prácticas nun hoteliño, e ao comentarllo á encargada, animoume. A min dábame un pouco de medo. Pensaba: «Como me vou presentar se aínda non rematei a carreira?». Pero fíxeno. Aínda non entregara o traballo de fin de grao e xa sabía que tiña traballo.

—Como foi a adaptación?

—Pois moi ben. Quen entra contigo ten a mesma idade e para a maioría tamén é o seu primeiro contacto co mundo laboral, así que apóiaste nesa xente. Si que é algo que causa impresión, pero todo foi aos poucos e facilitáronnos moito a adaptación.

—Dá vertixe entrar a formar parte dunha empresa tan grande?

—Sempre tes algún medo… O que ten todo o mundo: preguntar. Pensas: «Como vou preguntar isto? Non ten lóxica». Dános medo facelo e que che respondan mal, pero para nada. Ese medo quítaseche cando ves que quen che responde pasou por esa mesma situación. Dinche: «Iso tamén o preguntei eu».

—Como explicarías o teu traballo, ser auditora?

—É unha boa pregunta. O que facemos é que cando os nosos clientes, que son empresas, nos facilitan os seus rexistros contables, nós revisamos que estean ben e correctamente rexistrados. Por exemplo, que se pediron un préstamo apareza reflectido nas súas contas que así foi; ou se un dos seus clientes non lles pagou, que o balance de final de ano mostre que ten un importe pendente de cobro. Pero logo, algo que xa si que é máis subxectivo, tamén precisamos coñecer como funciona o cliente e como foi o sector ese ano. Entender o porqué de todas as decisións que tomaron.

—Ese sería un día normal?

—É complicado. Case che diría que na auditoría non hai un día de traballo normal. Cada ano imos ascendendo de categoría e tamén é un traballo moi estacional. Dependendo do mes, a carga de traballo é diferente. Todo iso condiciona o teu día a día.

—Tan só tes 24 anos e xa es auditora sénior… Podes inspirar a moitas persoas.

—É moi guai. Acabo de facer 24 anos e ser sénior… Estou moi orgullosa, e na casa tamén o están do camiño que estou levando.

—Un consello que che gustaría que che deran?

—Creo que si que mo deron indirectamente: que me informara das saídas profesionais. Asociamos unha saída laboral a unha carreira e non é así. ADE é un grao moi diverso. Aínda que poidas rematar nunha saída moi típica, tamén pode ser que polo camiño descubras algo que te sorprenda.

PERFIL QUE SE BUSCA PARA UN POSTO ASÍ

Capacidade de liderado, comunicación e síntese

Para ser auditora nunha gran compañía requírese un perfil moi completo:

 

Coñecementos previos

Dominio das matemáticas, coñecementos de economía e estatística.

Dominio do inglés (recomendado).

Coñecementos básicos de informática (recomendado).

 

Habilidades e aptitudes

Capacidade para liderar, motivar e dirixir equipos multidisciplinares para conseguir os obxectivos marcados.

Predisposición á interacción interpersoal e de grupo e ao traballo en equipo.

Creatividade e capacidade de innovación.

Capacidade de negociación e de persuasión.

Boa capacidade de concentración, organización e planificación.

Xestionar de forma eficaz e eficiente os recursos financeiros, materiais e humanos.

Boa capacidade de comunicación.

Capacidade de síntese e redacción.

Boa capacidade de razoamento lóxico e abstracto.

Espírito emprendedor.

Capacidade de abstracción.

 

Intereses

Cuestións sociais e relacionadas coa política.

Sistemas económicos e o seu funcionamento.

 

Esta información foi realizada polo equipo de expertos de viaedu.es

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies