OLGA SUÁREZ
Un dos temas que ten que estudar o alumnado de primeiro da ESO na materia de Lingua Galega é o texto cotián, é dicir, coñecer as diferenzas entre os distintos tipos de escritura como cartas, contos, correos electrónicos… Hai tres anos, Sabela Moralejo Naveira, profesora do colexio Compañía de María da Coruña, estaba a pensar en como tratar este tema doutro xeito e tentar que os seus alumnos transformasen algo na sociedade, esa metodoloxía chamada aprendizaxe-servizo. Así, xunto co departamento da biblioteca do centro, deseñou unha iniciativa solidaria que enlaza aos seus alumnos cos nenos ingresados no Hospital Teresa Herrera (o espazo materno-infantil do Chuac) da Coruña.
Chámase CompaContos e este é o cuarto ano que se realiza. O primeiro foi presentar o proxecto á directora do centro e despois consultaron co departamento de humanización do centro hospitalario. Tras un tempo de espera, obtiveron a resposta positiva e puideron poñelo en marcha.
Durante o horario lectivo ao longo do curso, os alumnos crean un conto personalizado para cada un dos nenos hospitalizados, cunha historia inventada por eles mesmos na aula, e ilustrado con vistosos debuxos. Cando o material está rematado, o envían como agasallo. «O obxectivo é que os nenos gocen lendo, xogando, divertíndose porque pasan moito tempo no hospital», explican os creadores do proxecto.
Pero para iso, o primeiro paso é ter a información coa que construír cada relato. Así, crearon un formulario en liña que as familias dos nenos hospitalizados deben cubrir para coñecer un pouco os seus gustos, o número de irmáns, o superheroe favorito… E tamén cun debuxo para que eles podan pintalo e participar no traballo. Con toda esta información, xa na aula, o alumnado elaborará o texto e o debuxo. Unha vez rematado, envíanllo a Laura Lizancos, profesora da Aula Hospitalaria da Conselleria de Educación no hospital. «Cando os recollen gústanos que os lean eles mesmos, porque para nós o máis importante é velos contentos e facerlles sorrir», comenta un dos participantes.
A elaboración dos primeiros contos desenvolveuse ao longo do curso 2018-2019 e chegaron ao seu destino como agasallo de Nadal. Esa entrega foi especial, porque tres representantes da aula acudiron ao hospital para entregar o traballo e puideron coñecer aos protagonistas do segundo envío de CompaContos. Máis tarde, a profesora da aula do hospital acudiu ao colexio para dar unha charla sobre como é a educación para todos os nenos que están hospitalizados. «O obxectivo en todo momento foi conseguir un sorriso dos nenos polo que argallaron con ilusión o plan» explica Sabela Moralejo, un plan que agocha a crenza real dos seus alumnos de que con este conto conseguirán curar dalgunha forma aos meniños do hospital.