
4. ACTIVIDADES
SESIÓN 1
A máquina da verdade
Esta proba de preavaliación permitirá sondear os coñecementos e, sobre todo, as actitudes do alumnado en relación coas praias e a súa conservación.
CUESTIONARIO
NOME DO ALUMNO:
GRUPO:
DATA:
Imaxina os seguintes tres casos e conta o que farías en cada caso. Contesta con sinceridade o que ti farías, non o que cres que deberías facer:
1. Chegas coa túa familia e o can a unha praia con bonitas dunas. O aparcadoiro está cheo e nunca hai gardas. ¿Que facedes?
- Ir a outra praia a probar sorte.
- Aparcar sobre a area. Total, non van pór multas. Ademais, á area non lle pasa nada.
2. Botades a andar cara á praia. Fai vento, e ademais hai demasiada xente ao redor.
- Entre as dunas apenas hai vento, e estase de fábula. Metédesvos alí.
- Camiñades un pouco máis e colocádesvos onde hai menos xente, pero sen entrar nas dunas, aínda que segue habendo vento.
3. ¿Que facedes co can?
- Quedou en casa. A praia non é lugar para un can.
- Quedou no coche coa fiestra algo baixada para que non se asfixie.
- Levádelo á praia e corre de aquí cara alá, facendo as súas necesidades onde lle parece máis adecuado e perseguindo en ocasións a pequenos paxariños, cousa que vos fai moita graza.
A continuación ábrese un debate acerca das diferentes respostas, chamando a atención dos alumnos sobre a importancia de conservar as dunas, onde crecen plantas moi ameazadas, e a fauna que vive nas praias.
SESIÓN 2
As sete palabras clave
Entrégase a cada alumno unha copia da noticia da que parte a unidade didáctica. Individualmente, completan o seguinte cadro (posteriormente, debátense as distintas respostas emitidas):
ANÁLISE DA NOTICIA
Galicia é este ano a zona do mundo con maior número de praias con bandeira azul
QUÉN Persoas, grupos, entidades ou calquera ser que poida constituírse en axente ou paciente desta noticia.
QUÉ Os feitos importantes da noticia e os termos que hai que coñecer para entender o significado da noticia.
ÓNDE Os sitios e os espazos que determinan a situación física da noticia.
CÁNDO Tempo, datas e momentos significativos da noticia.
CÓMO Os pasos do proceso, as formas, as técnicas e a metodoloxía.
CÁNTO Todo aquilo que se pode cuantificar dalgún modo, e inflúe ou describe mellor o que pasou.
POR QUÉ Os obxectivos, os motivos, as causas e as consecuencias.
SESIÓN 3
¿Que é a bandeira azul?
Na aula de informática, o profesor divide aos alumnos en grupos. Cada grupo debe buscar en Internet información acerca da bandeira azul, en concreto:
- Definición de bandeira azul.
- ¿Que organismo a concede? ¿É público ou privado?
- ¿Que se esixe a unha praia para concederlle unha bandeira azul?
- ¿Cales son as praias máis próximas ao centro escolar, ou coñecidas polos escolares (no caso de ser un centro situado no interior) ás que se concederon este ano? ¿E ás que non se concedeu?
A continuación, entre todos, débense resolver as seguintes cuestións:
- Que unha praia azul obteña ou non unha bandeira azul, ¿significa que está ben conservada, ou só que dispón dos servizos que esixe a organización que concede este galardón?
- Unha praia salvaxe e afastada, á que se chega por un carreiro e que non dispón de servizo algún aínda que a súa flora e fauna están perfectamente conservadas, ¿podería recibir unha bandeira azul?
- ¿Deben dispor todas as praias de servizos sanitarios e ambientais, socorrismo, etcétera, ou debemos conservar os areais salvaxes e orixinais, tal e como son e se intervir na súa paisaxe? ¿Por que?
Recursos para a busca
– Páxina oficial en español de ADEAC: http://www.blueflag.org/?lcid=1034
Nesta páxina atópanse os criterios de concesión de bandeiras azuis, galardóns destinados só a aquelas praias dotadas dunha serie de servizos. A bandeira azul, polo tanto, non se destina a praias naturais e ricas en flora e fauna, pero sen servizos.
– Praias de Galicia con bandeira azul no 2007:
www.lavozdegalicia.es/archivos/pdf/playas_azules_07.pdf
SESIÓN 4
A praia: manual de instrucións
Na anterior sesión tiñamos visto que unha bandeira azul só é garantía de que unha praia conta cunha serie de servizos que a organización ADEAC considera necesarios. Hai praias salvaxes e ben conservadas ás que non chegan algúns destes servizos, e que se contan entre as paisaxes de maior valor natural de Galicia.
Lese en voz alta aos alumnos os seguintes parágrafos:
A píllara pequena
Aquí en Galicia esta ave só vive en praias e dunas litorais. A súa supervivencia, polo tanto, depende exclusivamente do bo estado de conservación destes lugares, o que inclúe a ausencia de alteracións por causa de vehículos, cabalos ou cans. Se es dono dun can, cada vez que acudas con el a unha praia salvaxe recorda que estás pondo en perigo a unha ou varias familias de píllaras. ¿Por que? Para empezar, estas aves fan o seu niño directamente na area, nunha discreta concavidade tapizada de anacos de cunchas. Alí pon os seus ovos. As cascas destes confúndense coa contorna, pero non completamente. Moitos cans saben descubrilos sen problema. Doutra banda, os seus poliños son nidífugos, é dicir, que como os das galiñas, ao pouco de nacer xa foxen do niño para seguir aos seus proxenitores. Tardan semanas en poder voar. Durante ese tempo son unha presa moi fácil para calquera depredador. Para alimentarse, ademais, dependen dos seus pais. Separarse deles cada pouco tempo por mor de constantes ameazas pode resultarlles fatal.
A Iberis procumbens
Florece de primavera a finais de verán, e é unha das plantas máis fermosas das nosas dunas. Pero como en tantos outros casos, o seu pequeno tamaño a miúdo faina pasar desapercibida. É preciso agacharse xunto a ela para descubrir o seu extraordinario deseño.
En todo o planeta tan só se presenta na costa occidental atlántica da península Ibérica. É dicir, que aquí somos especialmente responsables da súa conservación. De feito, se non o facemos nós, ninguén máis o fará.
Como para o resto das plantas dunares, as súas principais ameazas son que as pisen persoas ou cabalos, os vehículos e a alteración dos seus hábitats debida a diversas infraestruturas.
Coidar o patrimonio
¿Como poderiamos convencer á xente para que coide este patrimonio natural, do que estas dúas especies son só exemplos? A continuación exponse aos alumnos que redacten en grupos unha serie de instrucións destinadas aos usuarios das praias, a fin de evitar danalas durante a súa visita. O resultado deste labor debe parecerse, por exemplo, a este:
1. O vehículo no que chegues non debe saírse das estradas e pistas e xamais debe penetrar nas dunas. O dano que causan as súas rodas tarda anos en desaparecer. Merece a pena andar un pouco máis.
2. Non traias ao teu can á praia. Se fai calor, é probable que non o pase tan ben coma ti. Ademais, é un perigo para moitos polos de aves que aínda non saben voar. 3. Entra e sae da praia de dunas camiñando polo mesmo percorrido, para minimizar o teu impacto. Por suposto, xamais o fagas en motocicleta, quads, cabalos, etcétera.
4. Sitúa a túa toalla nun lugar o máis próximo ao mar posible, pero con coidado de que non che alcancen as ondas. As plantas comezan a crecer alí onde case nunca chega a preamar, e é tamén aquí onde aparecen os animais.
5. As pozas naturais que se forman entre as rocas son como pequenos acuarios. Observar e identificar aos seus habitantes é toda unha lección de ecoloxía. Evita manipulalos. ¡Non lles gusta nada!
6. Nunha praia salvaxe hai máis aves das que parece á primeira ollada. É posible que, sen sabelo, te atopes na casa de píllaras pequenas, lavandeiras marelas… Sobre o mar, ademais, podes chegar a descubrir pardelas e varias especies diferentes de gaivotas. ¡E ata algún golfiño! Os prismáticos seranche moi útiles para descubrilos.
7. Algunhas destas aves poden ter preto os seus poliños. Se non voan nin se alimentan, e manteñen unha actitude de constante alerta, afástate canto antes.
8. Ao marchar, leva todo o teu lixo. Deixa tras de ti tan só as pegadas da túa presenza na area. O vento encargarase de xogar con elas ata facelas desaparecer. Pero non leves cunchas, plantas ou os restos naturais traídos polo mar. Todos eles son parte integrante da praia, e cumpren a súa función.