3. ACTIVIDADES

Xunto a cada actividade danse indicacións metodolóxicas. En principio non se prevén outras agrupacións que o gran grupo, nin o emprego doutros materiais que os de uso individual (fotocopias coa noticia e bitácora de clase -véxase “Recursos e métodos”- e o encerado (salvo que se dispoña doutros medios).

3.1. Actividades de introdución

3.1.1. Presentación da noticia e o artigo.

Cuestión: distinción intuitiva entre noticia e opinión, cal é cal.

Metodoloxía: lectura individual. Para a cuestión, resposta escrita na bitácora de clase e posta en común.

3.1.2. Presentación de Cela: lectura en voz alta da Documentación (a biografía de Cela que figura ao final do e-studio).

3.1.3. Localización doutros nomes mencionados na información e identificación: ao lelos, o profesor sublíñaos e despois explica brevemente quen son. Esta actividade servirá de modelo á actividade A que desenvolverán os alumnos.

3.2. Actividades de desenvolvemento do proceso

Estudar a literatura sen un achegamento aos textos do autor é, ademais de árido, unha garantía de que o aprendido será esquecido rapidamente. Así que propoñemos unha aproximación breve, para desenvolver na aula, e outra máis profunda, para desenvolver como ampliación.

3.2.1. Actividades básicas

(A) Actividades de recoñecemento da noticia. Coa axuda de dicionarios, enciclopedias, manuais de literatura, libros de texto ou Internet os alumnos deben investigar os seguintes aspectos (da Noticia e o Artigo):

  • Termos (definilos): aniversario, fundación, epistolario, manuscrito, editorial, novelar, poetizar.
  • Feitos (quen os protagoniza, cando ocorren, onde): inauguración, exposición sobre Cela e Galicia, publicación de Retorno a Iria; premio Nobel (e outros premios).
  • Datas (que ocorre): 17 de xaneiro do 2002, e do 2007.
  • Sitios (que ocorre nestes lugares): Padrón, Iria Flavia.
  • Persoas (cando viviron, que fixeron, que relación tiveron con Cela): Cela, Marina Castaño; Torrente Ballester, Valle-Inclán, Quevedo, Gabo (García Márquez); Cunqueiro, Otero Pedrayo, Ferreiro, Méndez Ferrín.
  • Animais (que animal era, quen o creou e en que obra): Moby Dick.
  • Monumentos: enumeración das obras %u201Cgalegas%u201D de Cela; títulos completos e datas de publicación das obras mencionadas no Artigo.
  • Clasificacións: que é o realismo máxico; que relación tivo Cela con Galicia (como escritor).
  • Temas: que son os “Cretablos de la condición humana”.

Posta en común: tras un tempo prudencial (no que non necesariamente todos cheguen a todas as solucións), pregúntase as respostas correctas. Se as proporcionan os alumnos, mellor; se algunha non a puideron atopar, soluciónaa o profesor.

(B) Seleccionar tres textos breves de distintas obras representativas de Cela.

Convén que sexan textos pechados, que teñan certo valor por si mesmos, e que ilustren algunha idea que se queira exemplificar. Sobre cada un deles fanse algunhas preguntas (tres ou catro, moi concretas) que os alumnos responderán primeiro por escrito (texto por texto) e despois poñeranse en común.

(B1) Un texto de La familia de Pascual Duarte.

Pode ser, por exemplo, o final do capítulo 4, unha escena protagonizada polo señor Rafael, o irmán de Pascual (Mario) e a súa nai. Cuestións:

  1. ¿Quen narra o que sucede: é un personaxe da novela, protagonista ou secundario? ¿Que persoa gramatical emprega? ¿A quen se dirixe (está presente no texto algún receptor implícito, en que palabras)? ¿Con que tradición literaria enlaza?
  2. ¿Cantos personaxes ves reflectidos aquí? ¿Hai algún que se poida considerar digno de admiración por algún motivo? ¿Con que tradición literaria enlaza este trazo?
  3. ¿Suceden moitas cousas ou poucas? ¿Hai algunha descrición? ¿Hai diálogo? Valora a resposta.
  4. Trazos do tremendismo presentes neste fragmento. ¿Que finalidade pode perseguir Cela empregando esta crueza descritiva?

(B2) Unha escena de La colmena.

Un dos personaxes mellor debuxados é doña Rosa, a dona do café, así que calquera das que aporte trazos sobre ela pode estar ben. Aquí propoñemos a que empeza “Doña Rosa no era, ciertamente, lo que se suele decir una sensitiva” (é das primeiras da obra). Cuestións:

  1. Intenta fixarte no que sucede. ¿É importante, transcendente? ¿Ou máis ben é vulgar e anódino?
  2. Fíxate unicamente no que di o personaxe principal (doña Rosa). ¿Poderías deducir algo da súa forma de ser a partires das súas palabras? ¿Dirías que é unha personaxe dominante ou dominada?
  3. ¿Detectaches algunha referencia a aspectos físicos da personaxe? ¿Contribúen estes aspectos á súa caracterización ou son meramente descritivos? ¿Encaixan na personalidade que debuxan os diálogos?
  4. Entre os recursos lingüísticos manexados por Cela, figura o emprego dunha linguaxe coloquial. ¿Poderías localizar algúns empregos deste tipo? ¿Saberías clasificalos? (Se os alumnos están moi perdidos pódeselles suxerir que busquen algún rexistro concreto: frases feitas, disfemismos (insultos), interpelacións ao receptor, etcétera).

(B3) Algúns parágrafos de Oficio de tinieblas.

Aquí referímonos ao número 49 e seguintes, aínda que vale calquera que poida ter algo de sentido por si mesmo, pois aquí fixarémonos en aspectos formais. Cuestións:

  1. ¿Que é o que chama a atención a primeira ollada? (Deberían notarse: a numeración dos parágrafos, a ausencia de maiúscula inicial, a ausencia de punto final e doutros signos de puntuación, a brevidade dos parágrafos).
  2. ¿Que persoas gramaticais se empregan? ¿Que sentido pode ter, sobre todo, o uso da segunda do singular?
  3. Os parágrafos desta obra son chamados “mónadas” polo propio autor. ¿Que son as mónadas? ¿Hai relación directa entre unhas e outras? ¿Por que?
  4. ¿Que palabras se repiten con máis frecuencia? ¿Terá algo que ver co título da obra? ¿Que pode significar este título?

Posta en común: o profesor pode recoller os traballos e seleccionar algúns (tres, por exemplo) que estean ben feitos e que fotocopiará para que todos poidan ver posibles respostas correctas. (É importante que sexan varios, para que deduzan que, en cuestións de comentario e valoración, non hai unha única resposta válida). Esas respostas será lidas en voz alta polos seus autores (mellor desde a fronte da clase) e sobre elas pódese engadir algunha explicación ou algún comentario para reforzar o grado de acerto.

(C) Biografía de Cela:

Lectura por pequenos grupos da Documentación (a biografía de Cela que figura ao final do e-studio). Ao mesmo tempo, os alumnos van tomando nota dos fitos, concisamente, e elaboran un traballo conxunto. Deben primar aspectos gráficos na presentación do traballo. Nel quedarán recollidos:

-Fitos vitais

-Datas

-Obras

-Premios.

Posta en común: exposición dos traballos na parede de clase.

3.2.2. Actividades de ampliación

(D) Interpretación de palabras e expresións do artigo “Gigantes”.

Na bitácora de clase respóndese o que significan as expresións seguintes:

– “Cela crece, y Torrente mengua”.

– “Valle, por encima de todos, incluso de Cela, que mamó de él”.

– “No hay hoy autores así (…) No levantan retablos de la condición humana, de la lujuria, de la avaricia”.

(E) Lectura dalgunha obra completa de Cela.

La familia de Pascual Duarte é abarcable, suficientemente coñecida (para facilitar a documentación), ten gancho (para o lector inexperto) e é das máis importantes do autor.

Para que a lectura non sexa meramente recreativa pódeselles encargar algún traballo que poden presentar nunha folla (só se trata de realizar unha actividade, non de esgotar a obra e, sobre todo, de evitar que baixen de Internet algún traballo ou un texto da enciclopedia: así que, a man). Posibles temas de estudo: seguimento dalgún personaxe secundario (a nai de Pascual Duarte ou a súa irmá, o Estirao), estudo dos espazos (pechados, abertos, localizacións xeográficas), análises do tempo (linealidade, principio e final, forma de avanzar), trazos picarescos…

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies