C. MARTÍNEZ

A historia de Galicia está moi ligada á minería. «Os fenicios chegaban a Galicia buscando estaño. Sabemos que é necesaria unha proporción deste para engadilo ao cobre e convertelo en bronce, moito máis resistente», apunta Eduardo González, xeólogo e divulgador. «Creo que os romanos tamén chegaron buscando estaño, só que ao chegar atoparon cantidades inxentes de ouro», engade. Despois da Idade Media, «todo decaeu moito, tanto a minería como o comercio, pero nos séculos XIX e XX volveu con forza a minería de ferro, estaño e apareceu o volframio». Estes dous últimos minerais foron protagonistas das minas de Fontao (Vila de Cruces). «Empezaron a explotarse no século XX buscando estaño e xunto a el aparecía o volframio, que non sabían para que servía. A partir da Primeira Guerra Mundial comezou a ter importancia para a construción de material bélico», comenta. As minas explotáronse durante noventa anos e foi unha das máis punteiras de Europa.

A ruta de Toelo (Moeche) encóntrase no complexo de cabo Ortegal, unha zona de relevancia internacional que se caracteriza por un conxunto de materiais que viaxaron dende o interior da Terra ata a superficie como resultado dunha colisión entre continentes hai 350 millóns de anos. A zona está constituída principalmente por serpentinitas, coñecidas entre a poboación local como toelos. «Trátase dunha alteración química dunhas rochas moi escuras que hai en moi poucos sitios e que teñen a súa orixe no fondo do mar», explica. Os que se acheguen á localidade coruñesa poderán percorrer unha ruta de gran beleza natural para coñecer diversas canteiras que mantiveron a economía local durante anos.

A ruta de Vilaoudriz (A Pontenova) mostra o pasado industrial lucense, co maior conxunto de fornos de calcinación do noroeste peninsular. Xunto a eles tamén se conserva unha bocamina dende onde chegaba o mineral de mina Vieiro, un depósito e una recreación do trazado do tren mineiro.

As minas de Brués (Boborás) son moito máis sinxelas. «A nivel xeolóxico foi moi importante e o que se ve son pequenas bocaminas, pero non hai instalacións», precisa González. Dela extraeuse arsénico e ouro, pero «o máis curioso é que os romanos non o detectaron, cando non se lles pasaba nin unha». Así, non foi ata século XX cando comezou a súa actividade. O mineral extraíase por pozos e galerías inferiores sen mecanizar.

Ruta do Toelo (Moeche)

En rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com ofrécense rutas guiadas, a través das cales tamén se pode visitar a última mina subterránea de cobre explotada en Galicia: mina Piquito, clausurada nos anos 60.

 

FOTO: CÉSAR GALDO

Ruta de Vilaoudriz (A Pontenova)

Nesta ruta destacan tres minas: mina Vieiro, O Boulloso e mina Consuelo. Ademais, é posible tirarse da tirolina ou pasear en canoa reservando na páxina web da Tirolina das Minas.

 

FOTO: CARLOS MORADO

Minas de Brués (Boborás)

O interese xeolóxico do xacemento compleméntase coa beleza da paisaxe e a posibilidade de visitar a igrexa de San Pedro de Xurenzás (século XIX) e o castro celta da paraxe Os Castros.

 

FOTO: SANTI M. AMIL

Minas de Fontao (Vila de Cruces)

O poboado mineiro está composto por unas curiosas edificacións que foron reformadas no 2010. Existe un museo ao que se pode acceder de maneira gratuíta mediante cita previa en viladecruces.es.

FOTO: MARCOS MÍGUEZ

Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies