CRISTÓBAL RAMÍREZ
Con seguridade ninguén o sabe, pero era preto dos anos 820-822 cando un ermitán (ou sexa, un home que vivía só, afastado do mundo e rezando) chamado Paio se atopaba en Libredón. Este era un bosque que ocupaba o espazo onde hoxe se levanta a catedral de Santiago.

E alí viu varios días unhas luciñas sempre no mesmo lugar. Cría que era unha milagre, así que avisou ao bispo Teodomiro, que por entón tiña a súa sede en Iria Flavia, preto de Padrón, case 20 quilómetros ao sur. Acudiu o bispo, e mandou cavar no lugar onde se vían esas pequenas luces. Alí atopou un enterramento moi coidado co esqueleto do apóstolo Santiago e de dous dos seus acompañantes.

Que fixeron? Avisar ao rei, que por entón tiña en Oviedo a súa capital. Ese rei, chamado Afonso II, viaxou até Santiago e convenceuse de que aqueles ósos pertencían, en efecto, ao apóstolo Santiago, que morrera por decapitación en Terra Santa (onde hoxe está Israel) e, segundo a tradición, fora traído a Galicia polos seus seguidores nunha nave de pedra que carecía de temón. Esa embarcación atracou precisamente en Padrón, ao fondo da ría de Arousa, e debaixo do altar maior da igrexa de Santiago desa localidade coruñesa atópase hoxe en día a pedra onde foi atada esa barca cando atracou: coñécese co nome de Pedrón.

A noticia do achado do corpo do Apóstolo no século IX correu por todo o mundo coñecido, e uns poucos anos despois empezaron a chegar peregrinos a rezar ante a tumba, agora xa dentro dunha sinxela igrexa que mandara construír o mencionado rei Afonso II. Os peregrinos primeiro comezaron a chegar de diferentes puntos de España, pero despois xa viñan de todos os países de Europa. E así seguiu sendo dende entón.

No ano 1589 os restos humanos do Apóstolo foron escondidos a toda présa ante o temor a un ataque inglés que non chegou a producirse. E durante 290 anos estiveron desaparecidos, porque ninguén sabía onde se atopaban. Foron redescubertos en 1879 no trasaltar (ou sexa, na parte de atrás do altar maior) da catedral compostelá, e as peregrinacións volveron coller moita forza.

Xoga con Roi e gaña un premio pensado para ti

Gastronomía: Torta de garavanzos

É moi curioso: un dos alimentos que os peregrinos a Santiago traían cando viñan sobre todo do norte de Europa era unha torta de garavanzos. E por que é curioso? Porque o garavanzo non se cultivaba —nin hoxe tampouco se fai— en lugares fríos como Alemaña, ou os países Bálticos, ou Suecia, por poñer varios exemplos. É orixinal da zona que na actualidade pertence a Siria e aos lugares próximos a este país.

A pregunta lóxica entón é: como chegou até a cidade alemá de Colonia, que era un gran centro de acollida e reunión de peregrinos e onde se preparaba a torta de garavanzos?

A resposta é que as guerras cos musulmáns —que estaban ao leste de Europa e que incluso chegaron ás portas de Viena, capital de Austria— alternaron con períodos de paz. E neses períodos de paz as caravanas de mercadores ían e viñan continuamente, e vender garavanzos debeu de ser un bo negocio.

E sabemos como era esa torta? Pois si. Cóllense os garavanzos e cócense moito ate que practicamente quedan desfeitos. Escórrese a auga e queda case unha pasta, que se estende cun rodete, e queda coma unha masa de pizza. Ponse ao forno e sae coma unha empanada. Déixase ao frío.

Que facía logo o peregrino? Pois rompíaa en anacos e botaba a andar levando consigo eses anacos.

A torta de garavanzos (que foi recuperada no 2010 nun restaurante de Palas de Rei, e aínda segue facéndose en Colonia) tiña dúas vantaxes: alimentaba moito e mantíñase fresca moito tempo.

Historias do Camiño: Os peregrinos

GUIDO DE ALBIONE

Corría o ano de 1102 cando Guido de Albione, un nobre dunha rexión de Francia denominada Borgoña e que tamén era conde de Albón, peregrinou a Santiago. A súa foi unha viaxe non exenta de certos luxos e, dende logo, segura: non marchou só, senón en compañía doutras personaxes do seu mesmo nivel, así que non andaban faltos de cartos para pagar un sitio onde aloxarse ou comer. Co tempo, acabou sendo unha das persoas máis achegadas ao papa de entón, que era Calixto II, e en Roma defendeu sempre a cidade de Santiago.

BERNARDO DE ALDRETE 

En 1612 vir peregrinando desde Córdoba a Santiago era toda unha proeza. E iso fixo o relixioso, historiador e filólogo andaluz Bernardo José de Aldrete. E non andou só, senón que foi en compañía de sacerdotes e relixiosos. A boa nova é que foi escribindo un diario moi detallado, que hoxe en día se conserva na catedral de Málaga.

Aldrete deixa constancia de que botan a andar o 26 de xaneiro e regresan a Córdoba o 23 de marzo, o cal permite deducir que foron a bo paso. E por onde? Pois pola Vía de la Plata, e ao chegar a Zamora desviáronse polo Camiño do Sueste. Foi unha aventura en toda regra, porque pasaron mil e unha penalidades, sobre todo ao entrar en Galicia por Ourense facendo fronte a un frío extremo, fortes nevadas e un vento que lles impedía avanzar.

O grupo estivo de acordo en non volver a atravesar aquelas montañas e en non seguir aquel itinerario tan duro, de tal xeito que regresaron polo Camiño Francés até Astorga. Nesa localidade leonesa xiraron buscando Madrid e Toledo, para despois enfilar decididamente ao sur, a Andalucía.

A peregrinación deixou pegada na alma de Aldrete, e ao ano seguinte, en 1614, publicou en Anveres (Bélxica) a obra Varias antigüedades de España, África y otras provincias, un libro no que se fala de xeito extenso de Santiago, dos seus discípulos e de como a tradición vincula a estes homes co nacemento da cidade de Granada.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies