L. Cancela
Pensade no voso cantante ou grupo de música favorito. Credes que o seguiredes escoitando dentro de 30 anos? Non todos os artistas logran seguir tendo éxito co paso do tempo, pero hai algúns nomes cuxa música traspasa xeracións e seguen enchendo estadios cada vez que dan un concerto. Este é o caso de Bruce Springsteen, un cantante que a fin de semana pasada asolagou Barcelona coa súa música.

Quen é Bruce Springsteen?
O seu nome completo é Bruce Frederick Joseph Springsteen, aínda que se lle coñece como Bruce Springsteen. Ten 73 anos e, como veredes, segue enchendo estadios en cada concerto. Recibe o alcume de The Boss, que significa o xefe, e é considerado un dos artistas máis importantes da historia do rock.

Cales son as súas orixes?
Naceu nunha vila pequena no estado de Nova Jersey (Estados Unidos). Comezou a súa carreira nos anos sesenta e fíxose famoso coa E Street Band, o grupo que o acompañaría durante case toda a súa carreira. Da súa traxectoria destacan os discos Born to Run (1975), Darkness on the Edge of Town (1978) e The River (1980) e Born in the USA (1984), dos cales a crítica dixo que eran os mellores de rock de todos os tempos.

Por que é tan importante?
Por varios motivos. Por unha banda, vendeu máis de 120 millóns de discos. Foi número un con dez deles, gañou 20 Grammys, dous Globos de Ouro e un Óscar. Sodes capaces de dicir un artista actual desta categoría?
Pero ademais é famoso polo que representa: un home do pobo comprometido que axuda aos demais, orgulloso de ser estadounidense, pero ás veces crítico.

Por que estivo en Barcelona?
O pasado venres, The Boss comezaba en Barcelona a súa xira por Europa. El é un gran amante desta cidade, polo que sempre formou parte dos seus circuítos internacionais. Levaba sete anos sen pisala, e tralo éxito de convocatoria, deu dous concertos. Un o venres e outro o domingo. Ambos foron no Estadio Olímpico Lluís Company, de Barcelona, e en ambos conseguiu esgotar as entradas: ao redor de 60.000 asistentes en cada un.

Como o viviron os fans?
Pódese dicir que a xente toleou. Cando aínda faltaban oito días para o primeiro concerto, os fans comezaron a elaborar unha lista, unha especie de fila, para organizar as quendas de entrada ao estadio. Desta forma, non tiñan que acampar. Agora ben, as persoas rexistradas tiñan que achegarse tres veces ao día para asegurar a súa presenza. Se non se presentaban a esta cita, eliminábaselles da fila. Segundo contaban os organizadores, isto é algo habitual nos concertos de Bruce Springsteen.

Foi algunha celebridade?
Así é. Foron Steven Spielberg, un dos directores de cinema máis importantes, e o expresidente dos Estados Unidos Barack Obama. Tamén foi a súa muller, Michelle Obama, quen mesmo se atreveu a cantar os coros dunha das cancións de The Boss. Tamén estivo, xa o domingo, o actor norteamericano Tom Hanks.

 

De onde xurdiu o fenómeno fan? É posible que cos Beatles

Que significa ser fan de alguén? Respondede en alto. A palabra procede do latín fanaticus, que significa ser un devoto. Así, ser fan de alguén é sentir unha especie de paixón por unha persoa ou grupo de persoas aos que, normalmente, se idolatra. Este sentimento é moi común na adolescencia porque a xente nova acostuma buscar referentes que seguir. Aínda que hai diferentes teorías, crese que o fenómeno fan, é dicir, unha comunidade que idolatra a outro, fíxose popular con The Beatles, o grupo que en 1960 se converteu no referente do pop mundial. A maioría dos fans eran mozas novas que ata se desmaiaban ao velos. Hoxe en día, un bo exemplo de fans poden ser os seguidores de Taylor Swift ou de Rosalía. Tedes outros casos? Es ti fan de alguén?

TikTok descobre a canción do verán e revive os clásicos do pasado

Para que antes unha canción fose un éxito tiña, en parte, que soar moito nas radios. Hoxe en día isto non lle fai falta, bástalle con facerse viral en TikTok. As discográficas (empresas que producen os discos e cancións) sábeno, e por iso pagan diñeiro a moitos influencers para que graven vídeos bailando os seus temas. Non só isto, senón que TikTok tamén fai que a canción sexa viral mesmo antes de que se publique. Isto pasou con Despechá, de Rosalía, que levaba miles de vídeos reproducíndoa antes de que saíse á luz. Ademais, a plataforma tamén consegue revivir os grandes clásicos. Por exemplo, Sarà perché ti amo, do grupo Ricchi e Poveri, foi un éxito dos oitenta que este 2023 volveu soar en TikTok e apareceu en millóns de vídeos. Credes que é unha boa forma de coñecer cancións?

 

ACTIVIDADE BÁSICA

A túa opinión

Un traballo esencial do xornalista é coñecer a opinión doutras persoas. Pregunta aos teus pais, tíos ou avós se coñecen a Bruce Springsteen e cal é a súa canción favorita. Despois, escóitaa. Gústache?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Artistas de sempre, pasen os anos que pasen

Ao contrario do que sucede en moitas outras profesións, onde as persoas se xubilan antes, os cantantes parecen non cumprir anos. Temos unha longa lista deles que, como Bruce Springsteen, seguen ao pé do canón tras décadas de carreira musical. En parte, e de forma xeral, isto vese propiciado pola esperanza de vida, que cada vez é maior. Os avances médicos permitiron alongar non só os anos que vivimos, senón tamén o como. É dicir, que a calidade de vida mellorou. Isto súmase ao espírito rebelde de moitos cantantes que rexeitan abandonar os escenarios e ten como resultado toda unha serie de artistas que seguen enchendo estadios pasen os anos que pasen.
Os Rolling Stones, unha das bandas máis influentes do rock de todos os tempos, seguen dando concertos e preparan un disco (con material que xa tiñan gravado) para o 2024. Aínda máis, a súa última xira pasou por España en xuño do ano pasado e os seus integrantes, Mick Jagger, de 79 anos, Ronnie Wood, de 75, e Keith Richards, de 79, deron toda unha lección ás máis de 45.000 persoas. De seguro que son maiores que algún dos vosos avós!
Sóavos Led Zeppelin? Foi outra das grandes bandas de rock. O seu vocalista, Robert Plant, rexeitou volver a xuntarse porque quería evolucionar na súa carreira en solitario. Ten 74 anos e lanzou o seu último álbum no 2021.
Elton John, de 76 anos, acumula unha carreira musical de máis de 60, vendeu máis de 300 millóns de discos e considéraselle un dos músicos máis importantes da industria en xeral. No 2021 entrou na lista dos máis escoitados con dúas colaboracións: primeiro con Dua Lipa en Cold Heart e despois con Britney Spears en Hold Me Closer. Ambos, dous dos seus clásicos.
Roger Daltrey, cantante de The Who nos setenta, segue encima dos escenarios a pesar dos seus 79 anos. É máis, a formación musical está inmersa nunha xira europea na que pasarán por Barcelona o 14 de xuño. Tamén hai que mencionar a Joaquín Sabina, un dos cantautores máis importantes do panorama español, que está en pleno tour durante este ano, que din que será de despedida.

Que artista actual podería seguir estando de moda no futuro?

A lista dos grandes eternos tamén contén mulleres (neste caso, eternas). Madonna, de 64 anos, conmemora neste 2023 as súas catro décadas de carreira. Para iso, comeza unha xira mundial no verán que chegará a Barcelona o 1 e o 2 de novembro. Nun principio, só estaba prevista unha cita na Cidade Condal, pero debido á alta demanda fíxose unha segunda convocatoria. A pesar do paso do tempo, a artista soubo reinventar a súa música e estilo, sendo fonte de inspiración para moitas xeracións de cantantes e deixando un legado indescritible para o pop. Outros exemplos son as estadounidenses Debbie Harry, de 77 anos, que se subiu o mes pasado ao escenario do coñecido festival Coachella, ou Dolly Parton, da mesma idade e unha das máximas expoñentes da música country no mundo. Seguro que a vistes, algunha vez, con Miley Cyrus cantando Jolene.
Ocórresevos que artista do presente seguirá cultivando éxitos no futuro? O certo é que hai moitos exemplos de cantantes con moitísima proxección que levan anos e anos no máis alto das listas. Coldplay é un deles. De feito, para finais de maio a banda ten programados nada menos que catro concertos en Barcelona para os cales os fans esgotaron entradas nuns minutos. É máis, non se anunciou unha quinta data por incompatibilidade de tempos, pero estímase que tamén se podería encher.

ACTIVIDADE MEDIA

As vosas recomendacións

A lista de grandes artistas continúa. Bono (da banda U2), Raphael, Bryan May (de Queen), Sting ou Axl Rose (Guns N’Roses). Por grupos, elaborade unha breve biografía, destacade a súa importancia e comprobade se teñen algún concerto este ano.

ENTENDER

Mellores xubilacións, os 80 son os novos 60

■ Debedes facer un traballo de campo. Podedes falar cos vosos avós e preguntarlles como estaban os seus avós cando tiñan a súa idade. Atopábanse mellor ou peor? Que razóns poden influír niso?

■ Hoxe en día, o habitual é que unha persoa de 65 anos viaxe, aprenda cousas novas, estea en grupos de amigos e organice mil actividades. Isto pode deberse a que coidamos mellor a nosa saúde, temos máis controis médicos e escapamos da pasividade que antes era propia dos xubilados. Hoxe fúmase e bébese menos que hai uns anos.

■ Unha das razóns finais da calidade de vida é que o nivel de formación e información é maior. Un feito que se viu na muller. Antes, a maioría delas quedaban na casa coidando dos fillos, dos pais e, despois dos netos. Agora, coa súa incorporación ao traballo e posterior xubilación, dispoñen de máis tempo para elas, mellor situación económica e teñen un círculo de amigos maior.

ACTIVIDADE AVANZADA

O edadismo na xuventude

En Europa, o edadismo tamén é frecuente contra as persoas novas. A Organización Mundial da Saúde indica que está na sociedade e nas institucións. Ocórresevos de que forma poden verse afectados os mozos?, tedes algún caso persoal?

PROFUNDAR

O edadismo, prexuízos e estereotipos que lastran aos nosos maiores, e non só a eles

■ Sabedes o que é o edadismo? Escoitastes falar sobre iso algunha vez? Trátase dun tipo de discriminación por motivos de idade a un colectivo, e engloba tanto prexuízos como estereotipos. Un exemplo diso sería pensar que unha persoa de 70 anos non entende de tecnoloxía. En España formouse un colectivo co lema «Soy mayor, no idiota» de xente farta de ser tratada como nenos de 2 anos cando lle poden dar mil voltas á persoa que lles fala.

■ Por iso, desde a Organización Mundial da Saúde creouse unha campaña para erradicar o edadismo. Elaboraron un informe con varias conclusións, entre elas que esta práctica está asociada a unha morte máis temperá, relacionada cunha peor saúde física e mental, así como con peores hábitos (mala dieta, menos exercicio). Para loitar contra iso, unha das propostas foi a dos «minijobs» (participar activamente nunha oenegué aportando os seus coñecementos). Así, unha vez que chegue a idade de xubilación, a persoa pode seguir traballando e formando parte do mercado laboral, o que lle permite estar máis activa, e tamén loitar contra a soidade non desexada, un dos problemas da sociedade hoxe.

■ É importante rachar cos estereotipos. Non existe unha forma de vestir para unha determinada idade, nin un comportamento adecuado, nin moito menos un estado de saúde que corresponda a cada década. Isto é o que defenden organismos tan importantes como o Ministerio de Sanidade. Ti que pensas?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies