L.CANCELA
Desde hai case dúas semanas, Feliciana Romero, unha muller de setenta anos, vive có medo metido no corpo. Ten que tomar calmantes de dor e pastillas para durmir. Por que razón? O ataque de catro cans, tres deles pit bulls, provocáronlle contusións da cabeza aos pés e danos nun ollo, ata o punto de que pode perder a vista. Non só ela vive atemorizada, tamén os habitantes da aldea na que vive: Barrio de Barxés, situado no concello de Muíños (Ourense).
Que pasou?
Cando Feliciana dirixíase a unha leira da aldea na que habita para recoller grelos, pasou por diante da casa duns veciños que teñen un grupo de cans. Tres deles son pit bulls, considerados razas potencialmente perigosas (PPP, polas súas siglas). Sen apenas poder darse conta, os animais abalanzáronse sobre ela, que non puido facer nada. Feliciana dixo que fora moi duro, tanto física como psicoloxicamente.
Recuperouse?
Está en camiño de facelo. Cando chegou ao centro médico despois do ataque, Feliciana presentaba un estado de gran nerviosismo, así como feridas e golpes por todo o corpo. Os cans mordéronlle no ollo, na fazula esquerda, na cadeira dereita, na perna dereita e no pé esquerdo. Ademais, ao caer ao chan, tamén tivo fortes contusións nos xeonllos.
Que é un PPP?
A lei considera que certos cans poden ser perigosos si se produce un ataque debido ás súas características anatómicas ou actitude agresiva.
Era o primeiro ataque?
Segundo os veciños do pobo, non. De feito, din que viven atemorizados. Contan que esta non é a primeira vez que sucede algo parecido, aínda que nunca ninguén quedara tan ferido. Os habitantes aseguran que xa avisaran en anteriores ocasións aos donos dos cans, advertindo de que un día ocorrería algo peor.
Levaban buzo?
Non. A lei obriga a que os cans de raza potencialmente perigosos leven buzo cando se atopen na vía pública. Con todo, este grupo non o levaba. Segundo os veciños, nunca o fan. É máis, adoitan ir soltos (algo que tampouco está permitido) ou sen atar en curto.
Podíase ter evitado?
Os veciños sinalaron que, a pesar de falar en varias ocasións cos donos dos cans, decidiron non denunciar para non crear un mal ambiente no pobo.
Como reaccionaron os donos?
Os propietarios tentaron parar aos animais, pero xa era demasiado tarde. Trala denuncia de Feliciana na Garda Civil, tiveron que prestar declaración. Alí dixeron que os habitantes da aldea sempre azuzaban aos cans, como unha forma de xustificar o ataque. En anteriores conversacións mantidas cos veciños, sinalaron que o problema aparecía cando as persoas levaban un pau, porque os cans asustábanse. E se fose un neno o que levase un pau? O problema, neste caso, non recae sobre a actuación dos veciños, senón na falta de control dos animais.
Os donos de razas perigosas deben cumprir uns requisitos
A dona dos pit bulls que atacaron a Feliciana recoñeceu que nin tiñan chip nin estaban rexistrados ante as autoridades. Ambas as cousas son obrigatorias. De feito, cando alguén adquire un can deste tipo ten que ter unha licenza e cumprir certas características, como non presentar antecedentes penais graves, ser maior de idade, aprobar un certificado psicolóxico e posuír un seguro de responsabilidade civil para que, se o animal fixese dano a alguén, esta licenza puidese pagar os custos do ataque. Pero isto non é todo. Sempre teñen que levar un buzo posto e ademais nunca poden ir soltos, como máximo poden levar unha correa de dous metros. Parécenvos xustas estas medidas xerais ou deberíase analizar a agresividade de cada can?
Países como Reino Unido ou Francia non permiten ter un pit bull
Como é lóxico, non é o mesmo un caniche que un pastor alemán, aínda que ningún considérese perigoso. Cando se investiga unha raza, tamén se estuda o comportamento dos seus donos. E isto é algo moi importante á hora de falar de pit bulls. No pasado, había persoas que compraban este tipo de cans para levalos a pelexas ilegais, o que aumentaba a súa agresividade en termos xerais. Debido ás súas características, varios países teñen prohibida a tenencia de pit bulls. A lista inclúe a Reino Unido, certas rexións de Canadá e de Estados Unidos, e Francia, entre outros. Moitos pensan que esta decisión é inxusta porque aínda que esta raza ten moita forza, tamén se consideran animais protectores, cariñosos e amigables cos nenos. Creedes que o problema está nos humanos e non nos cans?
ACTIVIDADE BÁSICA
Lista de gastos
Se un animal forma parte da familia requiere certos coidados. Imaxinade que tedes un. Elaborade unha lista de gastos anuais destinados ao voso compañeiro de catro patas. Pensade en todo.
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Can perigoso, nace ou se fai?
Os cans perigosos, nacen ou se fan? Poderíamos dicir o mesmo sobre as persoas. Alguén agresivo, nace ou se fai? Deixando ao carón as comparacións entre especies, os colectivos animalistas defenden que a etiqueta de cans potencialmente perigosos (PPP) só serviu para estigmatizar a certas razas de cans e sacrificar a moitos animais. A agresividade é unha das condutas problemáticas máis frecuentes nos nosos amigos de catro patas. Ao mesmo tempo, é a causa que máis comunmente produce o abandono do animal co sufrimento que isto lles causa.
Cales son as variables que se teñen en conta para estudar o nivel de agresividade? As cifras de ataques, os casos comunicados que achegan as clínicas de comportamento, as opinións dos expertos e os resultados de test de condutas. Con todo, para moitos profesionais este método ten desvantaxes. Por exemplo, que a maioría de ataques rexistrados corresponden ás razas grandes, porque as lesións que deixan son as máis graves. Isto non significa que sexan máis en números reais. Só que, con toda probabilidade, se un yorkshire morde a unha persoa non presentará denuncia, algo que si sucederá se lle ataca un pit bull. É máis, unha investigación concluíu que os cans pequenos presentan maiores problemas de violencia que os grandes. A razón? Nestes casos non se consideran o suficientemente perigosos como para poñerlles solución.
Sen importar o tamaño, todo parece apuntar a que o carácter do can faise. É dicir, que o problema está na educación. Un estudo publicado na revista Science concluíu que a raza só explica o 9 % do comportamento que pode presentar un can. Entón, ten sentido que unha lei estableza diferenzas baseándose en menos dun 10 %?
A boa noticia é que esta cualificación pode pasar á historia en España. O anteproxecto de Lei de protección animal e dereito dos animais elimina a descrición da razas potencialmente perigosas e aposta por unha tenencia responsable e formación por parte dos donos. Debemos recordar a natureza dos animais e entender que non ven o mundo como nós.
Axuda experta para educar a un animal e a un dono con traumas
Os cans non son xoguetes, nin animais que os humanos podamos manexar a noso antollo. As persoas somos máis que propietarios, aínda que este termo xa estea a quedar obsoleto. Debemos vernos como os seus referentes, como a súa familia, da que aprenderán condutas que trasladarán ao seu día a día. De feito, está máis que demostrado que o ambiente no que viva un can pode condicionar o seu carácter. Se este está cheo de violencia (por exemplo, se reciben malleiras todos os días), o máis probable é que o can se relacione con agresividade e medo. Se vos fixades, non son tan diferentes das persoas.
Cando alguén decide adoptar un pit bull, ou calquera raza parecida, debería pensar: teño os medios para educalo? Pode que ese animal veña con traumas de anos pasados, como malos tratos por parte de humanos. O seu carácter demandará máis esforzo e pode que sexa necesaria a axuda dun experto en comportamento canino. Pensades que paga a pena adoptalo e non darlle ferramentas para ser feliz?, creedes que as comunidades autónomas ou concellos deberían poñer ao servizo das protectoras este tipo de profesionais? Debido a etiqueta de «perigosos», razas como o pit bull adoitan ser invisibles. Isto non significa que non se deban adoptar, senón que debemos ser responsables de como ven o mundo.
ACTIVIDADE MEDIA
Os animais teñen unha historia
Moitas protectoras ofrecen nas súas web unha breve descrición dos cans e gatos que están en adopción. Escollede un, contade a súa historia e tratade de «convencer» aos compañeiros que o adopten (non na realidade). Hai que ser convincentes.
ENTENDER
Respectar ás persoas que non lle gustan os cans
■ En España, a lexislación obriga a que calquera can vaia atado con correa. Si, isto implica que nin sequera nos parques poden campar ás súas anchas. Só pódese soltar en espazos habilitados como tal. É máis, se non o fas, pódenche multar. Credes que é correcta esta norma? E se cumpre?
■ Calcúlase que no noso país hai uns 29 millóns de mascotas, das cales, os cans forman o grupo maioritario, con máis de 9 millóns. A pesar de que hoxe en día é moi común coñecer a xente que conviva con animais, debemos ser responsables e entender que hai persoas ás que non lles gustan.
■ Aqueles que lles teñen medo non poden perder o dereito de pasear tranquilamente pola rúa sen que un peludo de catro patas crúceselles. Debemos entender todos os puntos de vista. Iso si, sempre e cando expresen a súa opinión con respecto. Por exemplo, pensa no animal que máis odies ou lle teñas medo, gustaríache telo preto?
ACTIVIDADE AVANZADA
Non son da nosa propiedade
Un campo de estudo que está collendo relevancia é a ética aplicada aos animais. Debatide en clase as seguintes cuestións: Os humanos crémonos unha especie mellor? é xusto que os tratemos coma se fosen da nosa propiedade? o son realmente?
PROFUNDAR
Moitas das razas que vemos pola rúa son produto de experimentos humanos no laboratorio
■ Os cans e os lobos salvaxes actuais teñen antepasados comúns. Pénsase que a súa domesticación empezou fai uns 15.000 anos e o obxectivo principal era conseguir animais menos agresivos, educados nos labores de caza, pastoreo ou protección. Por desgraza, a enorme variedade actual de razas caninas é produto da acción humana, algo que ocorreu hai uns 200 anos.
■ Por aquel entón, empezaron a primar outras variables, como os canons estéticos, o que conduciu a crear razas de cans coas patiñas moi curtas, como os corgis, ou con malformacións como o nariz achatado, propia dos bulldogs ingleses.
■ Hoxe sábese que froito da intervención humana, hai certas razas de cans que teñen unha maior probabilidade de desenvolver enfermidades de base xenética. Un exemplo diso é a distrofia muscular, unha especie de parálise nas patas traseiras que afectan, con bastante frecuencia aos golden retriever e aos labradores. É xusto seguir fomentando a cría destes animais cando se sabe que o problema pode persistir?
■ A morte dun ser querido é unha das peores experiencias. Por iso, cando un can (ou un gato, por exemplo) falece, tamén é necesario pasar por un duelo. Para nós, son case persoas. Poñémoslles un nome, unha personalidade e uns gustos, ademais, de compartir con eles centos de experiencias. É igual de lexítimo chorar por unha mascota que por unha persoa?