BIBIANA G. VISOS 
Vivimos rodeados de microbios que poden facernos enfermar, como por exemplo, algúns tipos de virus e de bacterias. Por sorte, fronte a estes patóxenos o noso organismo conta cun bo mecanismo de defensa, o sistema inmunitario. A misión deste sistema é combater calquera invasión microscópica externa librándonos así de padecer enfermidades. Aínda que este sistema non dispón dunha base de datos na que aparezan rexistrados todos os nosos posibles inimigos, si posúe unha poderosa ferramenta que lle permite analizar os novos atacantes para despois deseñar e fabricar moléculas específicas que os combaten.

Mentres as enfermidades bacterianas poden tratarse con antibióticos, as víricas non. Fronte a elas está só o noso sistema inmunitario, que debe ser quen de impoñerse e de conseguir vencelas. Aínda así, as vacinas son unha pequena axuda que lle damos ao noso corpo para que o logre.

A idea é bastante sinxela: proporcionamos ao sistema inmunitario virus inactivos ou algunhas das súas partes debilitadas, para que con anticipación vaia xerando moléculas específicas de ataque. É unha forma de adestramento pola que o organismo queda preparado para facer fronte a unha posible infección. E isto ademais o que permite é que a súa resposta sexa máis rápida e eficaz. Porque cando chegue o virus con plenas facultades, o noso corpo terá xa preparada a artillería pesada para poder facerlle fronte. As vacinas inmunízannos así contras as enfermidades.

Trema aquí para ver o vídeo

Defender a toda a poboación
Ademais de protexernos de forma individual, a vacinación xeneralizada consigue defender a toda a poboación. Se unha porcentaxe suficiente de xente está vacinada, o virus non poderá propagarse aínda que algúns dos cidadáns acabemos enfermos.

Grazas ás vacinas, entre todos construímos un muro de contención invisible que o virus non pode atravesar. É o que chamamos inmunidade de grupo ou de rabaño.

Deste fenómeno benefícianse ademais persoas que polo seu débil estado de saúde non poden vacinarse. A conclusión de todo isto é moi sinxela de entender: vacinarse non só é importante para un mesmo, senón que tamén permite protexer aos os demais.

Enfermidades erradicadas
Grazas a un esforzo internacional para lograr unha inmunidade de grupo a nivel mundial conseguiuse erradicar a varíola en 1980, quedando o noso planeta libre do Variola virus, despois de que matara a máis de 300 millóns de persoas.
Calcúlase que a próxima enfermidade en desaparecer da face da Terra podería ser a poliomielite, una sorte de parálise infantil. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), cada ano vacínanse arredor do 85 % dos menores de todo o mundo. E para que te deas conta da importancia das vacinas, este simple xesto consegue evitar entre dous e tres millóns de mortes anuais.
Se esa cobertura internacional crecese ata o 90 %, podería evitarse outro millón e medio de falecementos máis, especialmente entre nenos. Manter as enfermidades a raia é unha responsabilidade compartida, un proxecto común no que todas as persoas podemos axudar.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies