Esta semana oiriades falar moito das pensións. Hai unha razón. O Goberno quere introducir algunhas reformas e para iso quere contar co visto e prace de todos os implicados desde un punto de vista político. A semana pasada reuniuse coa patronal e cos sindicatos (os representantes dos empresarios e dos traballadores, respectivamente) para chegar a un acordo. Imos analizar esta situación.
Que son as pensións?
Hai moitos tipos, pero neste caso imos falar das pensións de xubilación. Son un tipo de prestación, un salario, que o Estado, a través da Seguridade Social, paga a unha persoa que traballou durante a vida. É un soldo que se gaña por estar xubilado.
Que é a Seguridade Social?
É un sistema de protección que ten o Estado para asegurar que todas as persoas vivan dignamente. Imos imaxinala como un peto co que todos colaboramos na medida das nosas posibilidades e usa quen a necesita.
De onde sae o diñeiro das pensións?
O soldo que se paga a cada xubilado ten dúas fontes principais de financiamento. En primeiro lugar, procede das cotizacións que fan os traballadores e as empresas á Seguridade Social. É dicir, unha parte do salario dos teus pais retírase antes de que o diñeiro chegue ao banco —de feito, ingréano as empresas, xa non teñen que facelo os traballadores— e se destina ao peto da Seguridade Social, do que falamos antes. As pensións tamén se pagan cos impostos de todos os cidadáns: xa sabes que en función dos ingresos dunha persoa, esta dá unha parte ao Estado.
Por que se di que é solidario?
Porque os traballadores en activo teñen que dar o diñeiro pero non reciben nada. O bo é que no futuro serán eles quen teñan unha pensión e outros quen lla paguen. É como un ciclo.
Todas as persoas maiores teñen acceso a unha pensión?
Si, aínda que non e igual para todas. A día de hoxe unha persoa de 66 anos e medio que traballara polo menos 15 anos ten dereito a unha pensión de xubilación. Para quen non teña eses anos traballados, o Estado dispón doutra pensión (chamada non contributiva, porque quen a recibe non contribuíu a ela) máis pequena.
De que depende o diñeiro da pensión?
Non todas as persoas teñen a mesma pensión. Existe unha base a partir da cal crecen. A xente que tivo salarios moi altos na súa vida terá unha pensión máis alta, porque cotizou máis á Seguridade Social.
Cales son as novas propostas?
O primeiro cambio é o período de cómputo para a pensión. É dicir, os anos de traballo que conten para saber canto se cobrará. Ata agora eran os últimos 25 anos, porque se entendía que se cobra máis que ao comezar a traballar. A reforma engade que tamén se poidan ter en conta 29 anos, pero excluíndo aqueles nos que a persoa menos cobrara. Tamén se propón unha subida das pensións mínimas e hai melloras para as mulleres.
Melloras para as mulleres que tiveron que deixar o traballo
Como vimos antes, a reforma das pensións quere introducir melloras para as mulleres. Isto ten unha razón. As súas carreiras laborais adoitan ter máis interrupcións porque dedican parte do seu tempo ao coidado dos fillos ou das persoas maiores da familia. Isto tradúcese en que haxa lagoas na súa cotización. É dicir, anos nos que ou ben non traballaban e polo tanto non achegaron diñeiro á Seguridade Social ou ben que traballaban menos horas (media xornada) e cotizaron unha menor cantidade. O Goberno considera que esta situación é inxusta, porque moitas estiveron obrigadas a deixar o seu traballo para coidar a familia. Non é unha decisión totalmente libre, senón condicionada. Hoxe os homes empezan a asumir estas tarefas.
Manifestacións multitudinarias en Francia en contra de retrasar a idade de xubilación
Francia tamén quere modificar as pensións dos seus xubilados. Con todo, os cidadáns non están de acordo. Levan un mes e medio con manifestacións e folgas nas que participaron millóns de persoas por todo o país. As últimas foron a semana pasada. O Goberno de Emmanuel Macron pretende retrasar a idade de xubilación dos 62 aos 64 anos, porque cada vez hai máis persoas xubiladas e menos novas traballando. É dicir, cada vez é máis difícil soster as pensións coas cotizacións.
Fíxate que en España a xubilación vai ata os 67 anos, pero o de Francia ten truco: para xubilarse aos 64 teñen que ter traballado 43 anos: hai que empezar aos 21 e non parar! En España unha persoa que estuda unha carreira non pode traballar antes dos 22 anos. E iso sen mestrado e con moita sorte.
ACTIVIDADE BÁSICA
A nosa pensión
Imaxina que a túa familia che dá cinco euros de paga á semana. Un día che din que se queres seguir recibíndoa dentro de cinco anos, debes empezar a darlles 0,5 euros cada semana. Estarías disposto?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Varias xeracións no traballo
O caso de Francia, que está de actualidade, permítenos facer dúas lecturas do actual sistema de pensións. A primeira é se podería afectar ou non aos mozos o retraso da idade para xubilarse: ao non deixar a xente de traballar non habería postos libres. En principio, pode parecer que si. De feito, hai persoas que pensan que alongar o momento de retirarse prexudica ás novas incorporacións. Outras teorías defenden o contrario. Sosteñen que a convivencia dos traballadores séniores cos novos podería mellorar o que se coñece como recambio xeracional, no que uns e outros se ven beneficiados por un intercambio de experiencia e coñecementos.
Aínda máis, varios estudos comprobaron que cando crece a taxa de emprego dos traballadores de maior idade, a dos mozos aumenta en paralelo. Imaxinade que entrades a formar parte dun xornal: que vos poderían achegar os empregados con máis antigüidade?, e vós a eles?
O futuro das pensións
A segunda lectura do caso de Francia permítenos entender o porqué da súa intención. Que se esconde detrás de querer retrasar a idade de xubilación? O Goberno galo teno claro: equilibrar o sistema. A esperanza de vida aumentou moito, o que fai que as pensións duren máis tempo, e o número de persoas retiradas aumenta. Custa moito diñeiro manter tanta xente durante tantos anos. Así o mostran os datos. Na década dos setenta, en Francia cotizaban tres traballadores en activo por cada xubilado, no 2000 eran dous e agora son 1,7. Estímase que contra o 2040 sexan 1,5. Con todo, o país de Macron non é o primeiro en contemplar esta solución.
No 2013, España determinou que para o 2027 pasaría de estar nos 65 aos 67. Este aumento sería paulatino. Vémolo cun exemplo. Este ano existen dúas opcións: se a persoa cotizou máis de 37 anos e seis meses, pode xubilarse aos 65; en cambio, se cotizou menos, terá que esperar ata os 66 anos e catro meses (dous meses máis que no ano 2022). Estades de acordo con esta decisión? Considerades xusto que a xente traballe máis tempo?
Estender a vida laboral, unha opción que non contemplan os españois
O envellecemento da poboación e o aumento da esperanza de vida fai que moitos países europeos teñan posto o horizonte no aumento da idade de xubilación. De feito, xa se rexistran grandes diferenzas en todo o relativo á idade e ao sexo. Como sabemos, en España a idade actual sitúase nos 66 anos e catro meses, pero seguirá retrasándose ata chegar aos 67 no 2027. É un dos territorios que estipulan unha maior idade na Unión Europea. Con todo, lonxe queda dos italianos, daneses e gregos, cuxo límite xa se atopa nos 67; de Bulgaria, con 66 anos e oito meses; e dos 66 anos e sete meses de Portugal e Holanda. E, aínda que a súa idade de xubilación xa sexa elevada, todos salvo Bulgaria pensan en seguir retrasándoa nos vindeiros anos en función de como evolucione a poboación.
De igual forma, é curioso ver como os cidadáns dos distintos lugares afrontan a situación unha vez que chega. España é o penúltimo país europeo con menos traballadores que superen os 65. En concreto, no 2019 había un 2,4 % do total. En cambio, a cifra crece en Estonia, onde as persoas cun emprego que teñen máis de 65 anos supoñen un 14,2 % do total. A razón? Os beneficios que o Goberno ofrece á súa poboación co obxectivo de que aumenten o tempo de cotización. De que dependería que ti alongases o tempo que estás a traballar?, coñeces a alguén nesta situación?
ACTIVIDADE MEDIA
O resto das prestacións
A pensión de xubilación é unha prestación máis que busca a igualdade de dereitos. Que outros exemplos de axudas deste tipo se vos ocorren?, que garante cada unha delas?, que persoas poden optar a elas?, de que forma se promove a igualdade?
ENTENDER
As pensións poden durar para sempre?
■ A grandes trazos, as pensións en España réxense polo principio contributivo: quen máis dea máis recibirá. Con todo, este non é ilimitado. O tope márcase na pensión máxima que se aprobe cada ano. Hoxe é de 3.000 euros ao mes.
■ No outro lado da balanza, asegúrase unha contía mínima a todos os pensionistas, que é de 743 euros ao mes. Neste punto entra a solidariedade. A Seguridade Social actual foi o resultado de unir todos os seguros sociais que había antigamente. A súa creación baseouse na repartición xusta. Que opinas de dar unha porcentaxe do teu soldo?, preferirías cobralo íntegro pero non ter pensión?
■ Moitos critican o sistema. Pensan que non será sostible a longo prazo debido aos problemas actuais. Apoian a idea dun plan de pensións privado, no que o traballador destina unha cantidade voluntaria. Estades de acordo ou pensades que os poderes públicos deben garantilas?
ACTIVIDADE AVANZADA
Salario bruto ou neto
Se un día acodes a unha entrevista de traballo e che din que o salario é de 1.270 euros brutos, que significa?, en que se diferencia do neto?, sobre cal se aplican as retencións para a Seguridade Social ou a do IRPF? A diferenza é moi importante.
PROFUNDAR
As profesións con data de caducidade máis temperá: artista, bombeiro ou mineiro do carbón
■ Non todo o mundo ten a obriga de esperar ata a idade de xubilación para retirarse. Hai profesións que permiten adiantala sen que penalizala economicamente porque os traballadores están expostos a perigos ou a danos físicos, tóxicos ou insalubres. Vexamos algúns exemplos.
■ Os toureiros poden abandonar a súa actividade aos 55 anos, e os mineiros do carbón, aos 52. Tamén poden anticipala os bombeiros ao servizo das Administracións e organismos públicos, os policías locais ou os artistas, entre outros. Que outras profesións credes que se deberían engadir?
■ Un caso bastante curioso é o dos «gamers». Hai casos nos que se retiran antes dos 25, unha decisión que parte do persoal pero se basea na deterioración física e mental. Ao pasar tantas horas sentados mirando a unha pantalla na mesma posición, pódense lesionar os ombreiros, as bonecas, as costas ou os polgares. Cando a dor se fai crónica pode levalos a abandonar. Coñecedes algún caso?
■ Tamén poden ver minguados os seus reflexos, algo necesario no xogo, ou notar un alto desgaste mental. Isto non é a súa fin no mercado laboral, senón que son capaces de reorientar as súas carreiras cara a outros sectores. A mesma situación ocorre nos deportes, onde os futbolistas ou os xogadores de baloncesto abandonan a súa actividade entre os 30 e os 40 anos. Existen diferenzas segundo a disciplina?