JESÚS GARRIDO
Baixo o tema «Ideas compartidas para un mundo mellor» para este ano 2023, hoxe, 15 de marzo, celebramos o Día Mundial do Discurso. O cambio climático, a pobreza, as guerras, a crise enerxética… Parece que estamos arrodeados de problemas e retos insuperables. Pero, se cremos na humanidade e no ben común, tamén hai que recoñecer que dispomos das ferramentas para enfrontar eses desafíos. Podedes ampliar información sobre a importancia do discurso na web Diainternacionalde.com.
Unha definición
Que é un discurso? Podémolo definir como unha exposición oral sobre un asunto determinado, pronunciada ante un público a fin de convencelo ou conmovelo, en especial nun acto solemne ou político.
Segundo a Real Academia Española é unha «serie de las palabras y frases empleadas para manifestar lo que se piensa o se siente», ademais dun «razonamiento o exposición de cierta amplitud sobre algún tema que se lee o pronuncia en público».
As formas
Que forma de discurso eliximos? Dependendo do propósito e da perspectiva que adoptamos, pódese intervir (discursar) nunha conversación de diferentes xeitos fundamentais, como por exemplo:
1 | Describimos? Comunicamos datos característicos dunha realidade para que o oínte a perciba utilizando especialmente a súa imaxinación. A descrición adoita definirse como pintura con palabras.
2 | Dialogamos? Tratamos de comunicar o que queremos que outra persoa ou grupo entenda e imos axustando a linguaxe e verificando ata que punto o conseguimos.
3 | Argumentamos? Defendemos unha idea ou unha opinión, para o cal recompilamos e expomos probas que poidan convencer o oínte ou, en todo caso, deixando clara a nosa actitude ante un tema ou acontecemento concreto.
4 | Respondemos? Unha das características do discurso é admitir a presentación doutras opinións respondendo as preguntas, protestas ou encomios dos que nos escoitan. Sabemos facelo e mesmo modificar en certo grao a nosa opinión?