Propomos o desenvolvemento de dúas actividades aproveitando en cada unha delas os textos das noticias recollidas. Por suposto, ao haber moita información deste tipo, é fácil buscar outras noticias máis recentes, aplicar este modelo a outros campos e temas ou ampliar o exercicio con outros textos que poidan servir de reforzo, así como improvisar outros textos refundidos a partir doutras noticias. A información sobre a fórmula 1 é moi abundante e a probabilidade de atopar exemplos do que estamos explicando nesta unidade, moi alta.

4.1. Actividade de presentación do modelo (texto 1)

Desenvolvemos a primeira actividade no gran grupo da clase valéndonos da primeira noticia recollida neste e-studio (Hamilton triúnfa no caos). Repártese copia a cada alumno, para que poidan ir facendo anotacións nela. O profesor irá guiando a actividade dos alumnos a base de preguntas.

PREPARACIÓN

-Comeza a actividade recordando os conceptos de préstamo e anglicismo, se fai falta pondo algún exemplo.

A continuación, o profesor (ou un alumno) le en voz alta a noticia e, ao mesmo tempo, pídese que cada un subliñe, sen moita reflexión, as palabras que lle parezan anglicismos.

-Ponse en común os achados. (Un alumno pode ir copiando no encerado os anglicismos e, noutra columna, as propostas rexeitadas, se se ve que isto serve para axudar a distinguir).

-Nesta fase da actividade non se darán explicacións nin se discutirá acerca de se unha determinada palabra é ou non é anglicismo ou se é outro tipo de préstamo. En principio, o profesor limitarase a sinalar os que el mesmo atopou e a rexeitar as suxestións dos alumnos que non constitúan respostas adecuadas.

-En concreto, para esta noticia pódense sinalar: stin, pit lane, lobby, boxes.

-Tamén se poden incluír outros préstamos, na medida en que axuden a comprender como funciona o mecanismo do cambio semántico. Así, no texto poderían recollerse: piloto, chofer, repostaxe, escuadra.

INVESTIGACIÓN

-Pídese despois que durante uns minutos propoñan, para cada anglicismo apuntado no encerado: a) unha adaptación fonética ou morfolóxica ao galego; b) unha expresión galega que signifique o mesmo.

-Novamente ponse en común o traballo do grupo, debuxando tres columnas no encerado. Loxicamente, aínda que aquí propoñamos un resultado, os alumnos poderían proporcionar varias traducións e adaptacións plausibles. As solucións que propomos (anglicismo, adaptación, alternativa patrimonial) son: stin* (estín, quenda), pit lane (pitléin, rúa de talleres), lobby (lobi, grupo de presión), box (boxe, taller). É obvio que algunhas destas respostas poden requirir a axuda do profesor, pero se saben inglés, coa axuda dun dicionario poderían chegar a solucións parecidas.

*Nota: en realidade debería escribirse *stint.

REFLEXIÓN

-Para rematar, pídese aos alumnos que elixan, en cada caso, entre o anglicismo puro e duro, a adaptación proposta e a solución patrimonial. Pero para que non se deixen levar dos seus gustos, o cal non sería demasiado rigoroso, proporémoslles que en cada caso valoren que o termo elixido:

  • a) sexa breve (por exemplo, rúa de talleres é demasiado incómodo);
  • b) sexa exacto (por exemplo, box é máis exacto que taller);
  • c) sexa fácil de adaptar (por exemplo, lobi sería moi recomendable adoptala coa forma proposta, non coa inglesa);
  • d) non teña equivalente exacto en galego (por exemplo, stint non achega nada fronte a quenda).

-Despois do exercicio, os alumnos deberían ser capaces de mostrarse máis críticos á hora de seleccionar un anglicismo cando dispoñan dunha alternativa na súa lingua igual de eficaz, porque o exercicio deterase máis tempo na consideración destes criterios.

AMPLIACIÓN

-Se o profesor quere facer extensivo o tema a outros préstamos, no texto da noticia descubrimos: piloto, chofer, repostaxe e escuadra (a primeira e a última de orixe italiana e as outras dúas, do francés -en repostaxe, o sufixo -axe-). Son palabras (e sufixo) ben asentados na nosa lingua, pero dúas delas recibiron xa un clarísimo axuste fonético, a que procede de chauffeur e a que orixinou scuderia). Para ambas existía unha alternativa razoable en galego: condutor e equipo, respectivamente. Por que se impuxeron os estranxeirismos é algo xa difícil de explicar.

4.2. Actividades de aplicación (texto 2)

Para que os alumnos leven a cabo esta actividade, coa que se pretende que exerciten o aprendido coa primeira, podemos recorrer a outras noticias similares que atoparemos facilmente en Internet, desde a hemeroteca virtual de La Voz. Tamén, para non obrigar a empregar moito tempo na lectura, senón no exercicio, pódense recortar parágrafos concretos que conteñan casos das palabras buscadas. É o que fixemos neste texto, no que conservamos parágrafos enteiros que non teñen relación -salvo polo tema- entre si.

Ademais, aquí imos propor un concurso para dinamizar o traballo.

PREPARACIÓN

-En primeiro lugar organizamos aos alumnos por equipos, cun mínimo de tres compoñentes por grupo.

-Cada grupo debe contar cun dicionario de inglés-galego e cun dicionario da lingua, que preferiblemente facilite información sobre a etimoloxía das palabras.

-Cada grupo constrúe unha táboa con tres columnas, que titulará arriba «Anglicismo», «Tradución» e «Alternativa», antes de recibir unha folla co texto base do traballo.

-Inmediatamente, os equipos ponse a traballar contrarreloxo.

INVESTIGACIÓN

-Por cada anglicismo que crean atopar, e que irán escribindo na primeira columna, deben facilitar unha tradución (segunda columna) e unha alternativa que permita evitar o anglicismo. Na tradución valorarase que escollan a acepción adecuada.

-Cando algún equipo crea terminar, o profesor comprobará que atoparon todos os anglicismos que hai no texto. Se é así, mandará terminar a todos os demais grupos. En caso contrario, permitiralles continuar.

POSTA EN COMÚN

-Cando se deteña o xogo, comezará o reconto de puntos. No encerado, o equipo gañador irá escribindo unha por unha (e en orde de aparición) as súas solucións. Darase un punto por cada caso atopado, dous por cada tradución acertada e dous por cada alternativa aceptable. Se algún equipo menciona como anglicismo unha palabra que non o é, descontaráselle un punto.

-Como variante do xogo pódese aceptar que inclúan outros tecnicismos procedentes doutras linguas (do tipo «piloto», do italiano, ou «chasis», do francés).

-No texto proposto descubrimos os seguintes casos de anglicismos (engadimos á beira de cada un a súa tradución e unha alternativa): pole (pértega, primeira posición de saída), pit stop (parada no foso, parada en taller), safety car (coche de seguridade, ídem), pit lanes (camiños de foso, vía de servizo ou de talleres), Q3 (abreviatura de «qualifying three»: clasificando 3, terceira volta de clasificación), box (caixa, taller ou minitaller), boxes (xa vista), paddock (prado, centro de control), cockpit (foso do galo, habitáculo ou cabina), HANS (sigla de «Head And Neck Support»: soporte para a cabeza e o pescozo, arnés).

VALORACIÓN

-Unha vez terminada esta fase do exercicio, con todos os anglicismos xa localizados, procédese a valorar se é mellor aceptar o préstamo ou se, pola contra, sería preferible algunha das alternativas propostas, aplicando os criterios xa empregados na primeira actividade: brevidade, exactitude, facilidade de adaptación e que non exista equivalente en galego.

4.3. Actividades actitudinais

Entre os contidos actitudinais da unidade, sinalábase [puntos 3.4 a) e 3.4 b)] que os alumnos empregasen os anglicismos con sentido crítico e que visen no coidado por evitalos cando son innecesarios un medio eficaz para manter a unidade do idioma. Así que, para terminar a unidade, propomos unhas preguntas relacionadas coas actitudes ás que os alumnos responderán puntuando de 1 (pouco ou nada) a 3 (moito).

  • a) Receptividade: ¿Interésache ou paréceche importante o tema?
  • b) Resposta: ¿Realizaches a segunda actividade con interese por atopar a mellor resposta?
  • c) Valoración: ¿Proposte, en diante, buscar unha alternativa aos anglicismos que che sinalen?
  • d) Organización: ¿Estarás atento a descubrir os estranxeirismos, para evitalos cando non sexan necesarios?
  • e) Caracterización: ¿Proposte alertar (cartas ao director, por exemplo) aos medios de que se están coando estranxeirismos cando os detectes?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies