3.0. Preparación

Sen dúbida, un dos filólogos que recentemente máis contribuíu a destapar os estranxeirismos que se coaban innecesariamente na lingua española, sobre todo a través do deporte, foi o xa falecido director da Real Academia Española Fernando Lázaro Carreter, moi coñecido ademais polos seus libros de texto para o ensino da educación secundaria, que marcaron unha época. Creo que poucos estudosos da lingua ignorarán as súas contribucións (relativas ao castelán, pero aproveitables para o galego) xornalísticas recollidas despois en dous coñecidos volumes: El dardo en la palabra e El nuevo dardo en la palabra. Non podemos, pois, deixar de recomendar ao profesor a lectura dalgúns destes artigos como preparación da unidade didáctica. Atrévome a propor, a quen non teña ganas de deterse demasiado e prefira ir a tiro fixo, a lectura do titulado «La maratón», do capítulo de 1985 do primeiro Dardo.

3.1. Coñecementos (e actitudes) previos

Se o tema está xa afastado, repaso sobre todo os conceptos de préstamo e de neoloxismo e os tipos de préstamos que recibiu o galego: anglicismo, galicismo, xermanismo, latinismo (cultismo), helenismo, etcétera, comprobando que os alumnos son capaces de identificar a lingua de orixe de cada termo.

Os alumnos tamén deben ter nocións das outras formas de incorporar terminoloxía á lingua (derivación, composición, acronimia, acurtamento, sigla…).

Coñecer os procesos de cambio semántico tamén será útil.

3.2. Conceptos

a) Neoloxismo

b) Estranxeirismos: anglicismo, galicismo, xermanismo, italianismo…

c) Adaptación fonética e ortográfica.

3.3. Procedementos

a) Lectura dun texto para descubrir nel os posibles estranxeirismos que contén.

b) Investigación de alternativas.

3.4. Actitudes

a) Avaliación de se se trata dun estranxeirismo dado:

  • 1) ten alternativa na lingua receptora ou non o ten;
  • 2) se é máis exacto, breve ou expresivo que a alternativa;
  • 3) se só achega a quen o usa unha falsa aparencia de exclusividade.

b) Emprego reflexivo da lingua e que os alumnos sexan conscientes de cándo usan estranxeirismos e por que os prefiren ás alternativas patrimoniais. Se son absolutamente necesarios cando non hai outras opcións ou se son recomendables cando achegan exactitude, tamén deben comprender como aos poucos se van facendo ao espírito da lingua receptora.

c) Tamén se pretende que valoren a importancia de preservar a unidade do idioma, contra a que iría a aceptación acrítica de todos os estranxeirismos que pugnan por entrar a través de todo tipo de actividades que necesitan facer uso dun vocabulario específico para o seu desenvolvemento.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies