0. INTRODUCIÓN
O campión asturiano do elitista deporte da fórmula 1, Fernando Alonso, logrou crear afección. Hoxe, os grandes premios de fórmula 1 alcanzan cotas de pantalla que poderiamos considerar populares, sobre todo na parte final da tempada 2007, na que o título de Campión do Mundo decidiuse na última carreira e, sorprendentemente, foi parar ao terceiro clasificado.
Con ela tamén trouxo a popularización da inevitable xerga que acompaña a este que se deu en chamar gran circo da fórmula 1. Unha xerga que, como cabe esperar, está callada de tecnicismos e neoloxismos, moitos deles traídos pola vía do préstamo de léxico. Se co inicio da era do automóbil o galego incorporou numerosos galicismos (chofer, chasis…) hoxe en día son os anglicismos os que proliferan.
O lingüista cativado por este mundo non pode evitar reparar en como a linguaxe se vai moldeando para servir aos propósitos desta actividade, pero… ¿é sempre necesario ou sequera conveniente adoptar estes estranxeirismos, tendo alternativas na nosa lingua, algunhas ás veces ata máis exactas que o termo importado?
Con esta unidade pretendemos non só aclarar -ou reforzar, se xa se explicaron- algúns conceptos, senón tamén espertar a conciencia dos alumnos para que se mostren críticos á hora de decidirse polo emprego dun estranxeirismo ou unha voz patrimonial. Non se trata da defensa sen concesións da ortodoxia do idioma, imbuída por un temor irracional a que se deteriore e perda pureza ou eficacia como medio de comunicación; tampouco de aceptar sen máis calquera novidade, quizais atacados dun mal conselleiro snobismo; senón que se trata de facer en cada caso a mellor elección, tras facer unha valoración guiada por criterios ben asumidos, entre o préstamo e a voz patrimonial
1. NOTICIA
Poderiamos elixir outras moitas noticias sobre as distintas carreiras de fórmula 1 da tempada. Aquí traemos unha elixida un tanto ao azar, pero que contén algunha das palabras que queremos traballar na aula. O texto da noticia serviranos para mostrar na clase aos alumnos cómo queremos analizala, e farémolo traballando en gran grupo, dando unha lección, aínda que con interacción constante dos alumnos.
Por outra banda, propomos un segundo texto (véxase o apartado 4.2. Actividades de aplicación) para que os alumnos poñan en práctica o ensinado e realicen a aprendizaxe por descubrimento, primeiro en pequenos grupos, despois coa posta en común nunha sesión de gran grupo. Para este segundo texto escollemos parágrafos de varias noticias e unímolos para propor a base da análise. Non ten coherencia, porque é un mero collage de frases sen conexión no que unicamente pretendiamos unir o maior número posible de anglicismos co suficiente contexto para facelos comprensibles.
Texto 1: noticia modelo de traballo
O inglés estreouse como gañador nunha carreira protagonizada polos accidentes que desprazaron a Alonso ao sétimo posto
Toni Silva | Redacción
AFP
Hamilton só tardou seis carreiras en pisar o máis alto do podio da fórmula 1. Nunca esquecerá a xornada na que fixo soar o himno británico nun territorio, Quebec, de querenza francesa. O piloto sorteou no seu camiño mil accidentes, dez abandonos, quilos de fibra de carbono sobre o asfalto e unha tarde estresante para o chofer do coche de seguridade, que liderou a carreira case durante tantas voltas como o inglés. Foi a carreira máis caótica e estraña do último lustro, basta ver quen foron os seus acompañantes no podio: Heidfeld e Wurz.
A sorte que se envorcou sobre Hamilton torceulle a cara a Alonso, que sufriu problemas cos pneumáticos no primeiro stin e quedou sen combustible cando o pit lane estaba pechado, co que recibiu a consecuente sanción. O Mundial está máis complicado que antes, pero o español prepárase para recibir a acometida do lobby anglosaxón, ese que reclama que sexa Alonso o escudeiro de Hamilton.
Penalización para Alonso
Pero un escudeiro non mostra a ousadía que exhibiu o asturiano na primeira curva, na que, igual que en Montmeló, pagou a súa ousadía cunha saída de pista á que regresou en terceiro lugar, por detrás de Heidfeld. O inglés puxo asfalto polo medio e en quince voltas xa se distanciaba quince segundos de Fernando. A degradación dos pneumáticos permitiu que Massa superase ao asturiano. Despois foi a quenda da mala fortuna coa repostaxe. Un accidente de Sutil provocou a entrada do coche de seguridade, segundos despois de que Hamilton realizase a repostaxe. Alonso, sen unha pinga de gasolina, tivo que entrar en boxes cando a organización da carreira prohibiuno, sendo así a primeira vítima dunha norma que, desde o principio de tempada, levantou as queixas dos pilotos (non poder encher ata que todos os coches están colocados en pista detrás do coche de seguridade). Así, o prezo por continuar en carreira foi un paso extra obrigado polo pit lane con parada de dez segundos.
Accidente espectacular
A este incidente seguiu o episodio máis grave da carreira, o accidente brutal de Kubica que encolleu o corazón de todos os espectadores. O seu BMW desintegrouse ao chocar contra o muro anterior á forcada do circuíto, e as estratexias de carreira reducíronse a comprobar o estado físico do polaco. Minutos máis tarde confirmouse que estaba fóra de perigo. Tras a penalización, Alonso incorporouse á pista no posto catorce, pero cuestións extraordinarias permitiron que o ovetense remontase dous postos por cada adiantamento. Foi o caso da descualificación de Felipe Massa e Giancarlo Fisichella, que viron a bandeira negra por ignorar un semáforo vermello no pit lane, un escenario que onte cobrou máis protagonismo que o propio circuíto Gilles Villeneuve.
Mentres Hamilton descansaba mentalmente durante as últimas voltas por detrás doutro coche de seguridade, o seu compañeiro de escuadra batíase con Kimi Raikkonen para rabuñar puntos, o que o levou a varias saídas de pista. Adiantou ao finlandés nos boxes pero, un novo problema coas gomas obrigoulle a dilapidar o que recollera nas últimas voltas. Ata Takuma Sato atreveuse e conseguiu adiantar ao bicampión mundial, que finalmente tivo que defender a súa sétima praza de Ralf Schumacher.
McLaren ten unha bomba de reloxería. Alonso non se afai a perder e, desde onte, Hamilton xa sabe o que é gañar.
Texto 2: de aplicación
Parágrafos refundidos
«Quédannos circuítos agora nos que a pole quizá non sexa tan importante. En Brasil ir moi longo tamén axuda; en Spa (Bélxica), tamén; en Monza (Italia)… son circuítos máis de estratexia que de coller a posición na pista, como poden ser Magny Cours (Francia), Silverstone (Gran Bretaña) ou Hungría, nos que saír adiante é moi importante», analizou.
/…/
«Cando saín do pit stop dixéronme que tiña seis segundos de marxe, polo que tiven que tirar a lume de biqueira na volta de quecemento e os pneumáticos quizá non estean tan novos como cando tes que empezar a crono de verdade», proseguiu.
/…/
«Pero a carreira é moi longa. Michael (Schumacher) o ano pasado parecía que ía arrasar aquí; fixo uns tempos incribles e creo que Massa adiantouno na saída. Saíu o safety car, tivo que parar detrás del». «Eu coeime e logo non me puido adiantar nas últimas voltas».
/…/
Alonso negou que houbese dous grupos de traballo dentro do equipo. «Non é así habitualmente. Hoxe si, porque aquí, en Malaisia e en todos os circuítos novos con pit lanes grandes temos dous sitios para parar, un para cada coche», comentou.
/…/
Na cualificación de Hungría todos puxeron as cartas sobre a mesa. Hamilton impediu que Alonso o pasase na Q3 aínda que a el correspondíalle a volta extra. Alonso recuperouna ao pararse máis do estimado no box e paralizar durante varios eternos segundos ao inglés.
/…/
As renovacións introducidas no circuíto das Ardenas afectan a tres puntos do trazado (acceso á rúa de garaxes, forcada da Source e variante Bus Stop), así como ás instalacións dos boxes e do paddock, a área situada tras os garaxes e na que se desenvolve a vida en cada gran premio. As modificacións da Source e Bus Stop teñen como obxectivo facilitar os adiantamentos.
/…/
As primeiras modificacións afectaron ao habitáculo do piloto (cockpit), nos que se ampliou a abertura para facilitar a saída nun máximo de cinco segundos. O único obstáculo de evacuación é o volante. Ese caparazón interior está formado por espuma solidificada de polistireno (composto habitual das tubaxes e illantes térmicos) e o seu peso non chega ao quilo e medio. O armazón exterior é unha gaiola recuberta con fibra de carbono e aramida, un derivado do petróleo cuxa resistencia multiplica por cinco a do aceiro. O piloto está suxeito ao asento cun arnés de seis puntos de ancoraxe que impide que se desprace. Por encima ten un arco de seguridade que protexe a súa cabeza.
/…/
Posteriormente os pilotos tiveron que incorporar o famoso HANS (Head And Neck Support, soporte de cabeza e pescozo), un colar que se une ao casco para evitar lesións cervicais.