Din a tradición e a lenda que o corpo sen vida de Santiago o Maior -un dos doce apóstolos de Xesús- chegou a Galicia dende a fin do mar Mediterráneo nunha barca de pedra que remontou as augas da ría de Arousa, enfilou até a desembocadura do río Ulla e foi atracar a Padrón. Ese percorrido, no que se refire a Galicia, é hoxe un Camiño de Santiago oficialmente recoñecido e chamado Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
Polo tanto, quen desexe peregrinar por el terá que dispoñer dunha embarcación. A que sexa. Propia, alugada ou simplemente uníndose a un remonte que se leva a cabo todos os anos no mes de xullo dende un dos portos desa ría até Padrón.
E navegará achegándose máis ou menos a numerosas illas e illotes: os dous Xidoiros (un deles, o Areoso, está cheo de restos prehistóricos), a pedregosa Rúa (hai máis de 80 anos foi situado aló un canonciño, que xa non está), as dúas Malveiras (está prohibido pisalas), a grande illa de Arousa (co parque natural de O Carreirón) e Cortegada (co bosque de loureiro máis alto de Europa), por citar os máis relevantes.
Pero este itinerario ten outra característica que produce asombro: presume, e con razón, do único viacrucis fluvial do mundo. É dicir, unha serie de cruces colocadas nas illas e illotes e nas beiras da ría a partir dos anos sesenta do século pasado, a primeira das cales divísase no máis alto da Malveira Grande. Destacan entre todas as tres que forman o calvario de punta Patiño, no municipio de Rianxo, e sobresae tamén o topónimo de illa do Rato, esta en Catoira e onde, claro está, hai outro exemplar. Resulta sinxelo imaxinar de onde lle vén o nome dende tempos inmemoriais. O punto final é outro cruceiro que, en realidade, non é tal, aínda que o pareza a primeira vista, porque enriba do seu fuste e do seu capitel o que se atopa o visitante é un Santiago Peregrino. Un magnífico final que se alza ao comezo da ponte de Pontecesures. Porque por aló mesmo pasa o Camiño Portugués, que grazas a esa ponte salva o Ulla e leva ao camiñante a Padrón e despois a Santiago de Compostela, que só dista uns vinte quilómetros.
Queres xogar con Roi e gañar un premio pensado para ti? Preme neste enlace
De onde chegan os peregrinos que veñen a Galicia?
O ano pasado foi raro, extraordinario debido á pandemia. Pero se botamos a vista atrás e miramos o 2019, temos unhas estatísticas que nos permiten saber quen peregrinaron a Santiago. A Oficina do Peregrino (www.oficinadelperegrino.com) permítenos afirmar que a cuarta parte dos que chegaron a Compostela eran menores de 30 anos, por exemplo. Pero de que países? Pois principalmente de España (45 %), de Italia (8,27 %), de Alemaña (7,53 %) e dos Estados Unidos (5,94 %). O primeiro Estado asiático que aparece na lista é Corea do Sur, en oitava posición, con 8.224 peregrinos (un 2,37 %).
Hai tamén nacións que enviaron un só peregrino. Algunhas delas mesmo costa situalas nun mapa, porque son pouco coñecidas. Estes son algúns exemplos: Brunei, Turkmenistán, Samoa Occidental, Iemen, Malawi, Lesotho…
Volvendo a España, os andaluces son os que máis peregrinaron (23 %), seguidos dos madrileños (19 %) e os valencianos (12 %). Por certo, que de lugares de tan lonxe coma Ceuta e Melilla, cidades españolas que se atopan en África, viñeron, respectivamente, 188 e 137 peregrinos. E os galegos? Pois fomos tan só o 6 %.
Hai varios Camiños. O máis coñecido e pisado historicamente, dende sempre, é o chamado Francés, que vén dende os Pireneos. Elixírono o 54,65 % dos peregrinos do ano 2019. A continuación o preferido foi o Portugués, co 27,23 %. O chamado de Inverno só sumou 1.035, e iso quere dicir o 0,3 %.
Na Oficina do Peregrino anótase tamén de onde partiron os camiñantes. A localidade de saída máis común foi Sarria (na provincia de Lugo), e despois Porto, en Portugal. Na lista seguen Saint-Jean-Pied-de-Port, que se atopa en Francia, xusto ao pé dos Pireneos, e Ferrol, León e Valença (en Portugal, fronte a Tui, da cal está separada polo río Miño). E por que Sarria?, que ten de especial? Pois porque dista un pouco máis de 100 quilómetros do Obradoiro, e iso é o que esixe a Igrexa católica para logo dar a compostela: ter percorrido a pé polo menos os 100 últimos quilómetros, cantidade que se duplica se o peregrino preferiu ir en bicicleta.
Falta un dato final, un resumo. Porque, entón, cantos peregrinos chegaron a Santiago no 2019 e obtiveron a compostela, que é o certificado de viaxe máis antigo da historia? Exactamente 347.578. Son poucos? Pois en 1970 foron só 68. No ano santo de 1971, 451. E en 1977, que foi cando por primeira vez se puido votar libremente en España desde 1936, sumaron só 31. Por suposto que no 2020 foron moitísimos menos que os do 2019 por culpa da pandemia, pero no verán deste 2021 comezará a recuperación. Con todos eses datos é posible facer un cadro (ademais de ter que botar man dos mapas). Un bo traballo na aula que demostrará a gran importancia das peregrinacións hoxe en día.