ANA T. JACK
Antes da irrupción do covid-19 nas nosas vidas, e nas dos nosos fillos, a taxa de exceso de peso estimada na poboación infantil española xa estaba en torno ao 41 %. Tras case un ano de restricións de mobilidade, confinamento domiciliario, diminución da práctica deportiva, aumento do uso de pantallas de todo tipo e coa mesma inxestión de calorías (se non máis, coa posta en práctica de todo tipo de receitas creativas de cociña para matar o tempo libre que tiñamos por culpa do forzado e intermitente illamento social), o resultado da fórmula non pode ser bo.
De feito, unha recente investigación realizada por Qustodio, plataforma de seguridade e benestar dixital para familias, sobre Centennials: el antes y el después de una generación marcada por el covid-19 revela que para sete de cada dez familias os hábitos de consumo e a actividade física dos fillos é unha das maiores preocupacións actuais. Por certo, con centennials ou xeración Z alúdese aos nados en torno ao ano 2000, que toman a vez dos millennials como xeración dixital máis experta e que creceu rodeada de dispositivos electrónicos e plataformas virtuais. Segundo o devandito estudo:
■ O 30 % dos nenos e adolescentes actuais non pasan ao aire libre nin sequera a hora mínima diaria recomendada polos especialistas en saúde, unha porcentaxe que alcanza o 40 % no caso de grandes cidades como Madrid.
O 70 % dos menores pasan agora máis tempo conectados a Internet que antes da pandemia.
■ O 33 % de fogares españois adquiriron un novo dispositivo dixital no último ano.
■ O 60 % das familias aseguran que a pandemia provocou que os seus fillos desenvolvan adicción ás pantallas.
■ O 70 % dos xoves practican menos actividade física a pesar de que manteñen o mesmo nivel de consumo de alimentos.
Uns datos sen dúbida preocupantes para a saúde física e psicolóxica das xeracións máis novas se non conseguimos pór freo a esta perigosa deriva cara ao sedentarismo: unha secuela que afecta en maior medida ás mulleres e ás familias con menos recursos económicos e sociais.
Que tal se empezamos por duplicar as horas de Educación Física nos centros educativos? Os seus beneficios serían evidentes a medio e longo prazo.
Cambia os teus hábitos para mellorar en calidade de vida
A epidemia de obesidade infantil é, pois, xa unha realidade que afecta a un de cada tres nenos españois. E tres de cada catro adolescentes son sedentarios. É dicir, non fan o exercicio físico mínimo necesario para coidar a saúde, que se estima nunha hora diaria segundo, os estándares que establece a Organización Mundial da Saúde (OMS). Esta entidade considera que son dez as tendencias sociais que explican a denominada contorna obesoxénica na que se desenvolven os cidadáns do século XXI, e que no último ano víronse acentuadas por mor das restricións de mobilidade:
■ O aumento do lecer sedentario: actividades entre catro paredes, con moito tempo diante dos videoxogos, Internet, televisión, plataformas de streaming…
■ As estratexias publicitarias especialmente dirixidas aos menores a través de anuncios, debuxos animados, advergaming (aplicacións e videoxogos para publicitar unha marca de alimentos pouco nutritivos, por exemplo).
■ A escasa actividade física nas escolas (dúas horas á semana resultan insuficientes, sobre todo para aqueles que non poden asistir a actividades deportivas extraescolares).
■ O incremento do uso de vehículos á hora de realizar calquera desprazamento.
■ A cantidade e variedade de alimentos dispoñibles cun alto contido calórico: pastelaría industrial, lambeiradas, comida lixo, que podemos encontrar nos súper ou pedila nun clic.
■ O maior tamaño das racións en pizzerías, hamburgueserías… e o recheo de bebidas gratuíto en determinados restaurantes de comida rápida.
■ O consumo de refrescos azucrados en substitución da auga.
■ A omisión do almorzo, que logo é substituído normalmente a media mañá por alimentos hipercalóricos.
■ As máquinas de venda con produtos pouco nutritivos (en escolas, lugares de traballo…) e tendas de lambetadas na proximidade dos centros educativos.
■ A redución de oportunidades para realizar actividade física no tempo de lecer: poucas zonas verdes, espazos reducidos e, no último ano, dificultades para practicar actividades deportivas e ao aire libre.
Pero non todo está perdido. A solución para alcanzar uns hábitos saudables consiste, sinxelamente, en inverter estas dez tendencias. A nosa saúde, e a das seguintes xeracións, está en xogo.
anatjack@edu.xunta.es
Tema do mes. As outras consecuencias do covid-19
Etapa. Infantil, primaria e secundaria
O dato. España é o cuarto país de Europa con máis incidencia de obesidade infantil, só por detrás de Grecia, Malta e Italia (Estudo Pasos, Fundación Gasol, 2019)
A frase. «Enfrontamos o sedentarismo con cintas de camiñar, o insomnio con pastillas, a soidade con electrónica» (José Mujica)
Erros a evitar. Ofrecer de forma habitual aos menores alimentos pouco nutritivos e con alto contido calórico xustificándoo cun «os nenos quéimano todo».
Algunhas claves. Establecer hábitos saudables en relación coa dieta e o exercicio físico e ofrecer bo exemplo
Para saber más. Malnutrición, obesidad infantil y derechos de la infancia en España (guía de Unicef, 2019)