CARMELA QUEIJEIRO.

MÓNICA P. VILAR | 20/06/2019.

Praias salvaxes, areais urbanos, calas diminutas, beiras quilométricas… Galicia ten nas súas praias un auténtico tesouro e a calidade das súas augas é un dos seus principais atractivos. Para certificala, a comunidade conta co maior número de puntos de mostraxe de entre todas as autonomías. Case un de cada catro enclaves de análises de España está en territorio galego. E os resultados dificilmente poden ser mellores.

Dos 507 puntos controlados pola Xunta, o 95 % teñen augas de calidade boa ou excelente. Se nos centramos nas zonas costeiras con nivel óptimo, a tempada estival arrinca con 393 zonas de baño de máxima calidade nas praias do litoral galego. A cifra está por encima das 9 de cada 10 analizadas.

A provincia da Coruña concentra o maior número, con 184, seguida de Pontevedra, con 167. A costa lucense conta con 42. E a administración autonómica xa estuda outros sete enclaves que poderían ser engadidos en próximas tempadas ao censo oficial de zonas de baño e das que cinco arroxan resultados excelentes en canto a calidade de auga.

Actividades

A1. NOTICIA COMPLETA: Na páxina 10 de La Voz de Galicia, con mapa incluído.

A2. PRAIAS FLUVIAIS: A metade das praias fluviais logran a calidade máxima e outras se contentan aínda cun suficiente amplo que se distribúen por Pontevedra (21), Ourense (20) , Lugo (16). E A Coruña (12). En fin, que é fácil mollarse e buscar frescura en tempos estivais.

A3. A OUTRA CARA: Nos últimos anos, 18 praias marítimas e fluviais foron eliminadas da listaxe oficial de zonas de baño Podes facer recorte e apuntalas na túa axenda cun NON.

A4. FINAL PARA “NOTICIA DO DÍA”. Quedamos, pois, caladiños… pero moi alegres de estar convosco todos os días hábiles do curso 2018-2019. O poder chegar a todos os que quixeron lernos foi para nós a mellor noticia. Moitas grazas, pois e excelente verán para todos.