COÑECEMENTOS E ACTITUDES PREVIAS

É moi intelixente, xoga ao xadrez

Desde logo, nada impide que os nenos, adolescentes ou adultos que son moi intelixentes xoguen ao xadrez. A cuestión exponse noutro campo: ¿xogar ao xadrez fai ás persoas máis intelixentes, aumenta a súa intelixencia?

Claro, todo depende do coñecemento previo que cada un ten sobre qué é intelixencia. E, por iso, as respostas adoitan exporse dunha forma máis concreta: ¿que tipos de intelixencia ou de habilidades intelectuais favorece o xogo do xadrez? Un resumo das intelixencias propostas por Howard Gardner, descritas abaixo no apartado 7 de Avaliación, pode darnos algunha pista.

Imos recoller algunhas afirmacións que serven de introdución a este e-studio e revelan cales son os coñecementos e actitudes previas ante o tema de se o xadrez fomenta ou non o desenvolvemento da intelixencia entre os nenos.

Intelixencia e horas de práctica

«Na actualidade existe unha importante investigación psicolóxica do xadrez. Un dos feitos mellor establecidos é que, aínda que o xadrez é amplamente considerado o mellor exemplo de actividade intelectual entre os xogos, existe moi pouca evidencia entre capacidades cognitivas concretas e a pericia no xadrez. Aínda que se dá unha débil correlación entre intelixencia e pericia no xadrez entre os nenos que están aprendendo, dita correlación non existe cando consideramos grandes mestres ou nenos altamente talentosos para o xadrez. O factor que explica mellor o desempeño xadrecístico é o número de horas de práctica».

Xadrez na escola

«Pola natureza dun neno, o ensino do xadrez para infantes é un tema particular e distinto a outros no xadrez. Un infante é capaz de aprender o movemento das pezas e posteriormente ir comprendendo temas tácticos e superiores paulatinamente. A partir dos 4 anos de idade, moitos xadrecistas aprenderon a xogar. Polas calidades de exercicio e desenvolvemento mental que o xadrez desenvolve, moitas escolas ao redor do mundo ofrece aos nenos cursos de xadrez».

Falta de argumentos

«Chegouse á idea amplamente estendida, aínda que bastante vaga, de que o xadrez é un xogo intelectual, un singular adestramento da intelixencia. ¿Existen suficientes argumentos en apoio desta idea? Paréceme que non, porque non estamos en condicións de explicar teoricamente en que consiste o efecto favorable do xadrez sobre o desenvolvemento das capacidades mentais, nin tampouco podemos demostralo ao ensinar aos nenos a xogalo. Escola de Xadrez de Miguel Illescas: O xadrez no desenvolvemento do pensamento».

«O xadrez non require intelixencia»

Murray Campbell, pai de «Deep Blue», a supercomputadora que en 1997 derrotaba ao campión Kasparov, foi entrevistado o 13 de xuño do 2006 por Lluís Amiguet para o xornal «La Vanguardia» de Barcelona.

-A verdade é que non avanzamos tanto como criamos cando o noso «Deep Blue» derrotou a Kasparov en 1997. En cambio, reflexionamos sobre que é intelixencia.

-Se me permite citar ao neurocientífico Dennet… ao saber que o noso «Deep Blue» gañara, dixo: «Ata agora cría que o xadrez requiría intelixencia».

-O feito de que «Deep Blue» derrotase a Kasparov non demostra que «Deep Blue» fose máis intelixente que Kasparov, o que proba é que o xadrez non require intelixencia.

1. A NOTICIA

O pequeno gran mestre

Maite Rodríguez / OURENSE

Iván Salgado López (Ourense, 29-06-1991) é o primeiro galego na historia en lograr o título de gran mestre internacional de xadrez, un fito que estaba rozando, pois xa posuía tres das normas requiridas. A súa participación no open internacional de Cappelle a Grande, en Francia, reportoulle os puntos que necesitaba para superar os 2.500 de Elo, o último requisito que lle faltaba para consolidar definitivamente o seu título.

Ademais de ser o primeiro galego na historia que consegue entrar na máxima categoría mundial no xadrez, Salgado bateu outra marca. Ser o xadrecista español máis novo en conseguilo. Iván logrouno con 16 anos e oito meses, superando a Paco Vallejo que fora o máis novo ata agora, pero cuns meses máis que o ourensán.

Ningún xogador galego supera os 2.500 de Elo e poucos (16) téñeno a nivel nacional. España, que ocupa o posto 17 o ranking da Federación Internacional pola puntuación media dos seus dez mellores xogadores, presenta neste momento trinta grandes mestres titulados. O xadrecista galego non quere regodearse nestes fitos. «Iso é algo que está ben para mirar cando sexas vello. Pero agora non teño que pensar niso. Só en mellorar».

Iván Salgado estaba naturalmente satisfeito da súa participación neste último torneo en Francia. Non só por conseguir a cuarta norma de gran mestre cunha actuación de 2.637 puntos, senón porque tivo que enfrontarse a «xogadores moi fortes, practicamente todos aos que me ía medir eran máis fortes ca min. Foi un éxito inesperado. Era un torneo moi duro».

No open de Cappelle a Grande, Salgado non perdeu ningunha partida ante ningún dos seus nove opoñentes, entre os que figuraban titulados (GM e mestres internacionais) rusos ou ucraínos de gran nivel. De entre os 600 participantes, Salgado partía no número cen e acabou o torneo na trixésima segunda posición, con tres vitorias e seis táboas. O xadrecista ourensán estaba satisfeito con este resultado pois «eran moi fortes, podías acadar vantaxes con eles pero defendíanse moi ben, de aí tantas táboas», explicou.

A evolución de Iván Salgado foi progresiva e constante. Foi subcampión de España sub 12 no 2002, sub 14 no 2004 e sub 16 no 2007, aínda que se lle resistiron algúns campionatos internacionais de idades. Con todo, o seu status de gran mestre a unha idade tan temperá confirma o seu alto nivel. Algo que xa teñen en conta na Federación Española de Xadrez, que ten incluído a Iván Salgado nun grupo de alto nivel con plans especiais de adestramento. Neste grupo de elite cos mellores xadrecistas está adestrado por Jesús da Villa . Salgado sinala que a federación nacional apóiaos moito.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies