Unha forma de contrastar e avaliar se o alumno foi capaz de entender o esquema das 11 claves de análise pode ser que realice pola súa conta un texto de opinión.

Para iso poden servir de modelo os breves artigos de opinión (soltos) que, desde hai algún tempo, insire La Voz de Galicia en diversas páxinas do xornal, comentando unha noticia de interese.

Aínda que talvez, pola súa brevidade, non reúna dunha forma explícita os 11 campos de análise que propuxemos (cfr. apartado 4) serven para manifestar unha opinión na que se recollen, polo menos, tema, título, datos, interpretación, conclusións, etcétera.

  • ¿Atréveste con iso? Elixe unha noticia, e en 10 liñas, máximo, escribe a túa propia opinión. Aí che van algúns modelos, ou busca ti outros coas noticias do xornal do día. Iso si, recorda que só entenderás esa breves opinión se les ben a noticia á que se refiren.

DE SOL A SOL

ALTERNATIVA VIARIA

As autoestradas de peaxe deben ter alternativas gratuítas. Pero entre A Coruña e Vigo, a de AP-9 non é a nacional 550. Porque facer o traxecto entre as dúas cidades leva tres horas, con 38 glorietas e 112 semáforos. É demasiado prezo para aforrarse os 12 euros que custa a autoestrada. Urxe o proxecto para a alternativa real. (LVG/06/08)

  • ¿Cales das 11 claves aparecen máis claras?

ISTO É O LEITE

As sabotaxes non son a solución ao problema dos prezos do leite. Nunca o foron. Todo o máis, lograrán acender os ánimos. ¿Cabe buscar, máis aló de saídas para unha tempada, alternativas a longo prazo? ¿Pode ser a vía a participación dos gandeiros, asociados, nos elos da cadea que termina no consumidor? (LVG 11/04/08)

  • ¿Cales das 11 claves aparecen máis claras?

TRES MENOS UNHA

Tres ministros galegos. Pode chamarse casualidade, sorte, ou peso. Ou que este país é unha fábrica de talento en todas as ordes e tamén en política. Son tres, e ademais unha con carteira dobre. Pero a Galicia non lle queda máis remedio que facer unha resta. Porque segue Magdalena: aquela que xamais foi capaz de facer nada pola terra dos seus avós. (LVG/13/04/08)

  • ¿Cales das 11 claves aparecen máis claras?

NON É UN FLOREIRO

A novidade fixo noticia da toma de posesión da ministra de Defensa. Pero a partir de hoxe, a súa condición de muller, a súa mocidade e o seu embarazo deben deixar paso nos medios de comunicación á súa actuación. Carme Chacón foi designada para dirixir politicamente a defensa nacional, non elixida como un floreiro máis da sede ministerial. (LVG 15/04/08)

  • ¿Cales das 11 claves aparecen máis claras?

DESABASTECIDOS

Hai días que nos veñen avisando dun posible desabastecemento de produtos básicos. E sobre todo da súa inevitable consecuencia: o encarecemento dos alimentos. O arroz pode subir ata un 30 por cento. Esperemos que todo responda a razóns obxectivas e que non haxa ninguén aproveitando o río revolto para ter ganancias extras. (LVG/26/04/08)

  • ¿Cales das 11 claves aparecen máis claras?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies