Propomos 11 claves de análise que serven de eixo de aplicación aos artigos de opinión.

Claves

Non se trata dun test de puntuación numérica, senón de puntos de reflexión, que serven tamén para pór en común, contrastar e discutir en grupo.

Por outra banda, hai que ter en conta que non todos os artigos de opinión que aparecen no xornal poden someterse á mesma análise. Uns son máis breves, moi breves, outros son máis longos. Uns recollen a opinión máis espontánea, o comentario directo e urxente de cada día, e outros deseñan un diagnóstico máis profundo e énchense de datos exhaustivos.

Xa que logo, é necesario recordar e insistir en que as claves que se presentan requiren un sentido flexible na súa aplicación.

4.1 TEMA

¿Cal é o tema, o feito, a circunstancia ou a noticia concreta que motiva ese artigo de opinión?

4.2 TÍTULO

  • ¿Como anuncia ese tema? ¿Que titulo lle pon?
  • ¿Informa simple e directamente de que se trata, ou utiliza un título máis abstracto ou metafórico?
  • ¿Faino en forma de pregunta?
  • ¿Adianta no título algunha solución ao tema?
  • ¿Valora positiva ou negativamente o feito que vai comentar?

Cada escritor é moi libre de titular a súa opinión como queira, pero os lectores poden tamén reaccionar de diferentes formas.

  • ¿Que tipo de títulos prefires?
  • Fixámonos, por exemplo, nos títulos dos 20 artigos recollidos neste e-studio (cfr. apartado n.º 1: Noticia).

4.2.1 Indicativo descritivo

Di expresamente de que se trata: Catedrais con pintadas, Unha proposta para o galego, A educación física no bacharelato, O parón inmobiliario, Malos tratos aos animais, Si a Pequín, Gobernar sen hipotecas, As motos, ¿Todo o que hai en España é dos españois?, A alternativa nuclear.

4.2.2 Indicativo abstracto

Busca formulacións máis xeralistas: Vellos costumes, Por un proxecto de futuro, Liturxias rumorosas, Pódese evitar, Tapando os síntomas, O mito moderno da escola infinita, Bandeira negra, Fantasías sanitarias, O valor dos principios.

4.2.3 Indicativo valorativo

A valoración pode ser positiva ou negativa: Vellos costumes, Unha proposta para o galego, Si a Pequín, Por un proxecto de futuro, Pódese evitar, A ministra de «igual dá», Tapando os síntomas, O mito moderno da escola infinita.

4.2.4 Indicativo figurado

Utiliza outros códigos de comunicación, como o humor, o estilo literario, formas simbólicas de expresar o contido do artigo, palabras con dobre sentido, etcétera.

4.3 PREGUNTAS BÁSICAS

Suponse que toda persoa que publica a súa opinión proponse responder dalgún modo a preguntas básicas que se fan os lectores sobre algo que lles preocupa.

Xa que logo, ¿cales son as preguntas que se fai a xente sobre ese problema determinado?

4.4 OBXECTIVO

¿Trata de responder a todas esas preguntas ou a algunha en especial?

  • Concretamente, ¿responde ás preguntas que ti mesmo te fas sobre ese problema?
  • Ou, ao contrario, ¿pretende que a lectura da súa opinión sirva de interrogante ante algo que talvez a xente ou ti mesmo non lle dabades importancia?
  • En consecuencia, ¿cal é o propósito, o obxectivo, a intención que o escritor ten co seu artigo?

4.5 DATOS

Suponse que o escritor coñece ben os feitos e o problema sobre o que quere dar a súa opinión.

  • ¿Ou tes algunha dúbida de que non está ben informado do que fala?
  • ¿Mostra expresamente as fontes nas que basea a súa información, ou se dan por supostas, xa que non caben no espazo reducido un texto de opinión?
  • ¿Non aparecen fontes de información, dado tamén o recoñecemento profesional que lle outorgan e admiten os seus lectores?

4.6 INTERPRETACIÓN

Con frecuencia a aceptación / non aceptación dunha opinión por parte do lector vén condicionada pola interpretación que o escritor pode facer dos feitos.

4.6.1 Dúbidas

¿Suscita algunha dúbida a súa interpretación? ¿Por que?

Estas son, por exemplo, as dúbidas que se presentan con maior frecuencia:

  • O perfil persoal-profesional-social do escritor: ás veces os lectores fíxanse máis en quen o di que no que di realmente.
  • O perfil persoal-profesional-social do lector: pódenlle máis as súas propias ideas e sentimentos, sen admitir facilmente o que outros opinan, especialmente cando vai en contra dos seus propios principios, desexos ou temores.

4.6.2 Criterios

Nun intento obxectivo de analizar a interpretación que o escritor fai dos feitos sobre os que emite as súas opinións adoitan suxerirse algúns criterios:

  • ¿Traduce con claridade nas súas propias palabras o que sucedeu?
  • ¿É preciso nas súas formulacións, non esaxera nin disimula datos?
  • ¿É obxectivo e veraz no que afirma, mostra credibilidade?
  • ¿Existe algún indicio de que destaca ou insiste demasiado no que vai de acordo cos seus intereses?
  • ¿Concede ao tema a importancia que ten ou mostra algún tipo de irrelevancia ou sensacionalismo inxustificado?

4.7 PUNTO DE VISTA

É un dos elementos principais para ter en conta cando se analiza un artigo de opinión. ¿Desde que punto de vista emite a súa opinión o escritor?

  • ¿Que tipo de criterios ten en conta cando escribe: un criterio económico, un punto de vista social ou político?
  • ¿Utiliza talvez un criterio de expor as cousas dunha forma alegórica ou literaria?
  • ¿Presenta a súa opinión dunha forma humorística ou talvez irónica sobre os datos?
  • ¿É simplemente un comentario espontáneo e inmediato?
  • ¿Trátase dunha análise rigorosa e técnica, citando fontes de información e facendo unha crítica máis profunda e detallada dos feitos?

    Se non captamos ben o punto de vista que decidiu utilizar o escritor, non podemos someter o artigo á análise, máis ou menos densa e adecuada, que lle corresponde.

4.8 IDEA CENTRAL

¿Cales son as ideas centrais que aparecen no artigo de opinión? Seguramente esas ideas principais poden subdividirse en ideas secundarias que as describen mellor.

  • Facer un esquema gráfico de ideas principais e secundarias daranos a mellor pista para entender as bases do razoamento que o escritor propón no seu artigo.
  • Ademais da validez das súas ideas principais, ¿mantén despois un razoamento lóxico e chega a conclusións coherentes cos principios que propón, ou existen desvíos ilóxicos?

4.9 SUPOSTOS

As ideas propostas no artigo de opinión fundaméntanse nuns supostos básicos.

  • ¿Cales son, ao teu xuízo, os supostos nos que se fundamentan as ideas propostas no artigo?
  • ¿Estes supostos están expresamente manifestados ou o escritor dáos, sen máis, por admitidos?
  • ¿Trátase de supostos admitidos xeralmente pola maioría dos lectores ou soamente por algúns, que adoitan ser da súa liña de pensamento ou da organización social ou profesional á que pertencen?
  • ¿O escritor fundamenta o seu escrito nunha serie de supostos, aínda sabendo que unha gran parte de posibles lectores non está de acordo con eles?

4.10 CONCLUSIÓNS

  • ¿Manifesta expresamente as súas conclusións ou deixa ao xuízo do lector que reflexione sobre a lectura que o seu escrito poida ofrecerlle?
  • ¿Fai unha crítica negativa dos feitos sobre os que manifesta a súa opinión?
  • ¿Fai unha crítica positiva deses feitos que constitúen o tema?
  • ¿Limítase a analizar os feitos ou se fixa tamén nas consecuencias que no presente ou no futuro poden levar consigo?
  • ¿Propón concretamente solucións ao problema analizado ou deixa aberto o camiño a tomar por aqueles a quen corresponda solucionalo?

4.11 IMPLICACIÓNS

Se os escritos de opinión responden a preguntas básicas que a xente teñen sobre o tema que lles preocupa, tal como propuñamos no primeiro apartado desta análise, é lóxico fixarnos tamén na implicación ou resonancia que cada artigo de opinión ten nos seus lectores.

  • Na liña de pensamento e de ideas: ¿en que grao estás de acordo coas ideas e conclusións propostas nese determinado artigo de opinión? ¿Por que?
  • Na liña de sentimento ou afectiva: ¿en que grao implícache emocionalmente o alí escrito?: ¿gústache, emociónate, desgústache, sénteste ben ou mal ao ler iso? ¿Por que?
  • Na liña de implicación participativa: ¿o que acabas de ler, móveche a facer algo que está nas túas mans, ou simplemente, lelo, quizá o comentas con outros, pero non che move a facer nada?

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies