C. PORTEIRO

Hai dous anos a maioría dos galegos non sabiamos o que era un pangolín ou un coronavirus, nin como poñer unha máscara. Xamais as precisáramos, claro. O covid-19 obrigounos a aprender a tapar o nariz e a boca para evitar os contaxios. O cubrebocas foi o noso grande aliado: as máscaras cirúrxicas, as FFP2… Por iso agora resulta tan raro pasear, traballar e mesmo estar na aula sen ela. O pasado día 20, o Goberno español puxo fin á obrigatoriedade de usala, con excepcións lóxicas. Agora sentimos alivio, mais tamén certa congoxa porque temos a sensación de que imos contaxiarnos. É normal despois de tanto tempo! Vexamos como discorreron estes primeiros días sen máscara.

Que fixemos nos colexios?

A norma deixa liberdade a alumnos e profesores para levar cubrebocas. Non obstante, recomenda o seu uso no caso de xente vulnerable, que padeza enfermidades crónicas como a fibrose cística ou cancro. Houbo moita confusión porque a norma fíxose efectiva o mesmo día de ir a clase sen coñecer os detalles. O Goberno galego optou por recomendar o seu uso nas aulas. Iso levou a algúns centros a interpretar que seguía a ser obrigatorio, pero non é así.

Que foi da máscara?

O certo é que son moitos os cativos e o persoal educativo que prefiren manter o cubrebocas por prudencia. O covid segue a espallarse nas comidas familiares e espazos públicos, onde agora estaremos máis expostos.

Por que en Galicia recomendan o seu uso?

As autoridades galegas explicaron que aínda hai moitos nenos sen vacinar na nosa comunidade. E iso que o dato é que seis de cada dez menores de entre 5 e 11 anos xa tendes protección completa fronte ao virus. É a porcentaxe máis alta de España!

Onde teño que levala?

Pode parecer estraño, pero na aula podemos elixir entre levar ou non levar a máscara, pero non temos a mesma liberdade no autobús, onde si é obrigatoria. Podes ir a xogar ao fútbol ou escalar ao rocódromo sen cubrebocas, pero tes que poñelo cando vaias a visitar os teus avós a unha residencia. Podes ir ao cine sen máscara, pero has de poñela cando vaias ao hospital ou á farmacia.
E ten isto en conta se estás pensando nas vacacións: tamén deberás levala posta no avión, pero non na terminal do aeroporto.

Teñen que levala posta meus pais?

Depende da empresa na que traballen. Por norma xeral non é obrigatorio. Para impoñer o seu uso, os responsables de riscos deben acreditar que son necesarias.

 

A vacinación explcia por que mellorou a situación

Se hoxe somos libres de decidir entre poñer ou non a máscara é grazas ás vacinas e a responsabilidade colectiva da sociedade, que maioritariamente optou por protexerse. Máis de nove de cada dez persoas maiores de 12 anos están vacinadas. É un éxito, tendo en conta que nas redes sociais viralizáronse moitos vídeos e publicacións pondo en dúbida a súa eficacia.

Se aínda tes que escoitar a quen di que a pandemia non existe e que as vacinas son prexudiciais, atende a estes datos: en España morreron 104.000 persoas dende o inicio da pandemia. Son máis das que viven nunha cidade como Santiago. Cando non había vacinas, sete de cada cen contaxiados remataban no hospital. Hoxe só hai un de dez, e morre moitísima menos xente en relación co número de persoas que contraen o virus.

Non debemos esquecer que a xente vulnerable está máis exposta

É normal que despois de tanto tempo teñamos moitísimas ganas de quitar a máscara, pero debemos facelo con moita prudencia porque hai xente arredor que está máis exposta que nunca ao contaxio. Non debemos esquecer que as persoas inmunodeprimidas —as que teñen as defensas moi baixas—, as maiores de 80 anos e os enfermos crónicos poden ter máis complicacións en caso de contaxio, aínda que estean vacinados.

Por iso, antes de retirar a máscara, pensa a quen tes a carón de ti ou a quen vas ver despois de estar nun lugar pechado e sen protección. O obxectivo é aprender a convivir co covid, non favorecer a súa propagación sen control e vivir como se non existise. Recordade que cada día hai xente que ingresa e morre nos hospitais polo virus.

ACTIVIDADE BÁSICA

Retratos sen cubrebocas

Levamos dous anos sen ver a cara enteira dos nosos compañeiros, sen ver as súas expresións de sorpresa, alegría ou enfado. Seguro que nun primeiro momento resultou estraño quitar a máscara. Pode que algúns incluso prefirades deixar posto o cubrebocas. Pero é o momento de familiarizarnos de novo co aspecto dos nosos amigos. Para non esquecer como son, collede as pinturas e debuxade ao compañeiro que teñades ao voso lado na clase.

 


As actividades desta unidade foron deseñadas por C. Porteiro

Detrás das máscaras: complexos e inseguridades

Non é fácil, despois de dous anos, retirar a máscara. Non só pola sensación de indefensión, senón tamén porque estamos afeitos a esconder os nosos defectos físicos tras ela. Os grans da puberdade, o aparato dos dentes ou aquelas expresións que non nos gustan de nós quedaron agochados durante todo este tempo. Moitos nin vos coñeciades sen cubrebocas! Ver a faciana enteira dos vosos compañeiros e facelo a miúdo seguro que foi estraño. Para algúns ata sería incómodo por iso de que van pensar os seus compañeiros. A certas idades preocúpanos moito como nos xulguen os amigos, profesores e compañeiros. E incluso que se metan con nós. Esa é a razón pola que moitos decidiron seguir co cubrebocas, que esconde unha das zonas con máis expresividade da faciana.

Os psicólogos chaman síndrome da cara baleira ao medo que temos a descubrir o rostro e ser rexeitados polo noso físico. Tralas máscaras hai problemas de autoestima, inseguridades e complexos, moi comúns cando somos adolescentes, porque estamos nunha etapa na que precisamos forxar a nosa identidade e sentir aceptación social.

Que facer se é o teu caso ou o dun amigo teu? Sentes inseguridade cando retiras a máscara? Os expertos recomendan non forzar a ninguén a retirala. Cada quen precisa os seus propios tempos. O que podemos facer é crear un entorno seguro para que as persoas máis reticentes vexan que poden ter vida social sen máscara e que ninguén vai perder o interese por eles, teñan ou non defectos. E facelo de forma progresiva, expoñéndonos primeiro a grupos máis pequenos de amigos, onde sentimos máis seguridade. Despois ampliándoo ao círculo de coñecidos e finalmente retirando en público a máscara. É cuestión de tempo, segundo os expertos. Unha minoría si podería precisar de axuda psicolóxica. Como saber se a necesitas? Cando sintas que deixas de facer actividades por medo a ter que retirar o cubrebocas, ou cando notes certa ansiedade só de pensar en relacionarte na aula, no patio ou na rúa sen máscara, á vista de todo o mundo.

 

 

Do estrés aos problemas físicos e as secuelas psicolóxicas

A síndrome da cara baleira non é a única secuela da pandemia. Nin é a máis grave. Os problemas psicolóxicos derivados da soidade e do confinamento da xente maior e as dificultades de socialización dalgúns mozos agraváronse co covid-19. Pero iso non quita importancia aos efectos da máscara. Con ela, respiramos un 2 % menos de osíxeno e un 4 % máis de dióxido de carbono (CO2) porque estamos a respirar parte do aire que botamos polo nariz ou a boca. Isto provoca máis fatiga respiratoria, peor ventilación pulmonar, máis cansazo, dores de cabeza e problemas cutáneos e de bronquite. En moitos casos tamén aumenta os niveis de estrés.

Moitos expertos coinciden en que agora é cando vai chegar o aluvión de consultas psicolóxicas, por toda a carga acumulada durante a pandemia. De feito, aumentaron as peticións de axuda na xente máis nova, que tamén está a tomar máis medicamentos que antes.

Estamos preparados para atender a toda a xente? Semella que non. Mentres que en Europa hai de media uns 18 psicólogos na sanidade pública por cada 100.000 habitantes, en Galicia temos só catro para atender a unha cidade do tamaño de Santiago! Os psicólogos particulares tamén teñen listas de espera. Que opinas? Cres que debería ser unha prioridade nacional nos próximos anos? Pensas que hai outras prioridades?

 

ACTIVIDADE MEDIA

Reforzar a autoestima

Sen máscara adoitamos fixarnos máis nos defectos que cremos ter e esquecemos outras aptitudes ou calidades que posuímos. Para mellorar a autoestima, compartide cos vosos compañeiros de que estades orgullosos de vós mesmos.

ENTENDER

O coronavirus aínda non marchou: o caso de China 

Todos temos ganas de volver a gozar dos concertos, festas e espectáculos sen pensar na incomodidade das máscaras, pero aínda debemos ser cautelosos porque a pandemia non rematou.

  .En España, a meirande parte da poboación está vacinada. Non é o caso dos países máis pobres e subdesenvolvidos. No continente africano, por exemplo, case a totalidade dos países teñen problemas para poder administrar a primeira dose a tres de cada dez habitantes. O acceso desigual ás vacinas, como aconteceu coas máscaras, pode espallar o virus e aumentar a probabilidade de que aparezan novas variantes.

O sinal de que a pandemia non rematou témolo en China. Unhas 45 cidades continúan pechadas para controlar a propagación da variante ómicron. As autoridades do país manteñen unha política sanitaria moito máis estrita que en Occidente, de aí o estalido de protestas sociais en urbes como Shanghai.

 

ACTIVIDADE AVANZADA

Xestionar una crise sanitaria

Unha crise sanitaria non é algo que aconteza de seguido. É difícil xestionala en función da agresividade do virus e da facilidade de propagación. Organizade dous comités de crise, investigade e identificade paso a paso as tarefas que teriades que realizar nun caso de Creutzfeldt-Jakob e noutro de ébola. 

PROFUNDIZAR

Leccións da pandemia: a importancia das vacinas, a inversión en saúde e a humanidade

 Sanitarios, transportistas, persoal de limpeza ou caixeiros de supermercados foron profesionais claves na pandemia e sen eles non se podería garantir ningún servizo básico. Convén lembralo, porque ás veces esquecemos moi rápido o que fan por nós.

 A pandemia tamén puxo de relevo a importancia de fabricar certos materiais e produtos estratéxicos no noso país. Dende as máscaras ata os respiradores das ucis escasearon cando máis se necesitaban.

  Esa mesma lección pódese aplicar ás inversións na sanidade pública. Os nosos sanitarios acabaron esgotados por ter que traballar xornadas sen descanso, pola falta de persoal. Uns caeron enfermos, outros pediron baixas por estrés e depresión. Por que? Pola falta de facultativos e a carga emocional acumulada estes dous anos, nos que asistiron a todo tipo de dramas familiares. O Goberno español aprobou un programa de 1.469 millóns de euros para inverter ata o ano 2023 en sanidade co que agarda crear 12.500 postos de traballo.

  Tamén aprendemos a apreciar e esixir que se dea prioridade as inversións en investigación médica e farmacolóxica. España aínda está entre os países que menos presuposto lles dedica.

  Saímos mellores, como adoitamos escoitar, do confinamento? Aprendemos a relativizar problemas, resistir e facernos máis responsables, pero os psicólogos tamén detectan máis fobia social.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies