MANUEL VARELA
Hai dous anos que Fernando Moreno (A Coruña, 1959) goza da xubilación. Faino estudando inglés na Escola Oficial de Idiomas e xogando ao golf xunto á torre de Hércules. «É un deporte marabilloso para os xubilados, completamente accesible!», recomenda ao teléfono. Achegarse a un deporte que, en principio, parece reservado para uns poucos vén sendo ben semellante ao que fixo durante a súa etapa no CEIP Ponte dos Brozos, que introduciu para os alumnos tabletas, portátiles e pantallas electrónicas cando case ningún centro podía nin imaxinalo. El era o coordinador do colexio arteixán.
—Chegou ao Ponte dos Brozos pouco despois de que a Fundación Amancio Ortega investise en equipamento de última xeración. Que lle permite iso a un colexio?
—Foi un momento moi importante. Ofrecéronnos equipamento para facer o labor doutra maneira, con tecnoloxía punteira. Aquilo deunos a oportunidade de formar de xeito distinto e viaxar por diferentes partes do mundo, a congresos como simples ouvintes ao principio e logo xa como partícipes contando as nosas experiencias. Aínda se mantén esa idea de formación, dez anos despois de que a fundación deixase de investir no centro. Agora é o Concello de Arteixo o que o fai. Pero o que prima aquí é a filosofía da formación e que cada persoa que entre no centro teña unha persoa ao lado axudando.
—A figura do coordinador, que vostede ocupou, pode explicala?
—Si. Non se quere que un mestre chegue ao centro e se vexa desbordado por 25 pantallas e ordenadores. O coordinador serve de acompañamento. Antes de empezar no centro e usar a tecnoloxía hai un curso de iniciación para explicar o que hai. Non só como traballar coas ferramentas, senón tamén lembrar que o máis importante é a pedagoxía. A tecnoloxía é para aprender máis, unha ferramenta. Ten valor se se utiliza para cambiar e mellorar o ensino.
—Como cre que inflúe no futuro dos nenos?
—O máis importante non é chegar a destacar na universidade, senón que todos os alumnos que pasan polo centro teñan a oportunidade de aprender con ese material. Todas as ferramentas cédense aos alumnos, chegan a todo o mundo. É o igualitarismo: tanto ten o fillo dun alto cargo de Inditex que un cativo recentemente chegado de Marrocos. Todos teñen as mesmas oportunidades.
—Considera posible exportar este modelo?
—Si que se pode. Moito do que se fai coa Xunta, que leva o Plan Abalar [a plataforma educativa dixital da Consellería de Educación], sae do proxecto de Ponte dos Brozos. A idea da Fundación Amancio Ortega era facer un proxecto replicable en calquera outro centro.
—Participaron en congresos por todo o mundo, foron valorados pola Unesco polas boas prácticas no uso das novas tecnoloxías… Cal diría que foi o seu maior logro nesta etapa?
—Que os nenos sintan orgullo de pertencer ao seu colexio. E que saiban o que fan, que teñan plenas competencias coas ferramentas. O da Unesco foi tremendo. Todo o que se facía no centro recoñecíase en todo o mundo.
—E que consello daría aos profesores que estean comezando e aínda lles quede moita carreira por diante?
—Que a xubilación chega antes do que se cre [ri]. O meu consello é que gocen do seu traballo, pensar que o que fan é para os nenos. Que todos os eidos son válidos para alcanzar obxectivos se se cre neles. Insisto, o máis importante son os rapaces, hai que levarse con eles o mellor posible e ter paciencia, porque todo chega.
—Como lembra os seus inicios?
—Primeiro estiven de provisional por Mugardos, en Franza. Despois tres anos na Ponte do Porto, en Camariñas, e a praza definitiva déronma no CEIP Milladoirom de Malpica. Alí estiven bastantes anos. Chegaramos todos xuntos cando abriu o colexio e había moito traballo.
—Sería ilusionante: todos novos nun colexio que acaba de abrir.
—Si! Metíanse comigo porque dicía que queriamos facer o colexio como nós queriamos. Houbo problemas, claro, pero fixemos moitas cousas máis ou menos como quixemos.
—Que lle queda daquela etapa?
—As amizades, de vez en cando aínda nos vemos. Foron anos de moita aprendizaxe porque todo estaba cambiando. Apareceu a Logse e se nos forzou a expor as cousas de xeito diferente.
—Cambia o alumnado dun lugar a outro?
—Cambia moito o ambiente mariñeiro do de interior. No primeiro, os rapaces sempre son máis espontáneos e áxiles, pero tamén dan máis traballo [ri].