C. PORTEIRO

«Por favor, axuden a Ucraína, Mariupol, por favor, axuden a Azovstal de inmediato». Con estas verbas despedíronse os membros da Kalush Orchestra o pasado sábado, despois de arrasar en Eurovisión coa súa canción Stefania, dedicada á nai do cantante e, agora, a todas as nais ucraínas atrapadas pola guerra.
O resultado desta edición do festival, que cumpre 66 anos, foi o máis previsible en moito tempo. A vitoria estaba cantada. Por que? O país foi invadido por Rusia o 24 de febreiro. Os europeos quixeron amosar así o seu apoio e solidariedade cos veciños ucraínos.

Como gañaron?
Aínda que a maioría dos xuíces dos 40 países participantes votaron deixando a un lado consideracións políticas, o público —que vota de forma telemática— aproveitou a proxección e impacto do festival para homenaxear ao país, dándolle 439 televotos, a maior cifra da historia. Os europeos están especialmente sensibilizados coa causa porque trátase da primeira agresión externa en Europa dende a Segunda Guerra Mundial (1939-1945).

Por que houbo polémica?
Hai quen pensa que os participantes non deberían en ningún caso utilizar o festival para fins políticos ou de activismo, aínda que sexa por causas obxectivamente xustas, e que os votos deberían cinguirse á calidade artística dos cantantes, polo que cuestionan a vitoria da Ucraína por riba do Reino Unido (segundo) ou España, que rematou terceira.

Participou Rusia?
Non. O país foi expulsado por non respectar os valores da Unión Europea de Radiodifusión (UER), entidade que emite o certame dende o ano 1956. Os propios organizadores (italianos, porque foron os gañadores da edición anterior) deron comezo ao festival coa canción Give Peace a Chance —un himno pacifista—, de John Lennon, en clara alusión á guerra que iniciou Rusia. Non está claro se poderán participar na próxima edición.

Ten algunha transcendencia a vitoria?
Á marxe do seu simbolismo, o certo é que as cousas seguen igual no país, hoxe asediado. De feito, o locutor que retransmitiu o certame en Ucrania, Timur Miroshnychenko, tivo que facelo agochando nun búnker antiaéreo para evitar as bombas.

Acollerá Ucraína Eurovisión 2023?
É unha incógnita. Algunhas cidades do país, como Mariupol, foron gravemente bombardeadas. Se a invasión perdura, o país non podería garantir a seguridade dos participantes así que é posible que a organización traslade o certame a outro país. Cres que é unha boa decisión?

 

Reivindicacións: a música tamén pode transmitir mensaxes

Hai melodías que teñen o poder de facernos sentir ledicia. Outras xeran tristura ou saudade. Podemos escoitar unha canción noutro idioma, sen comprender a letra, e notar como espertan os nosos sentidos. Por iso hai xente que adoita dicir que a música é o idioma universal.
Pero non é menos certo que a música, como outras artes, tamén se utiliza para reivindicar causas ou denunciar inxustizas. Pensa, por exemplo, en El Mal Querer, de Rosalía, no que critica o machismo e alerta do maltrato. Mesmo a canción Ay Mamá, de Rigoberta Bandini, é un canto ás nais e os seus corpos. Ou a canción Terra, das Tanxugueiras, que reivindica un mundo sen fronteiras e enxalza a figura das mulleres galegas que contribuíron a conservar o noso legado cultural.
Hai quen pensa que un festival musical non debería ser unha plataforma para facer reivindicacións políticas ou de calquera tipo. De feito, Eurovisión non permite letras con consignas políticas. Estás de acordo?

 

O «big five»: Quen paga, pasa. A garantía de que haberá certame

Como é posible que España sempre pase á final de Eurovisión? A razón é que forma parte do chamado «Big Five» (os cinco grandes), xunto a Italia, Francia, o Reino Unido e Alemaña. Son os países que máis diñeiro aportan á Unión Europea de Radiodifusión (UER), a encargada de emitir o sinal para que se poida ver o festival. A moitos non lles parece ben o de «quen paga, pasa», pero o certo é que, sen os cartos que desembolsan, sería moi difícil poder soster o certame. De feito, foi no ano 1996 cando a organización decidiu introducir este billete directo á final para os cinco despois de que Alemaña, país que máis contribúe, non lograra pasar á final. A súa ausencia xerou problemas económicos.

 

ACTIVIDADE BÁSICA

Festival de linguas minorizadas

Sabías que existe un festival europeo da canción con linguas minorizadas que se chama Liet Festival e que se celebra en Dinamarca? E sabes a diferenza entre lingua minoritaria e minorizada? Hoxe toca investigar: Cal das dúas é o galego? Por qué é catalogada de tal forma? Galicia estará presente nese festival? Foi algún galego ou galega algunha vez? Só imos dicirche unha cousa máis… Nós este ano non paramos de cantar «O teu camiñar»!


As actividades desta unidade están deseñadas polo profesor e filólogo Alberto Pombo

 

Orixe do certame: a política está no seu ADN

O festival nace no ano 1956 tras a Segunda Guerra Mundial, como medio para deixar as rifas e unir a Europa a través da música

 

«Eurovisión é todo política», escoitamos a cotío de boca dalgunha xente. E teñen parte de razón. A miúdo, os países votan por afinidades históricas, culturais, simpatía…, porque teñen moitos emigrados ou por proximidade. Romanía con Moldavia, os países bálticos (Estonia, Letonia e Lituania) entre eles, o bloque balcánico, o nórdico, o mediterráneo, ou o occidental… Hai moitos amigos en Europa. Pero non sempre as amizades determinan que gañe un país. Lembras a canción Amar pelos dois, de Salvador Sobral? Portugal venceu con esa melodía no 2017 e tan só tiña a España de veciña! E que hai do SloMo de Chanel? Foi terceira e recibindo os 12 puntos de países tan afastados como Australia. No 2015 o país foi invitado a participar pola súa longa traxectoria emitindo o festival e ficou no certame.
O certo é que o festival é froito da política. Naceu no ano 1956 (Suíza proclamouse gañadora) como un medio para xerar lazos, paz e confianza entre os países europeos tras a devastación da Segunda Guerra Mundial. Comezaron sendo sete países (Bélxica, Francia, Alemaña, Luxemburgo, Países Baixos, Italia e Suíza). E chegaron a ser 43 no 2018. Hoxe non só é un símbolo de unidade, senón tamén de respecto á diversidade. Así que se pode afirmar que a política forma parte do seu ADN.
Co paso do tempo, o certame, de corte musical e político, converteuse tamén nun fenómeno comercial amplificado pola repercusión das redes sociais. Hai 20 anos apenas tiña público e o habitual era velo no fogar. Agora hai quen fai as súas listaxes de cancións preferidas e quen merca entradas para percorrer Europa de festival en festival cada ano.
Que outras cousas mudaron? Dende a música ata as postas en escena e mesmo o sistema de puntuación. Tamén o estilo dos temas e os propios artistas. Nos cincuenta, por exemplo, era impensable que un país levara como representante unha drag queen como Conchita Wurst (gañadora con Austria no 2014). O festival evolucionou ao ritmo da sociedade, así que debería cinguirse ao musical ou reflectir o latexo social do momento?

Por que Israel participa?… Non é tan raro, Marrocos tamén o fixo

Outra das polémicas que sempre acompañan a Eurovisión é a participación de Israel no festival, dende 1973. Moitos atribúen a súa presenza a cuestións políticas e alegan que non comparte xeografía con Europa para rexeitar ao país. O certo é que as bases do certame non impoñen tal requisito. Permiten participar a quen se sitúe na área de radiodifusión europea —e que se comprometa a emitir o espectáculo—, incluídos países como Xordania, Exipto ou Tunisia.
Sabías que Marrocos participou no ano 1980? O estreo foi ruinoso: tan só obtiveron sete puntos. O rei de entón, Hasán II, indignado, xurou que non volvería poñer un pé no certame. E cumpriu a promesa.
A política tamén interferiu na participación de Xordania no 1979. Cando a vitoria de Israel semellaba inevitable, a televisión do país parou a emisión para amosar ao público imaxes de flores. Rexeitaron recoñecelos como gañadores ao finalizar o certame e anunciaron que Bélxica —que fora segunda— se alzara coa vitoria.
A inimizade con ese país de Oriente Medio, motivada pola represión do pobo palestino, foi a causa da retirada do Líbano no ano 2005. A lei do país é moi clara e non recoñece a Israel como Estado, polo que a súa televisión pública rexeitou amosar a actuación israelí e, finalmente, o Líbano retirou a súa proposta.

 

ATIVIDADE INTERMEDIA

Recollas populares

Tanxugueiras foron as preferidas do público para ir a Eurovisión cun «alalá». Coñeces máis variedades tradicionais galegas? Inicia unha recollida de cantigas populares. Identifica nome, lugar e idade da persoa e sube a peza ás túas redes ou ás do teu instituto.

 

ENTENDER

Da música e o amiguismo á corrupción de votos

Unha cousa é o politiqueo nas votacións e outra ben distinta a corrupción. Semella que no festival houbo un escándalo de compra de votos. Seis países (Azerbaixán, Xeorxia, San Mariño, Romanía, Polonia e Montenegro) foron acusados indirectamente de aceptar subornos para dar 12 puntos a Chipre.

A Unión Europea de Radiodifusión —formada por servizos públicos de comunicación de todo o continente— detectou un patrón de voto sospeitoso nos xurados deses países, polo que decidiu tomar o control das cámaras na rolda de votacións e repartir os puntos en liña cos veciños de cada un.

Agora ten que decidir se os expulsa o ano que vén e que fai cos votos. O certo é que, de respectar a proposta inicial, a española Chanel quedaría segunda, por diante do Reino Unido. Pero a cuestión e se pagaría a pena un segundo posto permitindo as trampas doutros.

ACTIVIDADE AVANZADA

Un espazo para a lusofonía

Reparaches en que o galego está presente en case todas as edicións de Eurovisión? Nunca no noso lado do Miño, é verdade, mais o certo é que o portugués e o galego son, para a filoloxía tradicional, dúas variedade dun tronco común. Sabes de que fala Maro cando canta «Saudade»? Mergúllate no universo da lusofonía.

PROFUNDIZAR

As tecnoloxías e as viaxes axudan a derribar fronteiras en Europa: xeracións sen bandeiras

España participa en Eurovisión dende o ano 1961, pero só conseguiu dúas vitorias. A primeira foi a de Massiel (1968), co seu «La, la, la». O segundo triunfo chegou un ano despois, co «Vivo cantando» de Salomé. Despois de moitos fracasos, Chanel acadou o mellor resultado dos últimos 27 anos.

Daquela non había democracia en España. Austria rexeitou participar no festival do 69 porque non recoñecía a ditadura. Outros países pensaron que sería unha boa oportunidade de europeizar España, aínda lonxe dos estándares de modernidade do continente.

En certo modo, o festival é unha réplica do proxecto da Unión Europea aplicado ao ámbito cultural: a necesidade de abrir fronteiras, modernizar e celebrar a diversidade. Nos anos sesenta era impensable que alguén apoiase a canción doutro país que non fora o seu, pero hoxe é distinto.

Agora é habitual viaxar por Europa. Os nosos avós non o facían, agás para traballar. A tecnoloxía permite manter contacto con calquera amigo de fóra. E iso fai que sexamos máis abertos e non teñamos tanto apego ás bandeiras.

Cuestión á parte é se unha canción debe representar a un país e como. Houbo xente que, a pesar do bo resultado de Chanel, dixo que non tiña apego á súa proposta. Cres que é un tema de gustos ou unha cuestión de defender a diversidade cultural en España?

 

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies