L. Cancela
O 2023 e o 2024 están a ter moita actividade electoral. Hai algo máis dun ano celebrábanse en España os comicios municipais, nos que eliximos os nosos representantes nos concellos; ademais, o mesmo día, na maioría da comunidades autónomas, con excepción das históricas, tamén elixiron aos deputados rexionais. Case dous meses despois, en xullo, tivemos as eleccións xerais, onde votamos aos nosos representantes no Congreso e no Senado. Á súa vez, Galicia celebrou, en febreiro deste 2024, as eleccións ao Parlamento galego. E agora estamos inmersos, desde o 24 de maio, en plena campaña electoral dos comicios ao Parlamento Europeo.

Que é o Parlamento Europeo?
Esta institución, que pertence á Unión Europea, representa directamente os cidadáns (porque eliximos os seus membros con estas votacións). Ten unha función lexislativa, é dicir, aproba as leis xunto con outros órganos europeos, e elixe o presidente da Comisión Europea (o Goberno).

Cando se vota?
Varía en función do país. As xornadas electorais celébranse entre o 6 e o 9 de xuño. O domingo 9, por exemplo, é a quenda de España. En cambio, os primeiros en acudir ás urnas serán os cidadáns de Estonia, entre o 3 e o 9 de xuño. A continuación, os dos Países Baixos, o 6; Irlanda, o 7; Letonia, Malta e Eslovaquia votarán o día 8.

E os nosos veciños?
A maioría votan o 9. Así sucede en Portugal ou en Francia.

Que votamos?
Eliximos os deputados do Parlamento Europeo, é dicir, os representantes que se encargarán de defender os nosos intereses comunitarios.
Como curiosidade, nestas eleccións hai distrito único: unha soa lista por país, é dicir, non cambia por provincia nin por rexión. Por iso é fácil para os partidos pequenos ter representación.

Cada canto se celebran estas eleccións?
Cada cinco anos; as últimas foron en maio do 2019.

Quen pode votar?
Os cidadáns dos 27 membros da Unión Europea. Calcúlase que hai case 450 millóns de posibles votantes. Os requisitos para facelo son ser maior de idade e estar inscrito no censo electoral, que é un rexistro onde figuran as persoas dun país ás que a lexislación lles permite o sufraxio. Tamén é necesario ter a nacionalidade dun Estado membro.

É obrigatorio?
En España, non. Pero hai algúns nos que si, como Bélxica. Non facelo pode supoñer unha multa.

Cantos eurodeputados hai?
No 2024 elixiranse 720 eurodeputados, 15 máis ca hai cinco anos. Non está permitido que se superen os 750, máis o presidente. Non todos os países teñen e mesmo número, e fundaméntase na proporcionalidade decrecente. Segundo isto, un eurodeputado dun país grande representa a máis persoas que un dun territorio pequeno. O mínimo é tres (Países Baixos) e o máximo 96 (Alemaña). España elixirá 61.

 

As enquisas, unha pista para prognosticar os gañadores

É probable que, antes da celebración dunhas eleccións, lésedes unha noticia sobre os resultados electorais previstos por unha enquisa. Hai diferentes empresas que as elaboran e miden a intención de voto dos cidadáns. Para iso, someten a un grupo de persoas a un cuestionario, que é anónimo, que lles pregunta a que partido votarán. Unha destas empresas é Sondaxe, da Corporación Voz, que agora mesmo está a preparar a súa enquisa. En España a empresa pública é o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que antes de cada comicio difunde os seus estudos. No último, e só con datos baseados en España, daba a vitoria ao PSOE, con Teresa Ribera, actual vicepresidenta terceira do Goberno de España, e o segundo posto ao Partido Popular, coa eurodeputada Dolors Montserrat. Outras enquisas danlle a vitoria ao PP.

Votar é un importante valor democrático

En España non é obrigatorio votar, xa que tanto o voto como a abstención son dereitos electorais. Hai xente que decide acudir ás urnas. Ir votar supón implicarse de maneira activa nas decisións que se toman a nivel lexislativo. Isto é así porque, ao elixir os representantes que máis se achegan á nosa ideoloxía, poderán tomar as decisións que máis nos conveñan. Por exemplo, votar a favor ou en contra dunha medida. O poder elixir é un dereito democrático, que non existía no pasado cando réximes autoritarios tiñan o poder. Agora ben, hai xente que decide non acudir. As razóns son varias, pero detrás pódese atopar un desacordo co sistema ou pode ser unha forma de expresar que ningunha opción política lles convences. Ambas as posicións son posibles, pero a participación é un importante valor democrático.

ACTIVIDADE BÁSICA

En democracia

As eleccións europeas celébranse cada cinco anos. Cal é a frecuencia dos comicios municipais, autonómicos e xerais? Que votamos en cada ocasión? Por que pensas que hai tantas eleccións?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Tres sedes e moita actividade

Entramos ao Parlamento Europeo, a institución de carácter lexislativo da Unión Europea, que ten tres sedes: a oficial en Estrasburgo (Francia), outra en Bruxelas (Bélxica), onde se realizan a maioría das actividades, e a terceira en Luxemburgo, na que se atopa a central da Secretaría Xeral. Na actualidade, está composto por 705 eurodeputados e mais a presidenta, Roberta Metsola (Malta).
As primeiras eleccións para elixir os nosos representantes de maneira directa foron en 1979. Na sede parlamentaria, os eurodeputados agrúpanse por afinidades políticas —por exemplo, todos os partidos populares e os seus homólogos en Europa—, e non por nacionalidades.
As funcións do Parlamento Europeo divídense en tres. Por unha banda, as competencias lexislativas, como aprobar a lexislación da Unión Europea, da man do Consello Europeo (formado polos presidentes nacionais) e da Comisión Europea (o Goberno efectivo); decidir sobre acordos internacionais; revisar o traballo da Comisión ou pedirlle que elabore propostas de leis. Tamén desempeña tarefas de supervisión, como o control do resto das institucións, a elección do presidente da Comisión coa maioría dos votos dos eurodeputados —na actualidade é Ursula von der Leyen—. E realiza investigacións a pedimento dos cidadáns, aproba a forma na que se gasta o orzamento da UE e debate a política monetaria co Banco Central Europeo. Por último, ten competencias orzamentarias, que en relación co anterior, consisten en establecer o orzamento da UE co Consello e aprobalo a longo prazo.
Desta forma, o seu traballo divídese en comisións (os ministros chámanse comisarios) e en sesións plenarias, destinadas a aprobar a lexislación.

Amplo abano de medidas

O Parlamento Europeo toma decisións con impacto nas nosas vidas. Exemplos hai moitos. Coa crise do covid, os eurodeputados aprobaron as normas que estableceron o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, con 750.000 millóns de euros para mitigar as consecuencias da pandemia. Outras medidas centráronse no cambio climático, coa aprobación do Pacto Verde Europeo, o cal impón o obxectivo de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 55 % para o 2030; ou na migración, xa que neste 2024 aprobou unha normativa pola que todos os países da UE deban axudarse cando se produza unha afluencia repentina ou numerosa de inmigrantes. Noutra escala, o Parlamento fixo obrigatorio o cargador común para móbiles e lexislou sobre o dereito a reparar os obxectos, que agora pode ser difícil.

ACTIVIDADE MEDIA

As ideas do parlamento

Saber se o partido que votamos está en liña coas nosas ideoloxías é fundamental. En grupos, escollede unha formación do Europarlamento e explicade a súa posición respecto á OTAN, a UE, a migración e a guerra de Ucraína.

ENTENDER

Os partidos que non cren na UE poden gobernar?

■ En Europa, hai partidos que teñen unha posición euroescéptica, é dicir, que, ou ben son críticos coa Unión Europea, ou ben se opoñen á integración intensa que vivimos na actualidade. Unha das razóns que presentan para selo é que esta comunidade resta poder á soberanía nacional.

■ Algúns exemplos son a Agrupación Nacional en Francia ou o Fidesz-Unión Cívica Húngara.

■ Poderían gobernar? Se tivesen maioría de votos, si. Aínda que non se prevé que isto ocorra, si se cre que poderían gañar forza e máis eurodeputados en comparación coas eleccións anteriores.

 

PROFUNDAR

Sete familias de formacións políticas con membros de distintos países

■ Nas eleccións europeas votamos a un partido nacional, pero todos os que saen elixidos se unen a sete grupos políticos, en función dos seus obxectivos e ideoloxía. Como mínimo, deben ter 23 membros para constituír unha formación.

■ Está o Grupo do Partido Popular Europeo, que é de centrodereita, e inclúe o PP español. O grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo, que conta co PSOE nacional, e é de esquerdas. Está o Renew Europe Group, de centrodereita, e inclúe a candidatos de Ciudadanos. Outra das opcións é o Grupo de Verdes-Alianza Libre Europea, de esquerdas, e pertencen a el ERC, de Cataluña, Bildu no País Vasco, ou o BNG, de Galicia, que agora se presentan na coalición Ahora Repúblicas. E no Grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos, de dereita, sitúase Vox.

■ Por último, o Grupo Identidade e Democracia non ten ningún español entre os seus membros.

■ Cada partido político ocúpase da súa propia organización e escolle os seus presidentes, vicepresidentes e secretarios. Non poden obrigar aos seus membros a votar dunha maneira, senón que o voto é libre.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies