ANA T. JACK
«Non entendo como o meu fillo suspende tantas materias: asegúroche que é chegar do instituto, comer e encerrarse horas e horas a estudar no seu cuarto ata que o chamo para cear», coméntalle preocupada a nai de Álvaro, de 2.º de ESO, á súa titora. «E supervisas como se organiza ou se realmente está concentrado nos estudos todas esas horas?», pregúntalle. «Ah, non, el non quere que lle molestemos, di que é autónomo e responsable, e que xa el se ten algunha dúbida pregunta polo chat aos seus amigos». É probable que neste caso, como en tantos outros, estean fallando a organización, a planificación, o método de estudo e a concentración.

Porque hai cousas que sabemos que á hora de pórse a estudar non funcionan. Por exemplo:

Pórse diante dos libros e pasmar ou ler unha e outra vez un texto de forma meramente repetitiva.

Estudar con interferencias do móbil ou outros dispositivos tecnolóxicos con notificacións, mensaxes…

 Meterse unha enchente con toda a materia do trimestre nunha soa tarde sen chegar a asimilar nada.

 Quedar toda a noite sen durmir cunha bebida enerxética á beira.

 Enfrontarse a todas as materias (por exemplo a Matemáticas e a Historia) co mesmo método de estudo.

 Pasar a limpo todos os apuntamentos e pensar que iso vai ser suficiente para reter a información.

En cambio, está demostrado cientificamente que si funciona:

 Facer resumos ou esquemas a man, mellor que no computador, xa que facilita a memorización e as respostas nos exames.

 Alternar as materias: segundo o último estudo realizado pola Universidade de Harvard sobre a aprendizaxe con éxito, o mellor é ir reforzando a memoria a longo prazo traballando varias materias á vez (facendo pequenos descansos dunha a outra) no canto de pegarse enchentes con cada unha das materias.

 Lembrar o xa lido mellor que reler o texto. É mellor ler unha vez en profundidade e intentar evocar o xa lido que reler unha e outra vez de forma superficial.

 Elaborar fichas sintéticas cos datos máis importantes que haxa que estudar (fórmulas, definicións, datas clave, normativas, capitais de países…), o que facilita o repaso rápido.

 Fuxir da memorización literal e substituír así a aprendizaxe memorística pola significativa (relacionando co que xa se sabe, explicándoo coas propias palabras e buscando exemplos próximos).

 Descansar o suficiente para ter o cerebro en condicións óptimas.

O clásico método que non falla

Hai quen asegura que prefire estudar Historia da Arte escoitando podcasts de Internet. Outros din que lles resulta eficaz facer debuxos para lembrar a materia. Incluso hai quen grava a lección coa súa propia voz e logo a escoita unha e outra vez. En fin, cada un ten o seu método favorito. Pero se hai un que non falla, é este:

1. Lectura completa rápida do tema. Serve para calcular o tempo e o esforzo que é necesario investir (segundo a súa extensión, dificultade do vocabulario ou familiaridade dos contidos). Trátase de botar unha primeira ollada xeral e de captar as ideas xerais da lección.

2. Subliñado. Un bo subliñado ten que permitir, só coa súa lectura, captar o significado de todo o texto. Debe destacar as ideas principais e as secundarias con claridade. Por exemplo, utilizando a cor vermella para as primeiras e a azul para as segundas. Utilizar máis cores pode resultar confuso. Neste segundo paso é imprescindible estar concentrado e comprender o que se le. En caso contrario, no canto de seguir lendo, é mellor volver atrás.

3. Elaboración dun esquema ou resumo. Se se fixo ben o paso anterior, este sairá só, xa que o esquema ou resumo é a aplicación gráfica do subliñado. Trátase de sintetizar, de forma estruturada e lóxica, as ideas principais e secundarias que xa están destacadas. Este esqueleto é de grande axuda á hora de estudar. Pero para que sexa útil de verdade debe cumprir catro condicións:

Ser breve e facilitar a comprensión.

Utilizar linguaxe telegráfica, sintética.

Seguir unha orde lóxica na presentación das ideas.

Facilitar unha visión rápida, global e xerarquizada do tema.

4. Memorización. Agora falta reter as ideas principais e secundarias na memoria. Co esquema ou co resumo diante, esta tarefa resultará moito máis sinxela. Trátase de lelo tres ou catro veces, intentando conectalo co que xa se sabe, recorrendo a técnicas de asociación ou a imaxes mentais. Neste paso tamén hai que estar moi concentrado para que non haxa interferencias nin se alongue innecesariamente o tempo de estudo.

5. Repaso. Este é o gran segredo para loitar contra o esquecemento. E curiosamente, onde fallan moitos estudantes. De feito, se non se chega a este último punto non serven de nada os pasos anteriores: a maior parte do que se aprende esquécese nas primeiras 24 horas. É o que moitas veces explica que saiban a lección en casa pero non no exame. Así que o número de repasos debe programarse segundo a proximidade ou distancia do día da avaliación. E a lucirse no exame!

Escola de Familias

Tema do mes. Aprender a estudar

Etapa. Educación primaria e secundaria

A frase. «A mente é como un paracaídas: só funciona se se abre» (Albert Einstein)

A evitar. Confiar en que, se se encerran no seu cuarto durante horas, significa que están a estudar

Algunhas claves. Axudar os fillos a seguir un método de estudo eficaz que lles permita render máis en menos tempo

Para saber máis. «Técnicas de estudio: 15 recursos para ofrecer a tu alumnado», recompilación realizada pola web especializada Educación 3.0 (https://cutt.ly/rkgDsJv)

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies