L. CANCELA

Seguro que, aínda que non te deras conta, escoitaches algunha vez á túa familia falar das cousas nas que gastan o diñeiro. A comida, a roupa, a gasolina ou a luz… Para non malgastar os cartos, a maioría das familias teñen que planificar un orzamento mensual. Unha boa planificación equilibrará ingresos (o soldo) e gastos (as facturas), de forma que nunca se necesite máis diñeiro do calculado e mesmo se poida aforrar algo. Con todo, poden xurdir imprevistos e ser necesario usar os aforros ou pedir un préstamo. Isto non é algo que só fan os teus pais. O Goberno prepara cada ano os Orzamentos Xerais do Estado, é dicir, as súas propias contas. É unha lei e tramítase no Congreso, onde foi aprobada o xoves pasado. Imos debullala!

Canto diñeiro contemplan?

455.978 millóns de euros para todos os gastos. Si, liches ben. É moito diñeiro. De feito, é o maior gasto e investimento da historia. Pero é necesario porque vivimos un momento delicado no que os prezos están subindo, hai unha guerra en Ucraína e os efectos da pandemia seguen reducindo os petos dalgunhas persoas.

En que se investirán?

Máis da metade do diñeiro orzado, en concreto seis de cada dez euros, destinarase a gasto social. Isto significa moitas cousas. Por exemplo, subirán as pensións dos nosos avós, e as familias con máis dificultades ou as persoas dependentes percibirán máis axudas.
O Goberno aumentará o gasto en sanidade e subvencionará os viaxes en tren, que serán gratuítos durante o 2023, e os mozos terán máis axudas para pagar os alugueiros e os estudos.

De onde virá o diñeiro?

A cantidade máis grande extráese dos ingresos (o que o Estado recada cos impostos), das axudas da Unión Europea (porque formamos parte da comunidade) e dos préstamos que pide o Goberno. Existen dous tipos de impostos. Os directos, que se extraen dos ingresos dos cidadáns e das empresas en función da súa riqueza; e os indirectos, que son os mesmos para todos e pagámolos cando compramos unha cousa ou un servizo. Por exemplo, ao ir ao salón de peiteado.

Cando se aplicarán?

A partir do 1 de xaneiro do 2023. O xoves os Orzamentos foron aprobados no Congreso dos Deputados, que é o lugar onde se atopan os representantes políticos dos cidadáns. Conseguiron 187 votos a favor dos 350 que hai (en realidade foron 349, porque hai un escano de Podemos sen cubrir). O Goberno necesitaba como mínimo 176.
O seguinte paso é que sexan aprobados polo Senado, que terminará de examinalos e poderá presentar modificacións.

Serán os últimos orzamentos do actual Executivo de coalición

Estes serán os últimos Orzamentos Xerais do Estado na actual lexislatura do Goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos. Se os do 2020 e o 2021 se aprobaron cos efectos da pandemia entre a poboación, nestes o impacto económico da guerra en Ucraína tivo moito que ver. Hai moitas familias que están a pasalo moi mal, e por iso o Goberno trata de darlles máis apoio. Esta maioría de votos logra un fito dos últimos anos. Son os terceiros Orzamentos consecutivos do Goberno, algo que non pasaba en España desde o 2015.

A aprobación do xoves chegou despois de tres días de negociacións entre os partidos que votaron que si. É habitual que os partidos presenten emendas (propostas de cambios), e que das totais se acepten algunhas.

 

 

Para que serven os impostos? O médico e o colexio son algúns exemplos

Os impostos son diñeiro que todos os cidadáns pagamos de forma obrigatoria para que os servizos públicos funcionen con calidade. É como se os teus pais che sacasen 50 céntimos da paga ao mes pola luz que gastas. Salvando as distancias, os impostos estatais van a cuestións moi importantes. Podemos entendelo dunha forma moi simple: hai cousas do noso día a día que podemos conseguir co noso diñeiro. Por exemplo, a comida. Con todo, hai outras que é necesario abonalas con impostos para que todo o mundo teña o mesmo acceso. Por iso os tributos se destinan a pagar aos médicos ou á policía, a construír hospitais e colexios, a que poidamos ter educación gratuíta ou a manter os parques limpos. Reflexiona cos teus compañeiros sobre de que forma che benefician as taxas.

 

 

 

 

ACTIVIDADE BÁSICA

Educación financieira

A educación financeira é algo moi importante nas nosas vidas. Cando a túa familia elabora un orzamento seguro que ten en conta tres factores: os ingresos mensuais, como os salarios ou pensións; os gastos fixos de cada mes, como pagar a luz, e os variables, como ir ao dentista. Elabora agora o teu propio documento. Imaxina que, ao xuntar todo o que recibes ao ano tes 1.000 euros. En que os gastarías? Pensa que tes que repartilos de forma intelixente para cubrir todos os teus gastos de 12 meses.

—————————————

As actividades desta unidade están deseñadas por L. Cancela

Chove diñeiro desde Europa

A achega da Unión Europea (UE) aos Orzamentos Xerais do Estado do 2023 non ten precedentes. O certo é que Europa, e en concreto España, tampouco viviu unha situación similar desde que se instalou a democracia. En dous anos pasamos por unha pandemia (con graves consecuencias económicas) e estamos a atravesar o impacto da guerra en Ucraína, cunha subida de prezos desmesurada. Con este panorama, pódese entender mellor o papel que o Vello Continente ten nas nosas contas actuais e futuras.

Non sucedeu o mesmo na crise do 2008. Durante este revés económico, a UE non axudou do mesmo xeito aos seus países membros a facerlle fronte, en especial, aos do sur, como España, que o pasaron moito peor. Tamén é verdade que a natureza de ambas as crises é diferente. A primeira debeuse a un desequilibrio inmobiliario, mentres que o choque económico máis recente foi un problema de saúde pública que afectou a todos os Estados membros.

En todo caso, desde que o covid chegou ás nosas vidas o papel de Europa foi fundamental. Aprobouse o paquete de fondos Next Generation, cun orzamento de 750.000 millóns de euros, para contribuír á recuperación de todos os países. Dentro deste plan, España recibirá 140.000 millóns de euros. Para que servirán? Para modernizar a economía, crear emprego e facer que o noso país sexa máis resistente en futuras ocasións. Estas axudas inclúense nos Orzamentos Xerais do Estado precisamente porque son unha parte fundamental dos ingresos. En total, os fondos da UE achegaron 25.156 millóns de euros. Unha cifra que se suma aos 53.000 millóns recolleitos nas contas públicas dos últimos dous exercicios. De feito, investilos sería unha boa forma de evitar, en parte, os prognósticos máis pesimistas sobre a economía. Así que o Goberno se xoga moito con eles; agora ben, hai que investilo con xeito, porque é unha oportunidade única para mellorar, non para tirar o diñeiro.

Pola súa banda, a Comisión Europea deu a súa aprobación ás contas do Estado, e dixo que están equilibradas.

A mellora de infraestruturas, o núcleo dos orzamentos para Galicia

Andalucía e Cataluña serán as comunidades que máis recibirán dos Orzamentos Xerais do Estado. Noutro extremo, Galicia apenas ve mellorada a cantidade que se lle outorgou o ano pasado. Do total das contas, o Goberno destinará o 8 % á comunidade (uns 13.444 millóns). Esta repartición explícase porque nas dúas primeiras comunidades vive máis xente. Paréceche xusto repartir así?

E en que se dividirán? Estas contas, ademais de ser as máis sociais, son tamén as que máis diñeiro destinan a infraestruturas. Vexamos algunhas das partidas: na Coruña utilizaranse para construír a estación intermodal, un espazo para conectar o autobús co tren e que sexa máis doado usalos. En Vigo melloraranse as liñas de ferrocarril que van a Ourense. En Santiago destinarase unha gran cantidade á construción dunha autovía entre a capital e Lugo. Por outra banda, as prioridades en Pontevedra céntranse no porto de Marín, mentres que o diñeiro de Ourense mellorará as conexións ferroviarias e por estrada. En Lugo tamén se construirá unha estación intermodal, e en Ferrol instalarase o novo programa de fragatas para a Armada.

Este é só un breve repaso. Pulsa aquí e nesta noticia poderedes acceder á desagregación. Que é o que afectará á túa comarca?

ACTIVIDADE MEDIA

Os impostos no noso día a día

Vós tamén sodes contribuíntes. Cada vez que comprades uns pantalóns, por exemplo, estades a pagar tributos. Durante un par de días, rexistra todo o que compres, e investiga o IVE aplicado a cada cousa. Compárteo coa clase.

ENTENDER

Todos os gobernos aproban as súas contas

As contas do Goberno de España non son as únicas que se fan estes días. Todas as institucións teñen os seus presupostos.

A Xunta tamén aproba os seus Orzamentos a través da Consellería de Facenda, que se encarga de elaboralos cada ano. De feito, os do 2023 son os que terán un maior teito de gasto. Debido ao traspaso de competencias ás comunidades autónomas (elas encárganse de moitos servizos), estes Orzamentos servirán para que as escolas infantís sexan gratuítas para todos os nenos, para mellorar os hospitais e os centros de saúde ou para a loita contra o lume.

De igual forma, cada concello aproba os seus orzamentos. O diñeiro municipal destínase ao mantemento de instalacións deportivas, á xestión de lixos ou a certas actividades de cultura. Reciben o diñeiro do Estado e tamén dos impostos, xa que os teus pais pagan por ter coche ou piso, ou por baixar o lixo e que o recollan.

 

ACTIVIDADE AVANZADA

Onde se paga máis?

Moitos din que España ten moitos impostos. Con todo, non é o país do entorno europeo no que máis tributos se pagan. Investiga cales quedan por diante. Despois debatede en clase: deberían baixarse, manterse ou mesmo subirse? Por que?

PROFUNDAR

Os partidos políticos esixen medidas a cambio de dar o si aos orzamentos. É moralmente lexítimo?

A aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado non foi cousa fácil. O Goberno tivo que negociar para conseguir votos a favor. É habitual que, de non ter maioría para aprobar unhas contas novas, o Goberno teña que pactar cos distintos partidos.

Ao presentar os orzamentos, estes pasan un primeiro exame eliminatorio. Falamos das emendas á totalidade, que é unha proposta para cambiar todo o documento. No caso dos orzamentos, só o Executivo pode modificalos.

A finais de outubro, ERC, o PNV e EH Bildu (partidos nacionalistas periféricos) anunciaron que non presentarían ningunha emenda e que apoiarían a tramitación dos orzamentos. Iso si, pedindo algo a cambio. Vexámolo.

ERC conseguiu que se transfiran 900 millóns a Cataluña, e seica outros beneficios políticos, como a reforma do delito de sedición. A nota máis polémica deuna o pacto con EH Bildu, que ademais de conseguir unha prórroga para o 2023 do límite do 2 % á suba dos alugueiros, tamén obtivo o compromiso do Estado de pasar as competencias de tráfico (que agora ten a Garda Civil) á Policía Foral de Navarra.

O principal partido da oposición, o PP, que presentou unha emenda á totalidade que non tivo efecto ningún. E criticou duramente o acordo con EH Bildu porque entende que o PSOE «vende» a unidade de España por apoios ao presuposto. Como o vedes vós? Son moralmente lexítimas estas transaccións?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies