JESÚS GARRIDO

Aínda que non é doado, o tema do sentido crítico e a súa aplicación á noticia na aprendizaxe das áreas escolares vímolo desenvolvendo en La Voz de la Escuela desde o 2 de novembro. Diciamos na edición anterior desta páxina 3 que a teoría didáctica (TD) afirma que o importante no ensino é coleccionar datos, sen ocuparnos demasiado da súa análise. A teoría crítica (TC) propón, en cambio, aplicala á aprendizaxe da noticia, e insiste en distinguir con claridade en que se diferencian ambas as teorías.

Propuxemos algúns exemplos na anterior entrega, pero imos insistir no tema para logo comprobar na aula que se pode facer no estudo semanal das noticias conectando coa actualidade a aprendizaxe das diversas áreas académicas. É posible alternar ou combinar a aprendizaxe do temario académico con estes exemplos que a aplicación do xornal na aula propón? Seguro que ambas as propostas se interaxudan e dan un resultado positivo. Pero en que teoría, TD ou TC, incidimos máis? Que resultados obtemos?

Seguimos coa proposta de actividades TD e TC, segundo as pautas que propuxo Richard Paul no seu libro Critical Thinking, lembrando que o importante non está nos exemplos concretos, senón en recoller diversas actuacións reais que se nos presentan no desenvolvemento normal da actividade lectiva nas nosas propias aulas.

Sobre o sistema dual TD/TC, elíxese un tema que mostre o noso tipo de actuación na aula ou noutras situacións educativas, mesmo de tipo relacional, é dicir, de relacións sociais. Na nosa forma de actuar na aula, insistimos máis na teoría e na práctica TD ou acudimos máis ao estilo TC? Ou poderiamos repartirnos adecuadamente? Pódese evidenciar tamén mesmo nas conversacións sobre un tema ou na preparación dalgunha actividade na aula ou no estilo preferente do centro educativo.

Suxerimos algúns exemplos de tipo educativo, elixindo algunha das alternativas a continuación, e preferimos onde estamos ou intentamos estar. Que eliximos, quizais en teoría, ou talvez na práctica real de cada día?

Capacidade de escoitar

Na TD a capacidade de escoita depende, dicimos, de tres factores: do interese dos alumnos pola materia, do sentido de disciplina que o profesor logre na súa clase para que os alumnos estean atentos e da forza persoal de vontade que cada alumno teña. E xa está!

Na TC, pensamos que está ben a análise e a erudición sobre o tema. Pero, ademais de todo iso, hai que engadir un factor máis: a capacidade de escoita mellórase co adestramento. Os profesores debemos presentar unha serie de exercicios graduados que axuden aos alumnos a mellorar a súa capacidade de escoitar. Que facemos para logralo?

Saber ler e escribir

Na TD saber ler e escribir leva consigo unha serie de habilidades e destrezas básicas que é necesario aprender ben. Pero o importante é que lean e escriban e logo, dise, xa veremos en que consiste facelo ben.

A TC suxire que o desenvolvemento da capacidade crítica non é algo sobreengadido despois. E isto debe ir acompañando, aos poucos, ao alumno nos seus escritos de cada día.

Facer preguntas

Na TD a maioría dos alumnos non preguntan, porque adoitan entender suficientemente o que se lles di ou len pola súa conta. De feito, isto sucede na miña clase… ( ¿Que opinas?).

A TC defende, en cambio, que non ter preguntas adoita ser peculiar dos que non están a entender moito. Os que de verdade queren aprender preguntan continuamente. Grazas a iso, chegan a ter opinións fortes, contrastadas, sobre o que lles rodea: temas, persoas, feitos… Ter dúbidas, e convertelas en preguntas, é un bo camiño para empezar a buscar solucións.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies