SARA CARREIRA

Os rapaces non saben moito da actualidade da súa contorna. Moitos deles non coñecen o que pasa ao seu arredor, como moito teñen a opinión da súa familia sobre un asunto concreto. Iso xa non lles vai acontecer aos alumnos de 4.º de ESO do CPI Dr. López Suárez, do Saviñao. Eles, coa súa profesora Ana María Campo López ao fronte, mergulláronse nun dos asuntos máis polémicos da comarca nos últimos anos: a declaración da Ribeira Sacra primeiro como ben de interese cultural (BIC) e agora o nomeamento a ser Patrimonio da Humanidade da Unesco.

A poboación da zona divídese entre quen están encantados coa idea de conseguir a declaración, porque vai traer turistas á zona e quen non queren nin oír falar do asunto, precisamente porque vai traer turistas á zona. Ademais, mentres a uns a declaración non lles afecta en exceso, outros temen perder a liberdade á hora de xestionar as súas terras.

Non queren falar

Os rapaces do Saviñao comezaron a reportaxe a principios do 2020, cando facían 3.º de ESO, pero rematárono agora, xa en 4.º de secundaria; no curso pasado colaboraron estudantes que entonces facían 1.º e 4.º da ESO. A pandemia impediulles percorrer fisicamente a comarca para recoller o sentir da xente. «O máis atractivo desta iniciativa —explica Ana María Campo— era o traballo de campo, ir aos diferentes sitios para recoller a información», e iso truncouno o covid en marzo, aos poucos de empezar.

Facer a reportaxe aprendeulles que cando se trata dun asunto tan polémico ninguén quere falar en voz alta: «Levaron un chasco cando chamaron á xente e ninguén quería opinar», recorda Campo. De feito, tiñan preparada unha pequena enquisa que houberon de esquecer por falta de participación.

Unha das cousas que lles quedou patente foi a pouca información que tiñan os seus veciños sobre o que supón unha declaración como a da Unesco. Os políticos aos que preguntaron si contestaron, todos a favor do nomeamento, pero outra cousa é a xente do común, que non quería que ninguén soubese a súa opinión.

Ana María Campo cre que a experiencia foi moi enriquecedora, como o é sempre traballar coa prensa: «Achega moito o ter que falar, que resumir o que un recolle e reflexionar sobre iso». Os rapaces exercitan a comprensión lectora, son quen de resumir o que escoitaron e melloran na súa escritura. Aínda que neste ano non puideran facer moitas das iniciativas previstas —os blogueiros do Sorriso de Daniel, especialistas en arte, ían ir ao centro—, Campos destaca ese traballo de contacto coa xente.

Agora van ampliar esta vinculación entre os colexio e a contorna, porque van poñer en marcha unha radio escolar para seguir sendo reporteiros.

PREMA AQUÍ PARA LER A REPORTAXE

AS CHAVES

TRABALLO DE CAMPO

Foi o que máis lles gustou á estudantes e profesora, aínda que a pandemia limitou esta actividade ás primeiras semanas de traballo, en febreiro do ano pasado

SILENCIO

Os alumnos descubriron que cando se trata dun asunto polémico, moita xente non quere dar a súa opinión en voz alta. Tamén descubriron que para ter unha opinión hai que dispoñer de información, e iso non é tan sinxelo

REFLEXIÓN

A profesora, Ana María Campo, destaca a reflexión que tiveron que facer os alumnos para escribir a reportaxe, algo ao que non están afeitos no seu día a día.
Practicar a comprensión lectora profunda e a escritura foron outras das vantaxes de ser xornalistas

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies